A historia do ensino na comarca

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (IV)

O autor conclúe nesta achega o repaso á situación do ensino na vila ata os momentos previos á Guerra Civil

Unha entrega de premios nunha escola de Cangas presidida polo alcalde Pedro Rodríguez.

Unha entrega de premios nunha escola de Cangas presidida polo alcalde Pedro Rodríguez. / Xerardo Dasairas*

Xerardo Dasairas*

A chegada da ditadura monárquico-militar de Primo de Rivera tería un efecto represivo no tecido asociativo progresista e na vida pública, erradicando o caciquismo, pero centraría a sua política na creación de infraestruturas (estradas, portos...) con grande efectividade nestes eidos. Porén, a mellora do ensino público, como prometeran, ficaría sen efecto ao promoveren preferentemente as escolas elitista privadas.

Con todo, a situación do ensino público e dos mestres pouco antes da chegada da ditadura de Primo de Rivera en setembro de 1923 seguía a ser case a mesma que a dos anos anteriores tal como reflicten os informes destas datas: En España, el maestro de escuela, en vez de haber sido erigido primer magistrado de la nación era el tipo representativo de los grandes ayunos, como si se quisiera apagar su inteligencia impidiéndoles comer. ¡En cuántos pueblos el maestro de escuela tiene que vender su independencia al cacique político para llevar algo más a su estómago! Ante o fracaso de reconducir os problemas políticos, sociais e económicos do país, a ditadura militar vaise instaurar co apoio da oligarquía, ofrecendo en inicio un programa rexeneracionista nos eidos citados que vai ter moito éxito na mellora das infraestruturas pola bonanza económica que se vai dar nestes anos pero que no ensino público só vai ter certa efectividade nos avances no ensino secundario. A prometida reforma global da educación, que se consideraba anquilosada, abría esperanzas na liberación do case monopolio clerical sobre ela e a incorporación das novas correntes pedagóxicas que viñan de Europa. Mais, non houbo nada disto e os cambios habidos a penas se trasluciron nunha mellora cuantitativa, creando máis centros e prazas de profesores de secundaria (máis elitista) que non lle afectaron para nada á mellora da calidade do ensino primario que seguiría a ser deficiente. Ainda que incrementaron os soldos e se reduciron as escalas no escalafón dos mestres públicos, estes seguían a cobrar menos que calquera traballador doutro oficio e incluso a formación destes nas escolas Normais foi continuista co cal a base do sistema educativo seguiría a resentirse e a permanecer en precario ata a chegada da República.

Nota sobre o fin de curso na escola do pósito de Aldán-O Hío.

Excursión á praia por parte da escola de Monge. Xullo de 1926 / Xerardo Dasairas*

Un novo día de celebración escolar nestas datas era o chamado Día Universal del Ahorro que desde 1924, igual que noutros países, asumiría aquí a Caixa Postal. Neste labor de promoción do aforro escolar destacarían, abríndolle libretas aos alumnos, o matrimonio de mestres Perfecta Sitoula e Manuel Mosquera que en troques, recibirían 250 pts. para as suas escolas. Cabe dicir que dona Perfecta non o era tanto pois desde 1920 intentaba a anulación do seu currículo dun expedente administrativo que lle abriran as autoridades en 1906, asunto que conseguiría resolver neste ano. Tamén temos que destacar a atención que a Deputación lle vai dedicar aos nenos discapacitados, outorgándolles pensións de estudos como a que lle concederon a nena Nieves Fdez. Pastoriza de Coiro para que estudase no Colexio de Sordomudos e Cegos de Santiago.

En 1925 vai chegar a escola de nenos nº 1 de Cangas o mestre José Monge que se vai distinguir pola incorporación ao ensino dos chamados paseos didácticos, dos literarios con premios, festivais de fin de curso, participación dos nenos en diferentes eventos... e a reactivacións das clases nocturnas de adultos. Deste docente, habería que destacar o seu eclecticismo social ao se acomodar ás circunstancias políticas de cada época (primorriverista, galeguista...) pero coa relixión e a docencia sempre por diante. Se no decreto de Romanones de principios deste século se prohibía o ensino en “lenguas vernáculas”, agora coa ditadura vaise apuntalar cunha Real Orde de 13 de outubro sobre propagandas antipatrióticas e antisociais nas que se incluian aquelas. Tras disto, apuntábase preferentemente ao catalán, moi estendido nas escolas, e ao que o ditador, antes capitán xeral de Cataluña, incluía naquelas categorías. En Galicia, as actividades de promoción do galego eran exclusivas das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e dos grupos galeguistas, conformados nesta época por unha burguesía intelectual, que a penas foron estorbados neste sentido.

