Naufraxios no primeiro terzo do século XX

O tributo humano de Cangas ao mar (II)

O historiador menciona nesta segunda colaboración unha quincena de traxedias acontecidas entre 1916 e 1926

Homenaxe do Padroado da Vejez del Marino. Cangas 1925

Homenaxe do Padroado da Vejez del Marino. Cangas 1925 / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas*

O naufraxio do “Hércules” e do “África”

Era este un vapor con base en Bouzas que saía cara os caladoiros portugueses na noite do 23 de novembro de 1916, navegando a pouca distancia del, o “Maruja”, coa mesma orixe e dirección. Arredor das once e media da noite, na altura de San Miguel de Oia, o “Hércules Nº 1” construido en 1908 e armado por Félix Correa e Gabino Freire, cruzouse co África e máis o Europa que navegaban xuntos no retorno dos caladoiros de Leixoes cara a Bouzas. Entón, o patrón do Hércules decidiu achegarse ao “África”, que pertencía ao armador Miguel Márquez, para preguntarlle como era habitual, que tal lles fora a ceifa, pois estes barcos ainda non contaban con radio. O estado do mar e unha falsa e fatal manobra provocarían que o "África", patroneado por José Márquez, fillo do armador, embestise ao Hércules no centro do costado de babor, abríndolle unha gran brecha pola que entrou o mar, botando a pique o barco en poucos minutos. O "África", coa proa destrozada comezou a tocar a buguina demandando axuda e ainda aguantaría a flote case unha hora, permitindo que a sua tripulación de 36 homes fose rescatada polo Maruja. Durante un tempo, o capitán e o maquinista tentaron salvar o barco pero ao rebentar os mamparos do caixón do peixe xa todo foi inútil, póndose a salvo ante o temor da explosión da caldeira.

Entanto, o Europa afanábase en rescatar aos sobrevivintes do "Hércules" pois máis da metade da tripulación marcharan co barco ao fondo ao iren durmindo. Despois dun árduo labor de tres horas, conseguiron rescatar a quince tripulantes dos que sete eran de Bouzas e localidades próximas, e oito do Morrazo: Emilio Seijo de Cangas (patrón), Juan Cosco Malvido, José Pena e Avelino Fdez. Sotelo de Coiro, Antonio Millán de Aldán, Antonio González de Darvo e Eugenio Nores e Julián Bravo de Marín. Sobre as duas da noite, estes homes foron traspasados ao Maruja que enfilou cara Bouzas con todos os sobrevivintes, entanto o Europa seguiu ruta cara os caladoiros portugueses.

Percebeiros en 1928. Homes e mulleres de Darbo especializáronse nesta captura.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Abordaxe do Hércules en 1916. / Arquivo do autor

Xa que logo, como viña sendo habitual, para a achega de recursos monetarios aos familiares das vítimas do "Hércules Nº 1", o Concello de Cangas, presidido por Manuel Cabanelas, o sindicato Alianza Marinera e a Sociedade de Armadores demandarían das autoridades de Mariña, das sociedades homólogas e dos xornais de Vigo e Pontevedra actos solidarios individuais e colectivos que permitisen recadar diñeiro para este fin. Nin que dicir tén que a resposta foi inmediata, organizándose recadacións en comercios e empresas coa banda de música, actuacións musicais, teatrais, de cine... importantes aportacións de diñeiro de recoñecidos persoeiros e numerosas achegas máis humildes de moitos cidadáns. Por estas mesmas datas de finais de novembro tamén naufragaría a lancha do xeito Manuela, frente a cabo Subrido. Ía tripulada por Juan Costas e Manuel e José Outeiral, perecendo afogado este último sen que os outros pudesen facer nada por el.

O primeiro de ano de 1917 e na altura de Leixões, produciríase o afundimento do vapor de Cangas “Has de Vir” por abordaxe do vigués “Jaime” que conseguiría rescatar aos seus 28 tripulantes. A mediados de setembro deste mesmo ano perdería a vida ao caer ao mar entre unha espesa néboa, o tripulante do vapor Europa 2 de Cangas, Rafael Giráldez García de 20 anos e solteiro. A mediados de outubro de 1918 e despois de recoller o aparello cando pescaban na altura do Faro de Aveiro, o vapor “Albatros” de Vigo golpeou á gamela auxiliar na que estaban dous mariñeiros axudando na operación e ambos caeron ao mar. O barco parella deste, o “Unión”, achegouse podendo rescatar só a un deles, perecendo afogado Serafín Queirós Lorenzo de Aldán de 34 anos, casado e con tres fillos.

Abordaxe do Hércules en 1916.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Traiñeira Pura antes de porlle o motor. / Arquivo do autor

E o mar non lle daría respiro á familia mariñeira nunha continua pingueira de vítimas, esta vez o día 13 de xaneiro de 1919 ao se afundir nas Cies pola forte oleaxe, unha chalana na que andaban aos polbos dous veciños de Darbo, conseguindo alcanzar un deles a costa e perecendo José Pérez Alonso “O Plotón” de 21 anos. Dez días despois, o día 23 deste mes, emborcaría frente a Liméns a traiñeira 1º de Agosto cando arriaban a vela. O peso de todos os tripulantes, colocados nunha banda do barco e máis o vento provocaron este accidente no que se afogou o patrón Manuel Parcero “O Meneno” de 57 anos e casado. A pronta axuda da lancha Amelia de Ángel Casás Freire evitaría unha traxedia máis grande pois duas embarcacións de xábega que estaban a douscentos metros fixeron oidos xordos aos berros de auxilio. A finais de xullo de 1921, a 35 millas de Cabo Mayor, produciríase o afundimento do vapor cangués Marzo que andaba ao bonito desde o porto de Xixón, perecendo todos os seus tripulantes, entre eles o mariñeiro da nosa vila Ismael Xouleiro. O 26 de xullo de 1922 morrería afogado nas Cies o mariñeiro de Cangas Manuel Núñez cando un golpe de mar o arrastrou da cuberta do vapor Finacho na altura das Cies.

Traiñeira Pura antes de porlle o motor.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Vítimas naufraxio Hércules. / Arquivo do autor

O vapor X nº 2

O día 4 de outubro de 1922 chegaría a Cangas a noticia de que na madrugada do día anterior, o vapor X nº 2 deste porto foi abordado e afundido nas Basoñas, na ría de Muros, por un barco descoñecido que fuxiu do lugar do sinistro sen auxiliar aos náufragos. Percatados os vapores vigueses José Rodríguez e Almirante, conseguiron rescatar cadanseu a dez e dezasete náufragos e o vapor Pepita trouxo despois a Cangas algúns máis. Por desgraza, familiares, amigos e compañeiros terían que soportar a perda de sete dos mariñeiros, pois o maquinista Jesús Silva, ainda que rescatado, morrería ás poucas horas en Muros. Era ferrolano e casara en Cangas onde deixa un fillo pequeno e viúva a punto de traer outro. As primeiras pesquisas apuntaron como causante a un vapor de nome Nimo pero semella que por máis datos aportados polos náufragos, foi o denominado Guerra de Santa Uxia de Ribeira contra o que a comandancia instrúe dilixencias.

O 22 de setembro deste mesmo ano morrería afogado o mariñeiro Secundino Fandiño enfrente do Forte cando ás once da mañá se dirixían nunha gamela a embarcar no vapor Nuevo Forte de Juan Azpeitia que saía a pescar. O mar estaba picado e a gamela levaba a demasiados homes, envorcando no traxecto. Todos conseguiron chegar a terra agás o coitado Secundino que xa tiña sobrevivido a un naufraxio anterior e agora deixa muller e seis fillos que viven mesmo enfrente de onde aconteceu a desgraza. O corpo foi buscado sen éxito ata que apareceu no mesmo lugar unha semana despois.

