A última danza de Nerga sete décadas atrás

María Teresa Costas e Sara Paz, Damas no Xogho da Bóla, nun fotograma do vídeo de Antón Beiras de 1951.

María Teresa Costas e Sara Paz, Damas no Xogho da Bóla, nun fotograma do vídeo de Antón Beiras de 1951. / Fran G. Sas

“Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo” é o libro do músico e investigador bueués Guillerme Ignacio arredor da danza tradicional deste lugar do Hío que deixou de celebrarse no ano 1952. Nestes momentos só queda vivo un dos galáns da última etapa desta tradición e no libro aparecen tesmuñas de moitos dos protagonistas. O propio Guillerme Ignacio falou en profundidade con Irene Piñeiro, que foi a última dama con vida. A obra xa está á venda nas librerías con boa acollida e este venres terá lugar a presentación na Casa da Garita de Nerga ás 19.00 horas.

Nos últimos anos saltou á fama a recuperación, por parte de Meiramar-Axóuxeres, da danza tradicional de Madamas e Galáns na parroquia moañesa de Meira, que levaba sete décadas desaparecida. Pero non era a única danza deste tipo en periodo de entroido. Tamén hai uns 70 anos que se deixou de celebrar a do barrio de Nerga, no Hío. Era un baile de damas e galáns que agora volta á luz grazas ao libro “Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo”, que publica o músico e investigador bueués Guillerme Ignacio. Neste ensaio queda comprobado que a danza de Nerga “é curmá das de Cobres (Vilaboa) ou Meira (Moaña) e irmá da recentemente recuperada en Dabo (Cangas)”.

Guillerme Ignacio con Irena Piñeiro, derradeira Dama de Nergha, á que entrevistou para o libro.

A fotografía da portada do libro publicado. / Fran G. Sas

Este traballo de investigación presentaráse o venres 4 de marzo, ás 19.00 horas, na Casa da Garita de Nerga. Participará o propio Ignacio e o antropólogo Rafael Quintía e está organizado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).

“A idea de facer esta investigación sobre a danza de Nerga xurdiu a raíz dun curso con Rafael Quintía sobre investigación etnográfica. Pensei nesa danza porque eu fun gaiteiro do entroido do Hío e xa tiña entrevistado a xente de Nerga como Manuel ‘O Laranxo’, que foi o primeiro presidente que tivo o entroido de Nerga despois da Guerra Civil, nos anos 1945 e 1946”, explica o autor.

María Teresa Costas e Sara Paz, Damas no Xogho da Bóla, nun fotograma do vídeo de Antón Beiras de 1951.

Guillerme Ignacio con Irena Piñeiro, derradeira Dama de Nergha. / Fran G. Sas

O músico e investigador acudiu tamén a un vídeo de 1951 gravado polo intelectual galeguista Antón Beiras, “onde non se escoita pero poden verse ás damas e os galáns bailar no torreiro do Xogo da Bóla nun martes de entroido” Entendeu, Guillerme Ignacio, “que había suficientes datos para abordar este traballo do que coñezo o entroido. É unha danza que me parece necesario rescatar, ou polo menos que a xente do Morrazo coñeza a importancia deste patrimonio”.

A derradeira etapa desta danza foi entre os anos 1946 e 1952, e no libro o autor recolle os datos aportados pola mestra Saturna Costas e a súa commpañeira Josefa Costas, así como damas desta última etapa como María Teresa Costas ou Irene Piñeiro, ademais de galáns como o propio Manuel Otero ou Pepe Novas. Tamén se documentou con gaiteiros como Xosé Gutiérrez “Da Chamiseira” ou Eduardo Menduíña “Punxeiro”, que falan en primeira persoa de todo o que implicaba esta tradición.

O autor fixo traballo de campo dende outono de 2018 “comezando cunha entrevista en profundidade con Irene Piñeiro, a derradeira dama que quedaba viva”. Neste momento só queda un galán vivo e, grazas a este libro, a memoria desta tradición non se perderá para sempre.

Suscríbete para seguir leyendo