Fomentadores e xábegas na enseada de Aldán (II)

Os conflitos coa arte catalá

O morto dunha fábrica de salga.

O morto dunha fábrica de salga. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas*

O primeiro conflito pola pesca coas xábegas vaise producir en Corcubión e Cee en 1758 ao se amotinaren mulleres e mariñeiros, encirrados polos poderes locais (curas, rexedores, xuices...) para que os cataláns non usasen as suas postas tradicionais. Desde 1760 nas rías do norte vanse ditar normas sobre o uso da xábega e abrírase unha forte oposición ao sistema catalán, obrigando a estes a se desprazaren cara ás rias do sur, ainda permisibles nos seus detallados regulamentos, onde implantarían a sua pesca. Tanto era así que en 1762, Pedro Fandiño e catro matriculados máis de Cangas fan escritura de compañía con Juan de Lanzós, administrador da Renda do Tabaco, para financiar por 3.200 reais a compra dunha xábega en Barcelona onde aprenderían o seu manexo, chegando os gastos a 4.000 reais dos que os pescadores aportarían un terzo, en troques da entrega do 25% da pesca. O asunto debeu dar resultado pois no ano seguinte o mesmo Lanzós e sete atalieiros, tamén de Cangas, volven desprazarse a Cataluña para mercar outras duas. A pesar deste precedente, continuaría a oposición ás xábegas e no 1763 serían os de Redondela quen cegarían as postas, romperían redes e secadoiros e lle cortarían os camiños aos cataláns do Areal vigués. No ano seguinte, 1764, sería o fomentador Josep Caminada quen se querelase xudicialmente contra os mariñeiros de Bueu pero desistindo da demanda, pois “só desexaba paz e sosego cristián” e congraciarse así cos naturais da zona.

No ano seguinte, 1764, xa entrarían en conflito os de Cangas por cuestión dos baixos prezos da sardiña ao ser capturada en gran cantidade polas xábegas e o monopolio da compra que lles outorgara o rei Carlos III. Neste mesmo ano, sería o fomentador Josep Caminada,establecido tamén en Bueu, quen se querelase xudicialmente contra os mariñeiros deste porto pero logo desistiría da demanda, pois “só desexaba paz e sosego cristián” e congraciarse así cos naturais da zona. En 1765 serían os mariñeiros de Meira e Tirán quen se erguesen contra as xábegas queimando os botes, as loxes e os secadoiros que os cataláns tiñan instalados na Xunqueira o que provocou a sua marcha da zona. No ano seguinte produciríase xa unha crise no sector pola falta de sardiña, decretándose a veda da pesca pois estábase provocando unha situación de miseria nos mariñeiros. As comandancias marítimas tentaron paliala outorgándolle a de Vigo permisos de pesca aos máis necesitados na ría de Aldán, pero a picaresca levaba a que os desta ría, nin pobres nin ricos, descargasen moito peixe en Vigo ao abeiro deste permiso. Neste mesmo ano 1766, os traficantes cataláns denuncian a forte inimiga que lles teñen a vila e mariñeiros de Cangas pois cegáranlles con pedras os secadoiros de Samil e O Con (Moaña), ameazándoos con queimarlle as artes e barcos.

Xábega ou Arte.  | // ARQUIVO DO AUTOR

Xábega ou Arte. | / // ARQUIVO DO AUTOR

En 1770 resólveríase esta denuncia contra os de Cangas, determinando o subdelegado de Mariña desta vila que o aparello inutilizado era legal pero ainda así, os autores foron multados por tomaren a xustiza pola sua man. E neste mesmo ano, van ser agora os Fábregas e os Guixeras, quen pleiteen contra os mariñeiros de Cangas polas enormes dificultades que lles puñan para poderen pescar na Ría de Vigo. E non era para menos, pois en 1772 ao decretarse a liberdade da pesca, os dous Cabos de Mar de Cangas, Juan Ignacio Soliño e José Mariño, xunto co delegado do gremio de mar, outorgaríanlle un poder ao procurador xeral do Reino en Madrid, o Marqués de Bosqueflorido, para que solicitase a prohibición do emprego das xábegas.