Imaxe da escola número 2 de Cangas, tomada no ano 1930.

Nota sobre o fin de curso na escola do pósito de Aldán-O Hío / Xerardo Dasairas*

Xa como algo recorrente pero nunca materializado, o Concello volve anunciar en setembro de 1925 a construción dun grupo escolar cun presuposto de 150.000 pts. que tampouco se faría, quizáis freados polo anuncio da apertura dun centro privado da man das monxas santanderinas da Orden de Nuestra Señora. Unha vez conseguida a autorización papal, estas xa se instalarían desde primeiros deste mesmo mes nunha finca de recreo de Cimadevila denominada “La Gloria” e co nome de Compañía de María - La Enseñanza, comezando a impartir clases para nenas pobres. Nos seus inicios, o curriculum instrutivo contempla clases de Educación Primaria, Cultura Xeral, piano, corte e confección... e un ano despois, o xa coñecido como Colexio da Enseñanza acollía a duascentas alumnas e a sua estrutura ía tomando forma coa inauguración dunha capela a mediados de decembro de 1926, medrando logo estruturalmente e incorporando co tempo aos distintos plans e niveis educativos que foron xurdindo ata hoxendía. Visto o éxito das monxas da Enseñanza atendendo ás nenas e o final da escola de Soage, a comezos de febreiro de 1926 tamén se anuncia a instalación dun colexio en Cangas para nenos pobres, rexentado polos Irmáns Maristas e subvencionado polo Concello. Con tal motivo o alcalde e máis os curas de Aldán e Coiro (o de Cangas estaba doente) foron visitar ao arcebispo para que colaborase neste asunto pero habíase adiar ata dous anos despois. Nestas datas e de xeito voluntario, tres señoras de Aldán van a impartir clases gratuitas para mulleres na casa reitoral en materias como aritmética, redería ou corte e confección.

Relación de mestres en Cangas entre 1912 e 1930.

Ocaña / Fin de curso na escola de Monge en 1930, con alumnos premiados e autoridades asistentes.

Entanto, a implantación dos pósitos e o apoio da Ditadura, que os vía como supletorios das suspendidas asociacións mariñeiras e obreiras, vai cobrar novos pulos nestas datas e en xullo de 1926 abre a escola do pósito Aldán-Hío e en decembro deste mesmo ano as de Coiro no Forte e a de Darbo no Piñeiro. Nestas datas, o control dos pósitos corría da man dos axudantes de Mariña e o de Cangas, Carlos de la Piñera, vai destacar por promover a Fiesta del Niño Pescador para recadar cartos para os fillos de mariñeiros pobres ou entregarlles libretas de aforro. Ainda que nestas datas non se levaban as estatísticas, sabemos por un informe de outubro de 1926 que á escola de nenas de Aldán asistían 78 alumnas que supuñan un 80% das matriculadas, que á do Hio, tamén de nenas con 97 alumnas inscritas, só ían a metade (50%) e que a nº 2 de Cangas con 72 alumnos tiña unha asistencia do 95%. Neste mesmo mes, tamén vai adquerir certa relevancia o estudo do solfexo e aprendizaxe instrumental a través da constitución da Sociedade Pro-Música de Cangas que tiña como fin a formación dunha banda de música local, pois a vila xa levaba uns anos sen ela.