O 24 de abril de 1925 pereceu afogado o veciño de Darbo José González Sotelo cando recollía percebes. Tiña casado había seis meses e a sua muller estaba encinta. O seu corpo apareceu nunhas rochas despois de tres días de busca. O 18 de outubro deste ano e na colisión entre os vapores Explorador e Chita, ambos de Vigo, pereceu afogado o mariñeiro cangués Antonio Acuña Soliño de 14 anos. Este ía durmindo no rancho cando o Chita se afundiu entre Monteferro e as Estelas pola vía de auga producida. Ao día seguinte foi rescatado o corpo por un buzo e trasladado a Cangas para o seu enterro.

O tributo humano de Cangas ao mar (II)

Percebeiros en 1928. Homes e mulleres de Darbo especializáronse nesta captura. / Arquivo do autor

A mediados de abril de 1926, naufragaría en augas de Pasaia o vapor Ernio, afogando os irmáns, mariñeiros de Cangas, Francisco e Fructuoso Mayo Bon e o seu curmán Adolfino Oliveira. Ás tres da madrugada do 21 de xuño deste ano, afundiría na dársena de Cangas o vapor Que dicen?, que fora de Estanislao Refojos pero agora era dunha sociedade de mariñeiros, ao estouparlle a caldeira cando saía para a pesca con 22 homes. O barco afundiu e deixou a 15 deles feridos leves e catro graves que foron levados a Pontevedra onde falecería o fogoneiro Antonio Núñez, orfo e solteiro de trinta anos de idade que deixa duas irmás menores. O 24 de xullo deste ano perecería a moza Lina Mariño de Darbo cando andaba aos percebes e o seu corpo foi atopado vinte días despois por un seu irmán que levaba este tempo buscándoo. A mediados de setembro e cando pescaba na zona da Guarda, avarióuselle o motor á traiñeira Pura de Cangas con 21 tripulantes. Tentando arranxalo e como era noite, achegaron un farol que tiña un vidro rachado, prendendo lume no barco. Presos do pánico, uns botáronse a auga e outros ocuparon unha chalana que levaban de remolque que acabou dando a volta por exceso de ocupantes e causando a morte de Balbino Posada Paredes de 22 anos. Os demáis foron recollidos por barcos que faenaban nas proximidades. O 22 de novembro deste ano acaecería o naufraxio da chalana Eva na punta de Rodeira a causa do temporal reinante. Ía tripulada por tres mariñeiros que andaban ao polbo cando emborcaron, sendo que dous deles nadaron cara terra salvándose, mentres que o terceiro, Ángel Nobé Batiche, foi lanzado contra as rochas por un golpe de mar, falecendo polas graves feridas causadas.

A solidariedade frente á carencia de seguros (II)

Mais, a pesar da existencia da Caja Central del Crédito Marítimo ou do Padroado da Vejez del Marino os únicos seguros efectivos eran os que os armadores lle facían ao barco sen ter en conta para nada ás suas tripulacións que nalgúns casos, minoritarios, contaban con algún seguro de afogamento ou dos pósitos. Xa que logo, e como se pode deducir polos relatorios, estes seguros de pouco servían pois ao se ter noticias dun naufraxio, a primeira reacción vaise dar no tecido social, ligado maioritariamente ao ámbito do mar, producíndose un estado inicial de angustia e preocupación, mobilizándose a colectividade mariñeira en demanda de información sobre acontecido para transmitirlle aos familiares e amigos as boas ou malas novas. E de confirmárense os lutuosos datos xa so quedaba poñer de novo en marcha como único recurso, o mecanismo solidario coas familias da vítimas, evidenciando ao mesmo tempo unha inexistente protección social nos traballadores do mar que se había prolongar durante anos, apesar da frecuencia destes tráxicos episodios.

Son os xornais, a través dos seus editoriais, e os columnistas coñecedores do tema quen adoitan denunciar as precariedades, falta de seguranza e condicións de traballo dos mariñeiros suxeitos, paradoxalmente, non aos criterios dos patróns de costa senón ao dos patróns de pesca que eran con quen acordaban o enrolamento. Tiñan estes tal predicamento e mando no barco que as faenas e manobras de pesca, o uso das artes e artimañas (dinamita) e incluso o goberno do barco estaban da sua man podendo incluso cesar ao capitán se era contradicido.

Suscríbete para seguir leyendo