O morto dunha fábrica de salga.  | // ARQUIVO DO AUTOR

O morto dunha fábrica de salga. | // ARQUIVO DO AUTOR / Xerardo Dasairas*

Nestes anos, Portugal vai prohibir tamén a importación de pesca salgada, cargándoa con fortes aranceis (125 reais por milleiro de sardiña) e privando aos empresarios dun mercado importante e moi competitivo polo baixo prezo do seu sal. Por este motivo, pola presión exercida contra as xábegas e polas facilidades que lles daban os portugueses vaise producir unha fuga de comerciantes cataláns cara a Aveiro, Vila do Conde, Montegordo... xa que estes seguían a contar cos mercados do Levante para vender o peixe salgado, libre destes aranceis. Esta situación prexudicaría aos comerciantes autóctonos ao non contaren con mercado para o peixe e provocaría que en 1775 se levantase a prohibición das xábegas nas Rías Baixas sendo que neste ano os cataláns xa calaban un milleiro de nasas na Ría de Vigo e varias xábegas, logrando capturar dez mil milleiros de sardiña, ademáis da pesca adquerida noutros portos e rías. Neste ano, os pescadores galegos de artes tradicionais xa empezan a acusar o baixo prezo do peixe polas enormes capturas que facían os cataláns coas xábegas, e coas suas protestas lograrían que o Intendente do Ferrol ditase unhas normas de pesca autorizando só o uso desta arte entre agosto e xaneiro e nas postas determinadas: Arousa foi a ria con máis postas permitidas (13), na ría de Vigo obtiveron permiso oito, tres en Bueu e duas na ría de Aldán, ficando o resto do mar libre para as traíñas e aparellos tradicionais.

Contodo e deste xeito, había comezar a subordinación definitiva aos fomentadores das pesqueiras galegas e dos patróns ante a pasividade das burguesías galegas no financiamento dos fletes de pesca. A partir desta data, os cataláns vanse converter no grupo social máis importante da Galicia litoral sendo xa, que oito de cada dez fábricas de salga estivesen nas suas mans. A reacción das élites galegas, relacionadas cos portos controlados polos bispados, vaise facer en base á creación en novembro deste mesmo ano e co apoio do Ministerio, dun Montepío de Pesca que facilitase créditos para mercar barcos, aparellos e redes e fomentar as pesqueiras galegas. Ao tempo, declararían a liberdade de pesca para todos os naturais que vivan na costa, sempre e cando no utilicen a arte da xábega.

A segunda fase da chegada dos fomentadores

A pesar de que desde xaneiro de 1777 de novo unha Real Orde vai prohibir as xábegas, os trabuquetes e os embalos, o certo é que en xuño de 1799 volve decretarse a liberdade de pesca e o uso das mesmas artes ata a invasión francesa. Nestas datas, entre 1778 e 1808 vaise producir a segunda chegada de fomentadores, a máis numerosa, pois supuxo un 50% dos instalados en Galicia, estimulada pola boa situación que alcanzaran xa as industrias pesqueiras catalás. Nestas datas varios fomentadores cataláns instalados en Bueu e Beluso van establecer contratos de pesca moi favorecedores con mariñeiros do Hio (non dependían do condado de Aldán) para manter o abasto da suas fábricas de salga. O levantamento da prohibición das xábegas e a rotura do monopolio da Coruña e Ferrol para comerciar con América tamén van propiciar o tráfico mercante de altura desde o porto de Vigo. Contodo, vai continuar a tirapuxa entre entre algúns portos como Cangas e os cataláns polo uso das xábegas, que seguían a prodigarse nas rias coa chegada de máis fomentadores. Xa que logo, seguirían os conflitos e en 1780 vai ser o catalán Carlos Guixeras, asentado en Aldán, quen elevase unha protesta ante as autoridades polo acosamento que sufrían os seus pescadores por parte dos de Cangas.

