Inicios do atletismo no Morrazo

Torneos de pedestrismo de Cangas (II)

Historia da popular carreira atlética que hoxe se celebra na vila

Carrera xuvenís 1972.

Carrera xuvenís 1972. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas

Nos anos setenta, o Torneo pedestre de Cangas estaba consolidado, ainda que habería anos de baixa participación, da que se repuxo. Coa chegada da democracia vai ser a Asociación de Pais de Darbo a que en colaboración coa Federación de Deportes Provincial, tome as rédeas do Torneo nos anos vindeiros, incrementándose loxicamente a participación dos rapaces en idade escolar. Anos despois, este Torneo deviría no actual Memorial Pepe Cordeiro

O V Trofeo de Cangas celebrouse o domingo 28 de novembro de 1971 e unha semana antes tería lugar o I Torneo desta modalidade en Vilagarcía, seguindo a extensión deste deporte polas vilas. A xornada deste ano en Cangas convocou de novo aos clubes provinciais e abriu a mañá cunha proba de alevíns e infantís na que participaron unha trintena de nenos. Logo fíxose a proba de Debutantes (2.000 m.) cuxos primeiros postos foron copados por atletas do Celta, chegando primeiro Pastoriza. En Xuvenís (2.000 m.) tamén se imporía o atleta do Celta Ayuso e en Féminas (agora 1.000 m.) gañaría Pilar Cabaleiro, chegando Loly García, muller de Álvarez Salgado, case a par dela. Na proba de 4.000 m. Juniors gañaría Celso Miramontes do Atlética vigués, seguido a poucos segundos de Durán Calvo do Celta e nos 7.000 m. Seniors, o gañador foi Javier Álvarez Salgado que correu máis da metade da proba xunto a Tasende (2º) e Carlos Pérez (3º), deixando que estes se marchasen sós un tempo para logo incrementar o seu tren e batelos.

Como frouxo en asistencia de atletas foi cualificado o VI Torneo de 1972, sen as grandes figuras de antano e con defectos de organización ao dicir da Federación provincial. Na proba de infantís locais (1.000 m.) gañou Graña seguido de Martínez, ambos do Instituto e terceiro González do Luceros da OJE canguesa. En Debutantes (2.000 m.) o trunfo foi para Mallo do Celta e en Xuvenís (2.000 m.) Iglesias Pastoriza do mesmo equipo. En Féminas (1.000 m.) venceu Pastoriza tamén do Celta e en Juniors (4.000 m.) Durán Calvo do mesmo equipo. A proba de 7.000 metros Senior foi gañada por Rubén Sanmartín do Celta que antes militara no Liceo Marítimo vilagarcián.

No ano 1973, mentres o Grove inicia en novembro o seu I Premio de Pedestrismo, a tradicional proba de Cangas non vai celebrarse na sua data habitual, pasando adisputarse en xaneiro do ano seguinte. No ámbito atlético deste ano, só o Centro Recreativo e Cultural, que lle acababa de engadir de novo o de Deportivo, celebraría en maio un Cross escolar con varias categorías para alumnos das escolas e do Instituto que tería unha segunda edición no ano seguinte con escolantes da localidade e de Marín, Bueu e Moaña. A mediados de decembro deste ano 1973 a Federación Provincial de Atletismo escollería Cangas para celebrar unhas probas provinciais de Campo a través.

Carlos Pérez, 1967.

Equipo atletismo OJE Cangas nos anos 70. / Arquivo do autor

O VII Trofeo de Pedestrismo do Concello vaise celebrar o domingo 20 de xaneiro de 1974, tendo como prolegómenos competicións atleticas nas categorías de alevíns, infantís e cadetes, enmarcadas nuns Xogos Escolares de Zona, a maioría competicións de equipo, promovidos pola Delegación de Xuventude de Pontevedra. En Alevíns (900 m.) venceu Fajardo González de Beluso, en Infantís (1.300 m.) J. Costas de Moaña e en 1.700 m. Cadetes, Jasó Paz do Instituto de Cangas. No Trofeo de Pedestrismo participaron oito clubes e foron 48 os participantes, o que dá unha idea da situación deste deporte nestas datas. En Xuvenís (1.000 m.) gañou Miranda do Atlética de Vigo; en Juniors (5.000 m.) Ayuso Rodríguez do Celta e en Seniors (7.000 m.) gañou o trofeo Durán Calvo, tamén do Celta.

