Amador Montenegro Saavedra e Moaña

O actual colexio de Reibón, que en 2022 cumpriu o seu 50 aniversario, foi inaugurado inicialmente co seu nome

Sobre estas liñas, un retrato de Amador Montenegro feita polo fotógrafo Pacheco en 1927 (cedida polo Concello de Vigo á A.C.Nós de Moaña). Á esquerda, unha portada facsímil do semanario “A Monteira” e unha caricatura feita por Rafael Fuembuena. |  //

Sobre estas liñas, un retrato de Amador Montenegro feita polo fotógrafo Pacheco en 1927 (cedida polo Concello de Vigo á A.C.Nós de Moaña). Á esquerda, unha portada facsímil do semanario “A Monteira” e unha caricatura feita por Rafael Fuembuena. | // / Xosé Carlos Villaverde Román*

Xosé Carlos Villaverde Román*

O colexio Amador Montenegro Saavedra de Moaña

En febreiro do ano 1972 entrou en funcionamento o que actualmente se denomina C.E.I.P de Reibón, levantado entre terra firme e parte da zona húmida –previo aterrado– de As Raiñas: lugar dun pequeno espazo rico en vexetación autóctona (xuncos), en fauna acuática (ras, sapos e anguías) e tamén cativa estación ornitolóxica para alivio das aves migratorias e propias do lugar. En principio o edificio foi rotulado con letras metálicas como “Colegio Nacional Amador Montenegro Saavedra”. Logo –antes de 1992– o profesorado cambioulle o nome por Colexio de Reibón, como se coñecía popularmente. Convén aclarar que a comisión organizadora do quincuaxésimo aniversario do colexio, en maio de 2022, extrapolou da acta do día 24 de febreiro de 1972, dicindo, “que o colexio comezou a chamarse Amador Montenegro na honra do benfeitor dos terreos e quen foi encargado de inauguralo”. Neste punto convén aclarar que o nome rotulado no colexio corresponde ao pai Montenegro Saavedra e non ao fillo, o aparellador municipal Montenegro López. Ademais boa parte dos terreos non foron cedidos, senon que foron expropiados polo Concello a varios propietarios, e pagados durante a primeira lexislatura democrática (1979-1983).

Amador Montenegro Saavedra e Moaña

A esquela polo cabodano de Siro Montenegro e López, pai de Amador Montenegro Saavedra / Xosé Carlos Villaverde Román*

Amador Montenegro Saavedra

O último señor do morgado da casa palaciana de O Rosal de Moaña foi D. José Saavedra Costas, quen solía vivir na cidade de Vigo. Faleceu no ano 1862 sen descendencia repartindo o patrimonio entre a familia; se ben a maioría das facendas do Morrazo e Vilafranca do Bierzo, herdounas seu irmán D. Manuel Saavedra Costas. Despois pasaron a outros herdeiros, chegando boa parte desa herdanza a María Purificación López Saavedra, residente na casa de O Rosal, quen casou en 1891 na colexiata de Vigo co seu primo carnal Amador Montenegro Saavedra

Amador, fillo de Siro Montenegro e María Pilar Saavedra, naceu en Santiago de Compostela cando ían camiño de Lugo o día 30 de abril de 1874. Estudou bacharelato en Lugo e Dereito Civil e Canónico en Compostela e Valladolid. A súa carreira profesional como avogado foi efémera, de pasante nun despacho de avogacía que tiña un familiar en Monforte. Nas primeiras xestións conseguiu que se amañasen –polas boas– dous labregos sen chegar ao xuízo, cousa que non agradou ao parente que acabou por despedilo. Contrasta un pouco, que sendo posuidor terratenente, se dedicase como avogado, a defender o movemento agrarista. Como o definiu o historiador Gerardo González Martín en 1988, “Amador, un fidalgo, poeta e periodista, de posición desafogada con coñecementos de agricultura e gandería que o vincularon á Cámara de Comercio de Vigo, onde destacou co seus informes no Congreso Gandeiro celebrado en Pontevedra no ano 1902, merecendo o nomeamento de socio de honra tal institución”.

Ao casar coa súa curmá Pura López Saavedra, que vivía na casa de O Rosal e con grandes propiedades en Vilafranca, Vigo e Moaña, pasaría a administralas, o que motivou fixar a súa residencia no pazo da Raposeira, situado en Lavadores (Vigo) e onde naceron os cinco fillos e catro fillas. Dicir que só a finca de O Rosal –xa divido/desaparecido o morgado– en declaración de 1949, a parte que lle correspondía superaba as cincocentas áreas coas casas, viñas, veigas de cereais, froiteiros, comareiros, etc. En Vigo exerceu a docencia como profesor no colexio La Concepción e chegou a ocupar varios cargos en distintos estamentos e organismos: tenente de alcalde no Concello (1911), directivo da Cámara de Comercio, formou parte da Liga de Defensores de Vigo, bibliotecario da Cámara de Propiedad (1927) e da que foi un dos fundadores. En Moaña, como administrador de O Rosal, negociou co Concello unha permuta de terreos, próximos ao río do Pontillón, pegados a súa propiedade, e que correspondían ao vieiro de beiramar construído no ano 1914.