Datos catastrais de 1758.   | /// ARQUIVO DO AUTOR

Datos catastrais de 1758. | /// ARQUIVO DO AUTOR / Xerardo Dasairas*

Como xa comentáramos esta situación de preponderancia dos catalán na pesca vai provocar unha reacción dos poderes fácticos galegos, sobre todo da Igrexa, que tentaba “remediar las urgencias” dos pescadores matriculados que tiñan contratado créditos con terceiros para mercar barcos e aparellos e fomentar a pesca coa intención de “evitar la importación de bacalao del enemigo inglés”. Como dixemos, en novembro de 1775, a instancias previas de Cornide, Sáñez Reguart (comisionado do Ministerio) e Manuel Ventura, comisionado do Consello de Castela, van pór en marcha o Montepío do Mar con fondos dos expolios dos bispados galegos con porto, alcanzando a contía de medio millón de reais. Foron bastantes os gremios que se acolleron a empréstitos, agás os de Vigo, que lle vendían as capturas aos cataláns. Contodo, a finais de outubro do 1776, Pedro Tournelle e José Caminada, donos de xábegas, alegaban contra este Montepío que implicaba a prohibición das xábegas, asunto que foi desestimado polo Intendente de Mariña.

Cara a 1782, os mariñeiros de Cangas tiñan que desembolsar un 18% de intereses por créditos suscritos co empresario marinense José Fernández Guerra co que fixeran compañía de pesca, empeñándose en 86.000 reais para o pago de equipamento pesqueiro e seguros marítimos a cambio do 19% do valor das capturas. Para tentar sair deste oneroso convenio, os de Cangas solicitarían do Montepío 60.000 reais cuns intereses do 12%. En xuño de 1785 sería o representante do gremio de Aldán, Juan A. Gago e máis o Cabo de Mar deste porto Juan A. Bermúdez quen intervirían como apoderados ante o escribán de Mariña de Cangas para solicitar do Montepío 6.000 reais de vellón para urxencias e fomento do sector.

O 29 de xullo de 1787, ratificada logo en febreiro do ano seguinte, a arte ou xábega vai ser de novo prohibida polo Inspector Xeral de Matrícula, Luis Muñoz de Guzmán sendo sustituida polas artes tradicionais como o xeito (incluso se incentiva a construción de moitas lanchas) e as traíñas coas que os mariñeiros lles seguirían aportando o produto da sua pesca aos cataláns. A pesar desta prohibición da xábega, hai que anotar que os cataláns como sempre seguirían a facer caso omiso dela, a pesar de que xa nestas datas comezaran a inscribirse como comerciantes estables, devengando os impostos nas zonas de ocupación. No antedito ano de 1787 xa temos establecido en Espiñeira a Antonio Fábregas, sendo que o fomentador e gran comerciante de peixe e sal, Francisco Genaro Ángel, tentaría instalarse en 1790 en Balea para beneficiar o produto da pesca de Cangas, o máis grande da ría, pero desistiría presionado polos mariñeiros locais. Porén, nestas datas, abriríase no Con de Moaña, a primeira salga co sistema catalán da man do señor de Paxarín, Pedro Benito Rubiños Mariño, un dos primeiros galegos da zona que se sumaría a esta industria e que anos despois, cara a 1870 lle alugaría a Vicente Vázquez Acuña de Marín.