A VIII edición do Trofeo de Pedestrismo Ayuntamiento de Cangas tivo lugar o domingo 19 de xaneiro de 1975 comezando con probas para os nenos e nenas da localidade nas categorías de alevíns, infantís e cadetes. Logo celebrouse a proba de 3.000 m. de Xuvenís con moitos corredores do Aleta-OJE vigués pero o gañador foi Santorum Paz do Arousa-OJE. A carreira de Juniors sobre 5.000 m. foi gañada por Pacios Sangiao do Estudiantes de Lugo, seguido de Cancelas do Atlética vigués e Fernández López tamén de Lugo. A proba feminina sobre 2.000 m. foi disputada só entre cinco contendentes, gañando Pilar Sanmartín do Celta e na de Senior (7.000 m.), o vencedor do Trofeo foi Barragáns do Gimnástica vigués. Neste ano vai ser a vila da Guarda a que se sume ás probas pedestres nas vilas da provincia.

Álvarez Salgado, 1971.

Álvarez Salgado, 1971. / Gonzalo Núñez

O domingo 19 de xaneiro do 1976 tivo lugar a IX edición do Trofeo nun día moi frío pero con moito público. Despois das probas para nenos e nenas celebrouse a de Xuvenís con moita participación, conseguindo o trunfo Magán do Universitario de Santiago, seguido de Oliveira do Celta co que mantivo unha dura pugna. Na de Juniors, con baixa participación, venceu Cordero do Celta e na de Féminas Pilar Sanmartín e Flora Carrera, ambas do Celta, foron primeira e segunda respectivamente. O Trofeo de Seniors foi para Feijóo, seguido de Pacios, ambos do Estudiantes de Lugo, activándose as alarmas no equipo do Celta que ao pouco tiña que revalidar o seu título de campións de Galicia.

O trofeo de 1977

O X Trofeo, celebrado o domingo 16 de xaneiro de 1977, convocou atletas do Celta, Atlética e Comesaña de Vigo, do Gimnástica de Pontevedra, do Universitario de Santiago, do Estudiantes de Lugo, do Xuvenil de Ponteareas e outros participantes individuais federados. Nos 3.000 m. Xuvenís gañaría Hermida, seguido de Rodríguez e Sieiro os tres do Atlética vigués e na de Junior gañou o independente Arturo Sieiro. Na de Féminas, a gañadora foi Flora Carrera do Celta que ao pouco de comezar xa se lanzou, correndo practicamente en solitario. Na proba reina dos Seniors venceu Feijóo do Estudiantes de Lugo, sendo segundo o independente Pacios, tamén lucense, e terceiro Cordeiro do Celta.

En 1978 celebrouse a undécima edición do Trofeo Ayuntamiento de Cangas que tivo lugar o domingo día 15 de xaneiro coa particularidade de que o organiza a Asociación de Pais do Colexio Público de Darbo con motivo de se celebrar un Campionato Provincial Escolar. As probas escolares comezaron ás dez da mañá en diversas categorias con gañadores de distintos colexios. Por seren abondosos, só imos mencionar aos gañadores e gañadoras da nosa zona que foron María de Cangas en Alevíns femininas (ano 66) e Alicia de la Campa e Eva Bon da Compañía de María das nacidas en 1967. En infantís masculino Juan Carlos Gregorio do Hio alcanzou un terceiro posto e na categoría Cadetes feminina quedou terceira Mª Eugenia Guardado do colexio de Darbo. En Xuvenís masculinos,o gañador foi Manuel Martínez e segundo José A. Martínez, os dous de Darbo.

Nas competicións federadas, a proba de Féminas xuvenís foi para Mercedes Fernández do Universitario de Santiago e a de Juniors-Seniors para Flora Carrera do Celta. En Xuvenís masculinos, o Celta colocou tres atletas nos primeiros postos, sendo o gañador Guillermo González. En Juniors venceu Miguel Magán do Universitario e na proba de Seniors o gañador foi Estanislao Durán do Departamento Marítimo do Ferrol, seguido de Javier Álvarez Salgado do Celta e Juan Santos do Deportivo da Coruña. O domingo 14 de decembro de 1978 tería lugar o I Cross Escolar en Darbo, organizado polos mestres e o apoio da Federación Provincial de Atletismo.