Mestres e escolas en Cangas 1818-1936 (IV)

Nota dun mestre sobre o ensino en Cangas no ano 1929. / Xerardo Dasairas*

A apertura dun Instituto de Secundaria na Escola de Artes y Oficios de Vigo a comezos de 1927 vai ser recibida con gran satisfacción polos sectores de Cangas con máis posibilidades económicas pois isto faría factible a continuación dos estudos polos rapaces, incluso de xeito oficial, a través dos vapores de pasaxe. En maio a escola de nenas nº 1 trasládase á rua dos Barreiros e abre en Cima de Vila unha de nenos. En xullo deste ano volve detectarse outro brote epidémico de sarampelo, esta vez na escola do Hío, que se ve obrigada a pechar por un tempo. Neste mesmo ano de 1927 e por Decreto de 15 de agosto, as escolas dos pósitos van pasar a integrarse no sistema público, afectándolle como dixemos a algúns mestres sen oposición pero incrementando a infraestrutura formativa e a calidade do ensino que alcanza tamén ás persoas maiores coas clases nocturnas nas escolas de nenos de Cangas. Ante esta situación legal, o pósito de Cangas vai abrir en 1928 unha nova escola que, igual que as das parroquias, anovaría o material e os mestres.

O día dous de xaneiro do 1928 vai abrir o colexio subvencionado polo concello que baixo o nome de “San Luis Gonzaga” vai estar atendido por un sacerdote que pola advocación debía ser xesuita. O cupo dáballe preferencia sen límite, a aqueles alumnos que puidesen pagar duas pesetas ao mes, ficando as restantes prazas para os nenos pobres “escollidos” que asistían gratis. Tamén desde comezos deste ano, vai abrir unha academia para adultos, dirixida polo mestre autorizado Francisco Sánchez, onde se impartirán clases para aqueles que se van dedicar a asuntos comerciais, industriais ou que pensen trasladarse a América.

Fin de curso 1930 na escola de Monge, con Alumnos premiados e autoridades asistentes.

Imaxe da escola número 2 de Cangas, tomada no ano 1930. / Xerardo Dasairas*

Era tanta a penuria material das escolas das parroquias canguesas que a donación de dez pupitres para a escola de Darbo convértese nun acto de enxalzamento da gran preocupación do Concello polo tema instrutivo no que hai que incluir a creación dunha escola unitaria en Aldán. Contodo, a finais de 1928 vai chegar unha pequena aportación estatal, dotando a algunhas escolas de Cangas con xogos de pesas e medidas, unha máquina de escribir e unha de coser para as nenas e o Concello anuncia o cambio de varios locais escolares que vai ser o preámbulo para que desde comezos do ano 1929 se prevea duplicar as escolas da vila e que nas parroquias se supriman as mixtas, abrindo locais para nenos e nenas. En outubro deste ano o mestre Celso Sieiro renunciaría á praza de interino na escola do pósito cangués, cubrindo esta praza Modesto Novelle. En febreiro de 1930, sería nomeado mestre da escola do Pósito de Coiro Victor Sánchez Martill, destinado en Esgos (Ourense), que previamente tiña feito os cursiños de Orientación Marírima esixidos. No mes seguinte, o Pósito de Cangas solicita que o Concello apoie a creación de duas escolas nacionais máis con Orientación Marítima, unha de nenos e outra de nenas, pois existe suficiente demanda. A Corporación, xa que logo, facilitaría tres novos locais en Cangas, Coiro e Darbo que obterían o visto bo da Inspección educativa, destinando a estas últimas a Víctor Sánchez Martil e Lino Davila.

Nota dun mestre sobre o ensino en Cangas no ano 1929.

Relación de mestres en Cangas entre 1912 e 1936, / Xerardo Dasairas*

Porén, o mestre Felipe Carnicer vai máis alá e di contar con apoios estatais para de xeito semellante ao do cuartel da Garda Civil, construir unha escola graduada de dez aulas para nenos e nenas e unha Escola de Pesca anexa con varios profesores que sería o único que se materializase. Nestas datas, ao aprobar os cursos de Orientación Marítima, o mestre de Darbo Lino Davila pasaría á escola do pósito, ocupando a sua praza en Darbo, Pío Cribeiro González. Nestas datas van prodigarse as excusións escolares, sobre todo as das escolas do pósito que poden facer visitas en Vigo (a un xornal, a un asteleiro e ao cruceiro Jaime I) grazas a que o presidente do Pósito, Antonio Iglesias, pon o seu barco a disposición deles. En xullo deste 1930 crearíase o chamado Pósito Infantil cunha directiva propia e cuxo obxectivo era impartir clases teóricas e prácticas aos nenos de máis de oito anos sobre cuestións sociais, mutualidades de aforro, cooperación, socorros mutuos, cultura artística...

Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

*Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo