“Por favor, doutor Pesqueira, non se vaia; é deus para nós”

Pacientes e compañeiros de Daniel Pesqueira testemuñan a súa valía médica e humana, coincidindo coa xubilación profesional

Daniel Pesqueira.   | // FDV

Daniel Pesqueira. | // FDV / CECILIO FONSECA BON*

CECILIO FONSECA BON*

Permítanme que comece agradecendo a Faro de Vigo o darme a oportunidade de render homenaxe de despedida, na súa xubilación, a un extraordinario médico e amigo, o doutor Daniel Pesqueira Santiago, co que tiven a sorte de compartir moitos momentos da miña vida e co que fun testemuña de moitas das súas preocupacións e proxectos. O recoñecemento á figura do doutor Pesqueira busca poñer en valor unha forma de facer medicina, excelente no ámbito profesional, pero tamén un xeito moi humano de entendela.

Non me deterei moito nos méritos profesionais do doutor Pesqueira. Son abondo coñecidos e deles dan fe congresos e ponencias de gran nivel e prestixio.

Comeza a súa carreira profesional no Hospital Povisa e faino á beira dun dos máis prestixiosos urólogos daquel entón como era o doutor Pereiro, do que aprendeu as máis modernas técnicas do momento. Tivo moi claro que a súa profesión non era ser médico durante unhas horas ao día, érao as 24 horas porque a medicina para el era a súa forma de vida. Foi durante máis de 40 anos unha das mellores referencias do hospital Povisa. Sempre sabio, atento, próximo, humilde, intelixente, moi respectuoso cos pacientes. Estar presente na súa consulta, en momentos moitas veces complicados, é comprender dunha forma sinxela a grandeza dunha medicina personalizada e próxima que os pacientes agradecían.

O doutor Pesqueira, no centro, nun acto de graduación da Escola de Enfermería de Povisa.   | // C.GRAÑA

O doutor Pesqueira, no centro, nun acto de graduación da Escola de Enfermería de Povisa. | // C.GRAÑA / CECILIO FONSECA BON*

O enfermo como un reto

Compartimos moitas comidas e comprobamos que sempre que soaba o teléfono do hospital para consultar o que había que facer cun paciente, non o pensaba, abandonaba a comida cun “síntoo” e poñía rumbo ao hospital. Quería ver o enfermo. O sentido da responsabilidade e do deber era para o doutor Pesqueira un compromiso irrenunciable. Para el a medicina implicaba moito coñecemento pero tamén moita honestidade, moita honradez e moita integridade. Non lembro ningunha das súas vacacións onde non as interrompera máis dunha vez por atender aos seus pacientes. Quen mellor coñeceu a súa faceta médica e humana foron os pacientes e os seus compañeiros sanitarios. Da boca deles recollo testemuñas como as que seguen:

-Lorenzo Pousa (doutor): “Teño para min que non hai un tesouro maior que a saúde. As persoas que nos axudan cando a perdemos son fundamentais para recuperar a nosa dignidade persoal. Un bo médico debe ter a mellor cualificación técnica posible. Pero cando a medicina non ten solución, o amor polo paciente é o mellor procedemento que pode aplicar. É moi difícil para un médico igualar a excelencia profesional e humana. Tiven a gran sorte de coincidir co doutor Daniel Pesqueira dende o primeiro ano da carreira, de seguir a súa traxectoria e de gozar da súa amizade. Podo certificar plenamente que acadou a excelencia como médico, como docente e como humanista. Na súa persoa converxen unha vocación profesional enorme e un grande amor e sensibilidade polos seus pacientes. Os seus compañeiros e os pacientes así o certificamos sen lugar a dúbidas. Estes motivos son os que fan do doutor Pesqueira un referente para os médicos actuais e futuros. Grazas por todo, querido Daniel. Os nosos mellores desexos nesta nova etapa.”

-Pilar Gargamala (enfermeira): “Do doutor Pesqueira recordo que, cando chegou a Povisa, era un home moi calado, respectuoso, pero ao mesmo tempo cun gran sentido do humor. Excelente profesional co que tiven a sorte de traballar moito tempo. Era fácil facelo porque xeraba un ambiente moi familiar”

-Manuel Giráldez Castro: “Fun paciente do doutor Pesqueira durante case 40 anos e só teño palabras de agradecemento porque o seu labor como médico sempre foi excelente. En momentos difíciles, que tamén houbo, sempre o tiven ao meu lado. É un mestre do Saber, do Saber Facer e do Saber Estar. O trato é de matrícula de honra.”