A XII edición do Trofeo de Cangas de 1979 tivo lugar o domingo 14 de xaneiro e tamén correu a cargo da A.P.A de Darbo. Nas competicións de nenos e nenas en idade escolar foi o Celta quen se impuxo nas probas, agás en Alevíns femininas que gañou Malvido da Compañía de María. Se frouxa foi esta competición de idade escolar, a de federados só contou con dous equipos de Vigo, o Celta e o Comesaña, vindo da provincia da Coruña o Universitario de Santiago e o Club Marina do Ferrol con algúns atletas. As probas máis destacables foron a de Juniors que gañou Ernesto Rodríguez do Celta, en dura competencia con Magán do Universitario , a de Xuvenís, que gañou Ibáñez do Celta e a de Seniors que foi para Estanislao Durán, agora no Celta, que tivo no chileno Silva o único rival de altura.

Figuras do Atletismo en Cangas:

Carlos Pérez

Carlos Pérez

Carlos Pérez / Arquivo do autor

O vigués Carlos Pérez Alonso participou nas probas de Cangas desde o 1967 a 1971 gañando o Trofeo senior tres veces. Comezou no Alerta e logo pasou á sección de atletismo do Celta, sendo 12 veces campión galego e 15 campión de España en diferentes modalidades, a maioría de longa distancia. En 1958 proclamouse por primeira vez campión de España, na proba de 10.000 metros, título que revalidou nos dous anos seguintes, e tamén en 1968. En 1959 foi ademais, campión de España de 5.000 metros de campo a través (revalidando este último título en 1960) e nos Xogos Mediterráneos alcanzaria o bronce en 5.000 m., quedando 4° nos 10.000. Neste mesmo ano 1960, nos Xogos Iberoamericanos en Chile, conseguiría a medalla de bronce en 10.000 m. En xuño de 1966 proclamouse campión de España de maratón, batendo ademais o record de España polo que participou no Campionato dc Europa, batendo o crono anterior. En 1967 logrou o bronce na maratón nos Xogos Mediterráneos de Túnez, participando asemade cn tres Olimpiadas (Roma 1960, México 1968 e Munich 1972). Ademais destas competicións, o seu palmarés inclúe moitas outras probas nas que fixo podio e bateu varios records.

Javier Álvarez

Javier Álvarez.

Javier Álvarez. / Arquivo do autor

Despois de dous frustrados intentos para correr en Cangas, Javier Álvarez Salgado participa ao fin no Torneo Pedestre cangués de 1971, traendo con el xa, unha ampla bagaxe de éxitos deportivos como a participación nos Xogos Mediterráneos de 1967 e 1971, nos Xogos Olímpicos de México de 1968, campión da San Silvestre Vallecana deste ano, nos Campionatos Europeos de Atletismo de 1970 e 1971, nos Xogos Mediterráneos deste ano e moitas máis competicións que o fixeron internacional 45 veces, conseguindo moitas medallas e records, sendo campión de España en diversas modalidades.

Loly García

Loly García.

Loly García. / Arquivo do autor

A viguesa Mª Dolores García gañou a carreira de Féminas do Torneo cangués en 1969 con 19 anos. Dous anos antes, no ano 1967, Loly gañara a San Silvestre Vallecana e o premio foi unha cubertería e un “picardías” que a fixo avermellar. Porén, o que ainda era o seu mozo, o atleta J. Álvarez Salgado recibiu 15.000 pesetas por participar. O ano anterior a ir competir a Cangas, tiña logrado ser primeira en 800 m. no Campionato de España, batendo o récord da especialidade. Non sabemos cal foi o premio que lle deron en Cangas pero debeu ser máis discreto.

Un coruñés en Cangas

Ramón Tasende.

Ramón Tasende. / Arquivo do autor

Ramón Tasende Ferreiro foi pioneiro na sua cidade en deportes como o xudo, o ciclismo ou a escalada pero foi no cross e no pedestrismo onde asinaría o seu mellor palmarés, que o colocaría entre os mellores atletas galegos a pesar do seu curto percorrido deportivo. Tasende foi o introdutor da sua irmá no deporte e ficharía no 1970 polo Celta, competindo tres anos neste club co que acudiu ás citas do Torneo de Pedestrismo de Cangas. Ramón sería 14 veces campión de España e 87 veces internacional, recibindo a insignia de ouro de varias institucións. Xunto con Álvarez Salgado e Carlos Pérez no equipo de atletismo do Celta, conseguiron o Campionato de España de Cross e tamén o Campionato Europeo de Clubes.

O longo percorrido do atletismo feminino

Aurora Villa (2ª dta.) no Campeonato de España de 1932.

