Inscricións medievais en San Martiño

O investigador local Manuel Uxío García alerta do mal estado dos gravados e urxe que, a través de Patrimonio, se estuden os medios de protección

Inscrición fundacional da igrexa de San Martiño.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Inscrición fundacional da igrexa de San Martiño. | // ARQUIVO DO AUTOR / Manuel Uxío garcía

Manuel Uxío garcía

Durante o ano 569, un documento nomeado “Parroquial suevo”, describe a organización eclesiástica e administrativa do reino suevo; nel recóllense ata trece dioceses e 120 parroquias na Gallaecia; unha delas situada no Morrazo, da que non se coñece a situación da súa igrexa, encadrada na diocese de Iria Flavia.

San Martiño, presidindo as imaxes do tímpano da portada.   | // A. COSTA

San Martiño, presidindo as imaxes do tímpano da portada. | // A. COSTA / Manuel Uxío garcía

Hai que avanzar tres séculos para atopar unha nova relación de parroquias adscrita á dita diocese iriense; en efecto, no ano 868, Dominus Tructino, por mandato indirecto do rei de Asturias e Galicia, Alfonso III, redacta un documento no que enumera ata 65 igrexas da súa parte norte; non obstante, no encabezamento do escrito, consta que Tructino consignou todas e cada unha das igrexas que son propias da Sé de Iria, polo que débese entender que existiu outro, desaparecido, no que estaban nomeadas as igrexas da banda do sur.

O rei de león e Galicia, Fernando II, cunha coroa na cabeza e o nobre Fernando Arias con ela descuberta no tímpano da portada.   | // A. COSTA

O rei de león e Galicia, Fernando II, cunha coroa na cabeza e o nobre Fernando Arias con ela descuberta no tímpano da portada. | // A. COSTA / Manuel Uxío garcía

Segundo opina o catedrático de latín moañés, Rodríguez Parada: “A pesar de que non hai datos para extrapolar tal número de igrexas á parte meridional, incluída a demarcación do Morrazo, non cabe dúbida de que nesta época tamén tiña que existir unha rede de igrexas similar neste territorio”.

Movéndose cara adiante, no ano 1184 está datado outro documento no que, pola primeira vez, cítase en latín a parroquia de San Martiño de Moaña, no Morrazo; trátase dunha escritura de doazón da Herdade de Sabaceda que fai o rei de León e Galicia, Fernando II ao nobre da súa corte, e familiar seu, Fernando Arias.

Coñecendo que en dito ano, Sabaceda, pertencía á dita parroquia; esta, forzosamente, tiña que dispoñer dunha igrexa parroquial prerrománica que a administrase; igrexa situada a carón da “Necrópole de San Martiño” descuberta no ano 2006; pois, a románica actual, de acordo coa inscrición do tímpano da porta principal, mandouna facer o propio Arias. Sobre esta inscrición, o catedrático moañés opina:

A pesar de que necesita unha boa limpeza, o gravado conservouse ben e permite facer a seguinte transcrición e tradución do latín ao galego:

Á HONRA DE SANTO EMILIANO : SAN MARTIÑO, BISPO : Á HONRA DE SAN BRICIO, BISPO : EU, ARIAS, MANDEINA FACER”.

As imaxes dos tres santos e a de Arias están representadas no tímpano xunto a unha quinta, totalmente descoñecida, ata que Rguez. Parada traduciu o documento en latín do ano 1184 e, de seguido, foi sometida a técnicas modernas fotogramétricas polo, tamén moañés, Antonio Costa Iglesias; técnicas que confirmaron a presencia dun home con vestimenta e coroa reais que semella ao monarca Fernando II, benfeitor de Arias.

No que atinxe á segunda inscrición, situada nunha pedra do muro da porta meridional; ata 2016 o único que se coñecía dela era o ano da consagración do templo. Segundo o citado catedrático quen, coa axuda tamén da fotogrametría empregada polo arqueólogo de Tirán, Eloy Martínez Soto, conseguiu transcribila e traducila do latín ao galego, ten o seguinte significado:

NA ERA DE MIL DOUSCENTOS TRINTA E CINCO FOI FUNDADA ESTA IGREXA EN DOMINGO

: MANDEINA EDIFICAR PARA MIN E PARA TODAS AS FAMILIAS.

A Era de 1235 equivale ao ano, 1197, en que foi consagrada a igrexa románica. Sobre a inscrición, Rguez. Parada opina que:

Esta inscrición é unha continuación de ARIAS FECI, do tímpano coa que a hai que relacionar necesariamente, pois EU ARIAS é a mesma persoa das dúas. Nunha lese quen mandou facer a igrexa e na outra para quen a mandou edificar.

Está documentado que ao mecenas Arias correspondeulle participar polo menos en dúas cuartas partes dos dereitos sobre a nova igrexa, é dicir, sobre a metade.

Despois de estudar a fondo o motivo de que Arias mandase engadir, ao final do texto, que a mandou facer, tamén, PARA TODAS AS FAMILIAS; chegase á conclusión de que se trata dunha obra comunitaria, pola que se recoñecen igualmente os dereitos das familias da freguesía sobre esta igrexa ou a anterior.

Considerando a enorme importancia que teñen os documentos medievais, depositados no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, de cara a coñecer as orixes da primitiva parroquia de San Martiño de Moaña que o arqueólogo, Dr. Sánchez Prado, profesor da Universidade de Santiago, especializado na Idade Media, sitúa entre os séculos IX ou X; cumpre subliñar que as dúas inscricións do actual templo románico, estímanse complementarias deles para coñecer o tránsito desde unha parroquia milenaria, con igrexa prerrománica, cara á freguesía do século XII, con templo románico, que mandou facer o mecenas Fernando Arias, xuntamente coas familias residentes nas aldeas moañesas.

Dita inscrición fundacional atópase en moi mal estado de conservación debido ás características granulares da pedra e aos 825 anos transcorridos desde que se gravou. Por iso, é imprescindible que, a través de Patrimonio, se estuden os medios adecuados a súa protección se se quere que non desapareza un gravado tan importante para coñecer as orixes da freguesía de Moaña.

(*) Investigador en asuntos de historia de Moaña