Furanchos e cohesión na Moaña do XVIII

O autor sinala a importancia destes locais na unión da vila e, co gallo das novas campás do Carme, lembra a segregación parroquial

Furancho tradicional nunha casa centenaria do lugar de O Cruceiro.  | ARQUIVO DE MANUEL UXÍO.

Furancho tradicional nunha casa centenaria do lugar de O Cruceiro. | ARQUIVO DE MANUEL UXÍO. / Manuel Uxío García Barreiro*

Manuel Uxío García Barreiro*

Afuranchar, esfuracar, abillar ou furar as pipas, despois de zapalas, eran as manobras que facían os antigos colleiteiros nas adegas da parroquia milenaria de Moaña a comezos do mes de novembro de cada ano, acompañados de familiares e amigos que levaban comida desde as súas casas; deste xeito, comprobaban, a calidade dos viños novos que se bebían en cuncas de cerámica.

A través de cada furaco, feito cun berbequí manual nos bocois, descorría o viño que probaba, nun primeiro lugar, o seu dono para, deseguido, ofrecerllo aos convidados e, de remate, pechar o furado cun tapón feito cunha pequena rama de vimbieira.

Esta costume, practicamente desaparecida, procede de séculos pasados e, un bo exemplo de como se vendía o viño sobrante o atopamos nun documento, asinado o 8 de xullo de 1741, que se garda no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra; nel dáse poder a procuradores de Santiago en nome da meirande parte dos colleiteiros da freguesía de San Martiño de Moaña, encabezados polo crego D. Francisco Fazáns, para que os xuíces da cidade episcopal impedisen a venda de dous carros de viño que o pai de Domingo de Santos, mordomo pedáneo, trouxera da antiga provincia de Tui para vendelo nunha taberna de Abelendo chamada Do Cucorno.

Unha das campás centenarias da igrexa de San Martiño.  | // MANUEL UXÍO

Unha das campás centenarias da igrexa de San Martiño. | MANUEL UXÍO / Manuel Uxío García Barreiro*

A súa comercialización tamén contou co apoio do rexedor, Cosme Freire, e o total rexeitamento dos colleiteiros que pretendían que nesa taberna unicamente se vendera viño moañés a través da persoa que máis ofrecese por el en poxa pública feita dentro da propia igrexa ou no adro baixo; deseguido, transcríbese un anaco do poder:

… Y dijeron que siendo como es costumbre de que cuando no hay abundancia de Vino, y se considera alguna falta de él se ponen las tabernas de esta dha. frª. en arriendo en general o particular al que más diere en la Iglesia parroquial de esta dha. fgª. al ofertorio de las misas populares o en el atrio de ella, Y se remata con beneplácito de todos los referidos cosecheros en el mayor postor, sin perjuicio, de que dhos. cosecheros puedan vender el suyo cada y cuando les convenga…

A outra campá con suxeición artesanal.  | // MANUEL UXÍO

A outra campá con suxeición artesanal. | MANUEL UXÍO / Manuel Uxío García Barreiro*

A continuación refírese, dito poder, ás seguintes condicións da venda do viño nas adegas dos colleiteiros:

… y en ínterin vendieren dhos. Cosecheros no lo haya de hacer arrendatario, y arrendatarios a cargo de quien queden las tabernas de dho. foráneo cuya observancia, se guarda entre los Vecinos de ella y feligresías Inmediatas desde Inmemorial tiempo a esta parte.

É dicir, que eran os colleiteiros quen tiñan preferencia para comerciar co viño sobrante nas súas propias adegas e, unicamente podían poñelo á venda os taberneiros no intre en que deixasen de facelo os citados colleiteiros. Este costume inmemorial, segundo o documento, representa as orixes dos actuais furanchos ou loureiros que aínda venden viño propio nas adegas dalgunhas vivendas moañesas.

As conclusións acordadas, nesta e noutras xuntanzas, celebradas despois dos tanguidos das campás da igrexa, pregoábanas o párroco de Moaña nos ofertorios das misas populares que se celebraban os domingos no templo de San Martiño; conclusións que en moitos casos daban lugar a escrituras feitas por escribáns e notarios que as encabezaban da seguinte maneira:

En la Feligresía de San Martin de Moaña y Sitio del Crucero (onde estaba o adro baixo) en que suelen hacerse las Juntas de sus vecinos, Jurisdicción de la Villa de Cangas…

Inadecuada cuberta de formigón na nave románica da igrexa de San Martiño.  | // CESIÓS

Inadecuada cuberta de formigón na nave románica da igrexa de San Martiño. | FdV / Manuel Uxío García Barreiro*

É moita a información que se obtén neste documento sobre a parroquia de San Martiño de Moaña que, nese ano, tiña máis veciños que a propia vila de Cangas; veciños que se xuntaban no adro baixo ou, si chovía, no interior da propia igrexa, contando coa presidencia dun mordomo ou alcalde pedáneo e un rexedor, dependentes ambos da mencionada vila. A tales xuntanzas dominicais, unicamente podían asistir os cabezas de familia varóns e as mulleres viúvas, case todas analfabetas.