Sobre estas liñas, un retrato de Amador Montenegro feita polo fotógrafo Pacheco en 1927 (cedida polo Concello de Vigo á A.C.Nós de Moaña). Á esquerda, unha portada facsímil do semanario “A Monteira” e unha caricatura feita por Rafael Fuembuena. |  //

Retrato de Amador Montenegro feita polo fotógrafo Pacheco en 1927 (cedida polo Concello de Vigo á A.C.Nós de Moaña). / Xosé Carlos Villaverde Román*

O escritor

Amador Montenegro Saavedra está encadrado no grupo dos “continuadores” da obra dos mestres do Rexurdimento galego do século XIX e como figura do Rexionalismo no tránsito do século XIX ao XX. Non se distinguiu pola súa calidade literaria, pero sempre defendeu a independencia do idioma galego como lingua diferenciada: “É o ideoma o pirmeiro e mais importante elemento de independéncea e libertá d’os pobos e por eso sempr’ os tiranos percuraron arrincal-o a aqueles paises qu’a disgrácea puxo baix’o seu domíneo. Sin ter medo a aquivocarnos podemos ben asegurar qu’a dinidá d’un pobo y-o seu amor â independéncea e libertá garda relaceón qu’o que porfesa ô ideoma (A.M.S. A Monteira, 19 de abril de 1890).

Moi prolífico na escritura e as veces asinaba os artigos baixo o pseudónimo El vate de la Raposeira. Gran colaborador en múltiples diarios e revistas, como por exemplo: Galicia Recreativa e Galicia Moderna de Pontevedra, El Agro Celta de Ponteareas, Boletín Oficial del Centro Gallego de Bos Aires, e da Habana, El Eco de Galicia, tamén de Bos Aires, El Compostelano de Santiago, La Voz de la Verdad de Lugo, Libro de Oro de Lugo y su provincia ou Galicia de A Coruña, entre outros moitos. O traballo fecundo mereceulle o recoñecemento de socio de honra da Cámara de Comercio de Vigo e o ingreso na Real Academia Galega no ano 1907. Foi o primeiro académico que leu seu discurso de entrada, “Alma da poesía gallega”, totalmente en galego (decembro de 1909).

Amador Montenegro Saavedra e Moaña

Unha caricatura de Amador Montenegro feita por Rafael Fuembuena. / Xosé Carlos Villaverde Román*

A obra

A capacidade creativa e de traballo de Montenegro Saavedra era inmensa. Contaba o fillo Amador Montenegro López, que cada vez que seu pai ía e volvía de Moaña a Vigo en barco aproveitaba o tempo para escribir ou tomar notas. Os temas que trataba eran variados: políticos, históricos, poéticos, xurídicos, folclóricos, agrarios, populares, etc. E sempre evidenciaba sensibilidade con gremios de rudos traballos:

Fúndese o sol n-o líquido elemento

e d’o mais alto d’a fendida torre

a voz confunde co-as fureosas olas

o místeco bronce.

E xa soil’o crepúsculo o que aluma

Xa brilan as estrelas

y-aló lonxe se ven, d’as probes lanchas

loitando, as brancas velas.

Sopra o vento layoso d ‘os laranxos

a terra, desgraxadas,

c’os seus dourados froitos veñen pronto

as mais robustas ramas.

E loitando, valentes, n-o seu barco,

os probes pescadores,

ven a morte â seus pés, mentras escoitan

o misterioso bronce.

Xa vencen, xa s’acercan: sobre a area

agárdanlles anseosos,

a muller ô seu home, o pai ôs fillos,

a esposa ô seu esposo.

Domearon o mar y-entre bágoas

alá n-a areosa praya,

os que quizaves mortos se contaron

tenramente se abranzan.

¿Volverán a saír? ¿Separaránse

de nov’o os pais d’os fillos?

¡De qué s’han de soster si non s’e expoñen,

d’o mar entr’os peligros!

(A.M.S. Os Pescadores. Diario independiente El Compestalano. 25 de outubro de 1928).

Ademais dos artigos publicados en múltiples medios da prensa, dedicouse a recompilar unha colección de cantares galegos (Trabajo folklórico) polos que foi premiado en concursos celebrados en Pontevedra e Compostela (1912).

Publicou tres libros de poemas: “Muxenas primeiro libro” (Lugo, 1888), “Fábulas y Epigramas” (Lugo, 1892) e “Fábulas Galaico-Castellanas” (Lugo, 1917). Destacan outros traballos como “Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia” (1903), “Contra el mildiu, el oidio y el black-root” (1917), “La poda, los abonos y sus milagros”, “Medicina de urgencia en el campo”, “Fábulas gallegas e outros poemas. Alma d’a poesía gallega” (1910). “Precursores de la aviación en Vigo” (1927).

Unha esquela con motivo do primeiro cabodano do pai de Amador Montenegro. |   //

Unha portada facsímil dun dos exemplares do semanario "A Monteira", fundado por Amador Montenegro. / Xosé Carlos Villaverde Román*

O semanario "A Monteira"

Da súa biografía, cabe salientar a fundación de dous semanarios no ano 1889 e o impulso dado ao, tamén semanario de Vigo, “Galicia Agrícola, Comercial e Industrial” en 1895. En canto ao semanario “La Razón”, editado en Vigo entre 1889 e 1896, creado e dirixido por el mesmo, estaba dedicado, fundamentalmente, á defensa do catolicismo, mesturado con cuestións agrarias e problemas do campesiñado galego; pero do máis destacable foi a edición do semanario “A Monteira”.

“A Monteira, Semanario de Intereses rexionales e Literatura”, foi unha obra de 65 números editada en Lugo dende o 5 de outubro de 1889 ata o 27 de decembro de 1890, fundado por Amador Montenegro Saavedra e Manuel Pardo Becerra e foi o primeiro semanario escrito totalmente en idioma galego. Amador ademais de co-fundador encargouse da dirección e escribir moitos editoriais como o inicial titulado “Os nosos peisanos”: “... Cando rompendo os estreitos e esquivos moldes en qu’hastra d’agora estivo presa, a literatura gallega érguese maxestuosa e chéa de vida: cando salvando os límites d’a Rexión, as fronteiras d’a patrea e atravesand’os mares, van resoar á lexanas terras as melancónecas e doces notas arrincadas á súa lira pol-os nosos vates...Asistimos por fortuna, o renacemento, que non se pode negar, d’a nosa literatura...” (A.M.S. A Monteira nº 1. 05-10-1889).

Montenegro valeuse de “A Monteira” para escribir uns quince artigos históricos sobre “Fillos ilustres de Galicia Lixeiros apuntes pra unha vida de san Froilán, bispo, e patrón de León e Lugo.” Pero sobre todo, “A Monteira”, cumpriu coa finalidade plasmada na citada editorial, de dar cabida á colaboración de novos valores da literatura galega. Ademais dos redactores, Manoel Pardo Becerra, Amador Montenegro e seu irmán Anselmo contou coa colaboración de moitos autores, entre outros Eduardo Pondal (homenaxeado nas Letras Galegas de 1965), inserindo no número 35 (31-05-1890) o poema “Os Pinos” que xa publicara en 1886, dentro da súa obra “Queixumes dos pinos”, na que as catro primeiras estrofas forman a letra do actual himno galego.

Un debuxo feito por Antonio Solís Ávila. |   //

Un debuxo de Amador Montenegro Saavedra feito por Antonio Solís Ávila. / Xosé Carlos Villaverde Román*

Non sempre foron eloxios para Montenegro. Ao longo de seus escritos tivo que combater as ideoloxías antigalegas como reflicte na carta de agradecemento a Heraclio Pérez Placer (A Monteira do 24-05-1890) “...e con Vosté lamento que Galicia se vexa send’o ouxeto d’e insultos e bulras d’os d’afora, por culpa de moitos d’os seus mesmos fillos, que, ou non comprenden os intreses verdadeiros d’o seu pai, ou co-a súa indefréncea e preguiza autorizan aqueles insultos y-aquelas bulras”. Na súa defensa tamén saíu Antón Villar Ponte (homenaxeado nas Letras Galegas de 1977) no Boletín Oficial del Centro Gallego de Bos Aires (15-09-1917), que transcribía en castelán –“por razones de propaganda argentina”– a controversia que se montou por publicar unha nota necrolóxica en galego: “... Habíamos propuesto demostrar que el gallego servía y sirve (¡quién lo duda!) para todo lo serio; pasando fueron las tentativas que en este sentido hicimos; más cuando la ocasión llegó de publicar una esquela de defunción –tomemos nota que sirva de ejemplo,- la primera, acaso, que en gallego vió luz, cayésenos el mundo encima: «Aquello no era serio, aquello revestía una burla y un insulto a la memoria del muerto»... No tardó en repetirse la aparición de otra esquela, y luego otra y otra, no causando ya el escándalo ni las protestas de la primera: ¡habíamos hecho prosélitos!”.

*Membro da Agrupación Cultural Nós de Moaña

Suscríbete para seguir leyendo