-María Dolores Rodas Blanco e Celso Ríos (pacientes): “Dende o primeiro momento chamounos a atención como médico e como persoa. Como persoa tiñamos diante un home con grandes valores humanos, xeneroso, honesto e moi preocupado por facer as cousas ben. Un médico de vocación, atento, responsable, cunha gran dedicación e moi comprometido co paciente. En resumo un gran profesional. Celso quere dicilo moi alto: A min salvoume a vida.”

Hospital Povisa, donde exerceu o seu labor profesional.   | // R.GROBAS

Hospital Povisa, donde exerceu o seu labor profesional. | // R.GROBAS / CECILIO FONSECA BON*

-Alicia Muiños Álvarez (enfermeira e docente na Escola de Enfermería):“Soy de las que creen que a lo largo de tu vida hay personas concretas que con su buen hacer inevitablemente dejan una enriquecedora huella en uno y “nuestro” doctor Pesqueira, como me gusta llamarle, es una de ellas. He tenido el privilegio de tenerle como gran profesor primero, como compañero en el hospital Povisa después, y en la actualidad disfruto de su labor docente e investigadora en la Escuela de Enfermería. Bajo esa mirada tímida, sonrisa contenida, y peculiar buen humor, se halla una persona excepcional, entregada y meticulosa en cada cirugía, rigurosa y perfeccionista en cada exposición, siempre dispuesto a colaborar en la mejor gestión posible de las emociones de todo aquel paciente que solicita su ayuda, a expensas incluso de no mimar las suyas propias. Afortunados los que hayan pasado por sus manos y felices los que seguimos contando con el honor de convivir con él.”

-Concha Iglesias (paciente): “Van alá 40 anos da nosa relación médico-paciente na miña familia. Vivimos situacións nas que houbo que tomar decisións difíciles pero sempre confiamos plenamente na súa profesionalidade que medraba en grandeza á par de humanidade e humildade. Somos moitos e moitas quen o imos botar en falta, no profesional como no humano. Só nos queda desexarlle todo o bo que a vida aínda nos está por ofrecer.”

-Alfonso García Suárez (director da Escola de Enfermería): “Médico, profesor, amigo. Realmente, e despois de pensalo con detenimento, non sei en que orde colocar estes tres calificativos que, para min, definen a Daniel, xa que en calquera deles acada a excelencia. Coñecino hai xa uns cuantos anos, tantos como ten a Escola de Enfermería de Povisa, na que sempre destacou como profesor pola claridade das súas exposicións e o rigor científico das mesmas. Tamén tiven a sorte de ser un dos seus moitos pacientes, e como tal tiven ocasión de comprobar que todo o que tiña oído sobre o seu bo facer quedábase curto. Como amigo, lamento que deixe a medicina activa, ainda que desde logo, xubilado ou non, seguirá sendo o meu médico e, como docente, teño a esperanza de que poida seguir ensinando, coa maestría que o fai, a unhas cuantas xeracións máis de enfermeiras.”

Testemuñas estas que son só unha pequena mostra dos moitos agradecementos e múltiples mensaxes recibidas de pacientes de lugares distintos: Cangas, Moaña, O Rosal, Nigrán, Baiona, Gondomar ou Vigo, aos que atendeu durante máis de 40 anos en consultas e operacións cirúrxicas. As bágoas aparecían en moitos deles, conscientes de que se despedían dun urólogo e dunha medicina que se escribe con letras maiúsculas.

O certo é, querido Daniel, que aínda que sempre se di que “non pasan anos, senón que pasan cousas”, a realidade desménteo: pasan as cousas e pasan os anos. E con eles, ao doutor Pesqueira venlle a xubilación. E faino deixando atrás un percorrido que concita o enorme agarimo duns pacientes que non terminan de crelo, que se doen de non telo na consulta pero que se alegran de que poida recuperar unha privatización da súa vida que lle permita gozar das aficións. Viaxar, camiñar, pescar, gozar da cociña, do cine, escoitar música, ler e facelo nun lugar paradisíaco como é O Morrazo.

Márchasenos “o médico como medicamento” que nos trae a memoria as palabras de Platón: “Onde queira que se ama a arte da medicina, ámase tamén a humanidade”.

Despídome explicando o título desta nota: hai 14 días fun testemuña de como unha señora moi maior, que non podía camiñar, estaba agardando co seu fillo na consulta de traumatoloxía que ten Povisa na Gran Vía. Cando viu chegar ao doutor Pesqueira, facendo un enorme esforzo, sen atender o que lle dicía o seu fillo de que non podía moverse, achegouse a el e díxolle chorando: “Por favor, doutor, non se vaia. Vostede é Deus para nós”

Moita sorte, doutor Pesqueira, nese novo percorrido, e grazas por tantas cousas!!!

*Amigo de Daniel Pesqueira e veciño de Cangas.

Suscríbete para seguir leyendo