Nos últimos anos saltou á fama a recuperación, por parte de Meiramar-Axóuxeres, da danza tradicional de Madamas e Galáns na parroquia moañesa de Meira, que levaba sete décadas desaparecida. Pero non era a única danza deste tipo en periodo de entroido. Tamén hai uns 70 anos que se deixou de celebrar a do barrio de Nerga, no Hío. Era un baile de damas e galáns que agora volta á luz grazas ao libro “Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo”, que publica o músico e investigador bueués Guillerme Ignacio. Neste ensaio queda comprobado que a danza de Nerga “é curmá das de Cobres (Vilaboa) ou Meira (Moaña) e irmá da recentemente recuperada en Dabo (Cangas)”.
Este traballo de investigación presentaráse o venres 4 de marzo, ás 19.00 horas, na Casa da Garita de Nerga. Participará o propio Ignacio e o antropólogo Rafael Quintía e está organizado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).
“A idea de facer esta investigación sobre a danza de Nerga xurdiu a raíz dun curso con Rafael Quintía sobre investigación etnográfica. Pensei nesa danza porque eu fun gaiteiro do entroido do Hío e xa tiña entrevistado a xente de Nerga como Manuel ‘O Laranxo’, que foi o primeiro presidente que tivo o entroido de Nerga despois da Guerra Civil, nos anos 1945 e 1946”, explica o autor.
O músico e investigador acudiu tamén a un vídeo de 1951 gravado polo intelectual galeguista Antón Beiras, “onde non se escoita pero poden verse ás damas e os galáns bailar no torreiro do Xogo da Bóla nun martes de entroido” Entendeu, Guillerme Ignacio, “que había suficientes datos para abordar este traballo do que coñezo o entroido. É unha danza que me parece necesario rescatar, ou polo menos que a xente do Morrazo coñeza a importancia deste patrimonio”.
A derradeira etapa desta danza foi entre os anos 1946 e 1952, e no libro o autor recolle os datos aportados pola mestra Saturna Costas e a súa commpañeira Josefa Costas, así como damas desta última etapa como María Teresa Costas ou Irene Piñeiro, ademais de galáns como o propio Manuel Otero ou Pepe Novas. Tamén se documentou con gaiteiros como Xosé Gutiérrez “Da Chamiseira” ou Eduardo Menduíña “Punxeiro”, que falan en primeira persoa de todo o que implicaba esta tradición.
O autor fixo traballo de campo dende outono de 2018 “comezando cunha entrevista en profundidade con Irene Piñeiro, a derradeira dama que quedaba viva”. Neste momento só queda un galán vivo e, grazas a este libro, a memoria desta tradición non se perderá para sempre.