As regas de Coiro (II)

Unha levada de auga para as regas. | A.A.

Unha levada de auga para as regas. | A.A. / Xerardo Dasiras*

Xerardo Dasiras*

Existen, como dixemos, varias referencias ao sistema de regas en Galicia, mais en ningún outro caso temos tanta información como no de Coiro, que ademais do seu valor etnográfico e histórico, constitúe, ademais un importante acervo sociolóxico de organización dunha comunidade galega e dos seus avatares frente ao caciquismo e o poder institucional daqueles días e de tempos non tan lonxanos.

Pola referencia documental que foi recabada cando do conflito de 1977 e que garda Manuel Boubeta, sabemos que por convenio feito ante un escribán da Coruña o 24 de outubro de 1827, o cura e máis os veciños da parroquia comezan a exercer de novo o rateo das augas dos ríos Fraga e Bouzós. Estas distribúense en horas e medias horas, segundo a superficie, desde a semana na que acae o San Bieito (11 de xullo) ata a semana na que se celebra a Virxe de Darbo, é dicir, o oito de setembro. Neste acordo tamén consta que os días de rega son os domingos, luns, martes e mércores de cada unha das semanas do período de tempo citado e que os tres días restantes son para as terras do igrexario, baixo control do párroco. Esta referencia aparece recollida nun documento de 2 de xullo de 1844 no que 22 dos veciños solicitan do gobernador que apremie ao concello de Cangas para que nomee a un distribuidor imparcial pues como algunos interesados, que son ricos y díscolos, se apropian del derecho de los pobres sobre dichas aguas comunes... xa deixándoos sen rega o ya porque se ganan (compran) al distribuidor.

Plano co minifundismo da zona. | // A.A.

Levada de auga dun muíño. | A.A. / Xerardo Dasiras*

Para evitar este e outros desarranxos, emítense varias Reales Órdenes en xaneiro de 1845, mais estas non semellan ter efecto no terratenente Juan Manuel Matos Benavides quen, segundo os veciños, róuballes (les usurpa) a auga dun dos encoros para fertilizar os seus campos, situados a un cuarto de legua. Hai que dicir que o señor Matos era usufrutuario da granxa da Retirosa (dos Blanco-Cicerón) e presidente rexidor da xunta das augas desde 1845. Logo sería alcalde desde 1861 a 1863 co que as protestas dos veciños pouco tiñan que facer ante a cínica actitude deste cacique, que xa evidenciara cando tomara posesión como repartidor das augas que usurpaba: De nada sirve al labrador arar, labrar y estercolar las tierras si en estas se ven agotadas las plantas por falta de riego causándole su mayor desconsuelo, pero cuando riega y coge, olvida sus afanes y se dedica al gozo y contento.

Texto sobre a importancia do “porroteo”.

Plano co minifundismo da zona. / Xerardo Dasiras*

A pesar das Reales Órdenes e Decretos emitidos en 1860 para regulamentar o reparto das augas, o alcalde Matos chegaría a ter algúns desencontros legais co gobernador e mesmo co Ministerio de Fomento ao que lle resposta que aquí non ten nada que dicir. En 1864, xa con César Arnaud de alcalde de Cangas, a autoridade provincial deixaría sen efecto o nomeamento de repartidores que viñan exercendo J. Manuel Matos e Manuel Queimaño, reponiéndose el anterior orden de cosas. A estas supervisións legais do alcalde e do gobernador, incluso de Fomento, virían engadirse os procesos desamortizadores facendo que o cura e os señores nobres a quen representaba, perdesen tamén algúns dos seus privilexios sobre a terra, pero non todos, pois o 10 de setembro de 1898 oitenta regantes e donos de 31 muíños aínda terían que pleitear cun veciño de Moaña por apropiación indebida da auga. Máis tarde, xa avanzada a extinción foral e coa chegada da Frente Popular ao goberno republicano (febreiro de 1936), serían as sociedades agrarias de Coiro quen denunciasen ao cura don Manueliño (Manuel Vivero), testaferro do marqués de Santa Cruz no cobro dos foros, por facerse co control da auga e cobrar polo seu uso para os muíños e as regas. En xullo daquel ano e coa oposición do cura, habían reunirse o Concello, os agrarios e uns técnicos de Vigo que arbitraron unha resolución conforme a lei que quedaría adiada polo soerguemento militar contra a República.

Documento de regantes, terras e reparto da auga.