Outros datos moi importantes que se denuncian é a pretensión dos dous representantes da autoridade de poñerse en contra dos colleiteiros, autorizando que se mercara viño do Rosal para ofrecelo nunha taberna de Abelendo, o que deu lugar a que fosen demandados, a pesares de representar a gobernanza civil de Moaña.

Despois de ler o documento anterior e outros, depositados nos arquivos eclesiásticos e civís, que demostran a cohesión histórica dos moañeses desde os séculos IX ou X en que se constituíu a milenaria parroquia de San Martiño de Moaña, resulta incomprensible que na data do 18 de agosto de 1964, o arcebispado de Santiago, a instancia do, daquela, párroco de Moaña D. Donato Bernárdez, crego que conseguiu aproveitarse da necesidade de acercar o culto relixioso a unha poboación en crecemento para medrar socialmente, asinase un decreto alleo á realidade e, á vez, totalmente ilegal e inxusto onde se constatan, no encabezamento que se achega, os 3.503 habitantes que deixaban na parroquia de San Martiño e os 3.432 que pasaban a depender da segregada do Carme; cando, na realidade, a de San Martiño pasou de ser unha das máis poboadas do Morrazo, a ter o menor número de fregueses do actual Concello de Moaña, con menos de 2.500; é dicir, engadíronlle á parroquia do Carme máis de mil habitantes por enriba dos que lle correspondían por lei.

Acta da división parroquial de 1964.

Acta da división parroquial de 1964. / Manuel Uxío García Barreiro*

Desproporción que se pode comprobar, na actualidade, si se ten en conta que dos 9.000 fregueses que aproximadamente residen na histórica freguesía de Moaña, unicamente 2.500 atópanse na parroquia nai de San Martiño e 6.500 na segregada do Carme o que repercute considerablemente no estado de conservación dunha igrexa do século XII que, a pesar das solicitudes que se lle fixeron ao arcebispado, verdadeiro dono dela, ningunha foi atendida, coa excepción do convenio asinado co finado alcalde Xosé Manuel Millán Otero que, como home culto que era, atendeu a solicitude que lle fixemos algúns veciños do Cruceiro e chegou a un acordo co arcebispado para restaurar a fermosa reitoral, considerada un senlleiro pazo abacial dos séculos XVI e XVII, que estaba en ruínas.

Polo que atinxe ao novo templo da Seara, ata agora, nin sequera se publicaron os cartos que mandou a Sé Compostelán para o remate de luxo en que o deixaron recentemente; non obstante, coñécese de certo, que parte do diñeiro empregado procede dos máis de mil habitantes que, segundo o decreto diocesano deberían, por lei, pertencer á parroquia de San Martiño.

Xa vai sendo hora, pois, de ir reparando tantas inxustizas e, nun primeiro lugar, adaptarlle taboíñas de madeira á zona interior da inadecuada cuberta de formigón que se construíu no ano 1974 porque o arcebispado non deu diñeiro para axudar a deixala como estaba tradicionalmente e os residentes na parroquia segregada, xunto co seu primeiro párroco, D. Donato, desentendéronse totalmente das súas raizames históricas.

A inscrición fundacional do templo románico e da freguesía de Moaña, procedente do ano 1197 (a parroquia moañesa constituíuse nos séculos IX – X) encóntrase en moi mal estado e debe protexerse con moita urxencia por estar desfacéndose a pedra que a contén.

Con respecto ás dúas campás centenarias, cuxos tanguidos foron declarados recentemente pola Unesco, “Patrimonio inmaterial da Humanidade”, non dispoñen de cepos de madeira; unha das barras de ferro está manipulada e a outra conserva parte da armadura enferruxada dun vello reloxo como se pode ollar nas fotos; por tal motivo o seu aspecto visual, e quizais a súa seguridade, deixan moito que desexar.

*Historiador local e Cronista Oficial de Moaña

Suscríbete para seguir leyendo