O 6 de setembro de 1804 a teimosía catalá vai conseguir que se restitúa a legalidade da Orde de 1772 que permitía o uso de todo tipo de redes na pesca o que levaría a que na altura de 1808 a situación xa era de escaseza de sardiña por sobrepesca, aumento dos impostos pola ocupación francesa e o fiasco do Montepío do Mar que deixaría aos de Cangas moi endebedados e sen poder pescar moitos deles por teren embargadas as embarcacións co que algúns comezarían a faenar xa coas prohibidas xábegas. Nesta altura, rendidos e xa mesmo colaborando os gremios opositores á xábega, os fomentadores cataláns, a pesar de tantas eivas e dificultades, xa tiñan gañada a batalla pola pesca sendo que das 400 fábricas de salga que se calculaban establecidas en Galicia, 320 estaban nas suas mans. Tamén eran donos do comercio de peixe e tiñan incrementado a sua flota de barcos de gran tonelaxe, dedicando algúns deles ao corso para protexeren as suas rutas dos ataques dos ingleses. Como exemplos, os de Caminada que arma en corso o “Gallardo”; José M. Lluch Tapies co xabeque “Virgen del Carmen”, coñecido popularmente como “O Palangreiro” ou José Roura y Sala que armou o “Santa Victoria”, de alcume “La Fortuna”. Tamén cabe apuntar que o asentamento definitivo que fan os cataláns nestas datas, levaría a que desde 1790, os barracóns de madeira ou loxes que protexían os píos e as prensas de machos (trabes), fosen sustituindose polos edificios de pedra con vivenda superior ou anexa que imitaba aos das fábricas téxtiles do seu país.

Fomentadores e xábegas na enseada de Aldán (II)

Fomentadores e xábegas na enseada de Aldán (II) / Arquivo do autor

Ao chegar o ano 1805, temos xa, instalados en Ameixide, a José Manuel Lluch Tapias e ao seu irmán Juan Jaime, ambos de Sant Andreu de Llavaneres, a Félix Ferrer con loxe en río Esteiro, a Pedro Dionisio Lafuente na Xestada e a Francisco Xabier Vázquez que lle arrenda a fábrica a José Martínez que tamén a tiña en aluguer. En Aldán estableceríanse Félix Faus (moi relacionado cos Lluch), Simón Curbera e fillo, Francisco Genaro Ángel e Ramón Carreres co seu xenro Carles Guijeres, sociedade que se disolvería por cuestións económicas entre eles, pasando o primeiro a instalarse en Xestadelo. Neste mesmo ano abriría unha fábrica en Tirán José Rubinos e o Francisco Genaro, vetado antes en Cangas, acabaría aséntandose no Con en Aldán, porto ao que chegarían, tamén arredor desta data, Félix Ferrer e José Benito Martínez.

As xábegas (II)

A xábega é unha arte de arrastre semellante ao boliche con dúas pernas e cope ou saco, dividida en seis ou sete partes que, comezando a contar desde os chi¬cotes das pernas, son: claro, reinai, docena, casarete, gola, cope e coroa, medindo todo o conxunto de 340 a 600 m. de longo. Na tralla dos corchos leva desde o claro ao casarete uns 240 corchos cadrados, e do casarete á boca 115, postos moi mestos para que abran ben a boca do cope. Na tralla dos chumbos leva un to¬tal de 40 kg., tamén máis mestos na boca para que vaian ronzando polo fondo. As pernas rematan en senllos calóns con pés de galo dos que parten as seneiras ou be¬tas, que poden ter mil ou máis metros de longo. Por veces, ao longo destes cabos púñanse boureis para mantelos a flote e facili¬tar deste xeito o seu halado desde a praia. A largadura da xábega facíase dun xeito semellante ao das sacadas, en postas a carón da praias desde onde se cobraba a arte. A sua prohibición proviña, sobre todo, polo remate en cope, impedindo que as crías de peixe fuxisen, colaborando ademáis nisto os panos de rede en rombo que pechaban a malla ao tirar, creando un tupido muro que deu pé ás acusacións dos mariñeiros das artes tradicionais de que con elas se “queimaba o mar” ao matar as crias, todo en aras dun rápido enriquecemento. Contodo, as xábegas volverían a utilizarse nas nosas rias sendo 231 as que operaban entre Ribadeo e A Guarda no ano 1911. Ainda que non ten que ver coa arte que no século XX se denominou Bou (boi en galego) tirado por unha parella de barcos, o certo é que cando a xábega traballaba en arrastre á vela e remo, xa recibía este nome.

Suscríbete para seguir leyendo