Texto sobre a importancia do "prorroteo". / A.A. / Xerardo Dasiras*

Se ben, o reparto da auga para as regas tiña en Coiro unha maior entidade e complexidade, este sistema tamén estaba presente na parroquia de Darbo como acredita que nos comezos do século XX, o Concello aínda seguía nomeando aos repartidores de augas, constando en Coiro, Manuel Costas Sotelo ou Francisco Fernández Costas como encargados das dos rios Bouzós e Maceira e Ángel González Lago das do Anguieiro, entanto en Darbo eran Benito Barreiro e Vicente Villar quen se encargaban do reparto das augas de Riás e Pedra Cabalgada. Os últimos rateadores (repartidores) da auga en Coiro foron Manuel Boubeta Santos e logo o seu fillo Manuel Boubeta Costas.

As regas de Coiro (II)

Documento de regantes, terras e reparto da auga. / Xerardo Dasiras*

Das regas e dos muíños

Como orixe das augas comúns sempre se mencionan os ríos da Fraga e Bouzós e as fontes de orixe denominadas Esperón, Porfín, Canoteiras, Ramón Freire e outras. Entre aos encoros e caldeiras de distribución noméanse as da Fraga, do Loureiro, Soutiño, Fandiño, Rozada, Pazo, Novas, Louzán, Bondiñeiro de arriba e abaixo, Salgueiro, Boubeta, Cocho, Castro (J. Castro Montejano), Olmos, Chouza, Naranxo, Canivés..., ata unha quincena delas, permanecendo aínda hoxe a chamada presa de Armada en alusión ás terras do marqués de Santa Cruz. As entradas de augas tamén aparecen mencionadas nos prorrateos, citándose entre outras as do Puntal da Fraga, Pombar de arriba e abaixo, Fonte da Rozada, Miranda de arriba, de abaixo e de Castro, Batel, Paxarín, Portela, Lavandeira, Coiro de abaixo, Veiga de Couso, Lameiro, Verdello de arriba e de abaixo, A Devesa, A Garita, O Carballo, O Ribeiro, O Cruceiro, Senras de arriba e de abaixo, Salgueiro, Circundado e Granxa da Boubeta (Sr. Pimentel), río da Cova, Fareleira, Ramal da Chouza, As Abellas, A de Santos...

As regas de Coiro (II)

O selo do sindicato agrario de Coiro. / Xerardo Dasiras*

Na documentación non se mencionan as clases de plantación pero nun oficio dirixido ao gobernador alúdese a liño, centeo, trigo e legumes, supoñendo que tamén se regaría o millo. Como variación importante, recollida nos documentos de prorrateo, aparece a redución das regas a tres días da semana eliminándose o domingo pola presión eclesiástica que non permitía traballar nese día. Outra mudanza importante foi a de establecer un horario en vez do antigo de sol a sol que se viña utilizando no reparto pois nos dous meses de rega, o nacemento e posta do sol ían variando. Co novo horario, o proceso da rega comezaría agora ás cinco da mañá dándolle unha hora e media ao enchido dos encoros correspondentes para iniciar o regado desde as seis e media ata as oito da tarde. Nalgúns periodos, debido seguramente á escaseza da auga, reduciuse o rego a media hora por ferrado, aínda que non descartamos que fose polo incremento das parcelas, cada vez máis pequenas e numerosas debido ás herdanzas da terra.

Dos ríos de Cangas tamén é o Bouzós o máis prolífico en muíños cuxo número se foi incrementando a partir da chegada do millo a comezos do século XVII. Mais, xa anteriormente, temos constancia da súa existencia na zona pois segundo referencias documentais o mosteiro de Hermelo xa contaba co muíño do Abade en 1151. A súa existencia en anos seguintes vén corroborada polos apelativos do Moiño, Estevo del Molino ou Pedro de Moiño (Aravo 1526) e locativos como Pasaje, del molino que era del clérigo Duarte Rodríguez datado en 1545. En 1630 xa son varios os muíños existentes no Bouzós aforados polo cura da parroquia e moendo un día e unha noite de cada semana. Pero vai ser o catastro de 1752 o que nos vai dar conta real da proliferación dos muíños en Coiro, chegando ata 32 os existentes nestas datas e que moen durante dez meses ao ano.

Este período de traballo aínda se vai ratificar máis de cen anos despois nunha reclamación que fai un muiñeiro en 1859 na que afirma que es pública y notoria la costumbre que de tiempos inmemoriales viene siguiéndose entre molineros y regantes entre el ocho de septiembre y el once de julio siguiente. Neste período do ano as regas quedaban reducidas, sen excepción algunha, desde a saída do sol do sábado ata a saída do sol do domingo. Con protestas e arranxos, con reclamacións, acordos e desacordos e co encaixe legal do dereito consuetudinario, o caso é que o usufruto veciñal das augas aínda segue vixente hoxe no dereito civil e ao mesmo recorreron os veciños de Coiro naquel ano 1977 para gañarlle a partida a aquel Concello aínda franquista pero xa sen Franco, asunto do que xa demos conta noutro traballo anterior.

*Historiador e investigador

Suscríbete para seguir leyendo