Aurora Villa (2ª dta.) no Campeonato de España de 1932. / Arquivo do autor

Resumir o Atletismo feminino é doado pois Couberlin cando puxo en marcha os Xogos Olímpicos a finais do XIX, nunca contemplou a participación feminina por considerar á muller non apta para a competición. Nos Xogos de 1900 en París, deixaron participar a 22 mulleres de xeito testemuñal e non oficial, en disciplinas consideradas “acordes á naturaleza femenina” como o golf e o tenis. Nos Xogos seguintes foron incorporados o Tiro con Arco primeiro e a Vela e a Patinaxe Artística habendo reparos pola sua escasa vestimenta. Grazas a Alice Milliat, practicante de Remo, que funda Fédération Sportive Féminine Internationale (FSFI), oficialízase a presenza feminina nos Xogos de Amsterdam de 1928 en só cinco probas e con polémica, pois Coubertin afirmou que “Para elas a graza, o fogar e os fillos, a competición deportiva para os homes, que nesta exaltación do deporte masculino, teñen como recompensa o aplauso das mulleres”. Xa que logo, ditaminouse que as mulleres non pudesen correr máis de 200 m. e así foi ata 1960 en Roma.

En España, o atletismo feminino tivo ainda máis trabas que en Europa e só na época republicana alcanzou especial impulso, destacando Aurora Villa, a primeira en participar en dez modalidades de atletismo, ou Pilar Fernández, once veces campioa de España de Cross. Estes avances foron freados polo Franquismo que consideraba á muller diferente ao home por razóns de tipo biolóxico e relixioso, xogando a Igrexa un papel importante nesta concepción bíblica que incluso superaba á ideoloxía de Falange e da Sección Femenina. Curiosamente, desde 1938 houbo uns Campionatos Nacionais de Natación femininos que serían moi criticados pola escasa indumentaria das participantes. En anos sucesivos deste Campionato, fóronse incorporando o Hockey herba, Tenis, Baloncesto, Ximnasia e Esquí, e no 1942,o Balonmán. Levantadas as restricións olímpicas ás mulleres desde 1960, estas van forzar a que a Falange e a Sección Feminina incorporen o deporte feminino, non tanto como proxección do país senón como un método de captación e adoutrinamento da xuventude. Cabe dicir que desde o comezo doTrofeo de Cangas de Pedestrismo no ano 1967, xa se incluía a proba feminina na competición, loxicamente con menos concorrencia que nas competicións de homes. 

Nela Souto, unha pioneira galega

Nela Souto.

Nela Souto. / Arquivo do autor

A coruñesa María Elena Souto Carro, Nela, practicante de hockey, foi tamén unha destacada velocista galega desde que en 1963 se volveu a celebrar o Campeonato de España feminino en Montjuich. Nestas probas logrou a medalla de bronce en 200 m. e outra en 4x100 co seu equipo da Coruña. No ano seguinte, en Portugal, bateu o récord español de 100 m. e en 1964 chegou a ter á vez os records nacionais de 100, 200, 400 e 4x100, sendo con Sandra Myers as únicas velocistas españolas en posuir catro récords de España á vez. En decembro deste ano vai gañar en Vigo o Gran Premio de Nadal de pedestrismo. En 1965 vai conseguir varios podios e en Palencia proclámase subcampioa do 1º Campionato de España de pedestrismo. No ano seguinte, cando xa igualara a marca nacional de 100 m., vestiría a camisola da selección española por segunda e última vez en Bruxelas, quedando cuarta pero cun crono baixo, decidindo deixar a competición atlética.

Participantes no XI Torneo de Cangas 1978

Federados. Federación de Pontevedra: Real Club Celta, Sociedade Atlética de Vigo, Comesaña Sporting Club, Sociedade Deportiva de San Miguel de Oia, Sociedade Deportiva Xuvenil de Ponteareas, Sociedade Ximnástica e Club Cisne de Pontevedra. Equipo de Atletismo de Lugo. Federación da Coruña: Club Universitario de Santiago e Departamento Marítimo do Ferrol.

Campeonato Provincial Escolar. Colexios de Ensino Primario: A Estrada, Coutada de Vigo, San Miguel de Oia, Bueu, Coiro, Nazaret, Darbo, Hio, Aldán, Compañía de María, Reibón e Quintela. 

Aquí rematamos estas notas sobre o atletismo en Cangas, disciplina deportiva que tivo nestes Trofeos do Concello o único referente deste deporte na vila e que tería logo continuidade da man do Club Vila de Cangas, denominándose Memorial Pepe Cordeiro e que agora en 2023 cumpre a sua 48º edición sendo na actualidade un dos eventos atléticos locais máis antigos de Galicia.

(*) Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo