O BNG comprométese a dar pasos adiante na inclusión social de colectivos con TDH e TEA

Membros da candidatura escoitan as demandas da asociación Superhéroes

A candidata do BNG á alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, reunida con representantes de Superhéroes

A candidata do BNG á alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, reunida con representantes de Superhéroes / FdV

G.M.P.

A candidata do BNG á alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, reuniuse con representantes de Superhéroes, asociación de axuda a pacientes con TDH e TEA e asesoramento ás familias no Morrazo. Conclúen a necesidade de facer campañas de información e visibilización destes trastornos para facilitar a integración, e escoitou as principais necesidades e demandas deste colectivo, como un maior compromiso por parte do Concello para incorporalos nas súas actividades extraescolares, deportivas ou culturais. Tamén piden ofertar actividades específicas, como concertos con público reducido ou actos sen ruído, un local social, asesoramento legal en acceso a subvencións e fiscalidade, entre outros.

“Desde o BNG queremos dar un paso adiante para acadar unha vila más inclusiva mediante a accesibilidade cognitiva”, sinalan, e comprométense a colocar cartaces con pictogramas nos edificios públicos para facilitar a inclusión deste colectivo, a accesibilidade á información das persoas con autismo e con dificultades de comunicación e comprensión, potenciando a súa autonomía e integración social.

Tamén avogan por poñer pasos de peóns con sinais horizontais explicativas con referencia ás precaucións antes de cruzar a rúa, pictogramas para facilítar a comprensión da educación vial, rueiros e locais senlleiros e formación de persoal público para atender a este colectivo, entre outras medidas.