As orixes da parroquia histórica de Moaña (I)

Outarelo pedregoso onde se atopa a actual igrexa de San Martiño de Moaña.   | FDV

Outarelo pedregoso onde se atopa a actual igrexa de San Martiño de Moaña. | FDV / Manuel Uxío García Barreiro*

Manuel Uxío García Barreiro*

O cronista oficial de Moaña, Manuel Uxío García Barreiro, e o catedrático de latín José Benito Rodríguez, logran a tradución dun documento medieval que sinala que a parroquia orixinal de Moaña tivo un templo prerrománico, previo ao actual e no mesmo emprazamento. Nesta primeira parte da investigación, percorren a historia do asentamento de poboación na zona, comezando por un castro. Pouco a pouco, o emprazamento no que agora se atopa a igrexa, comezou a ser empregada como lugar sagrado para o enterramento dos falecidos nos lugares do entorno.

A meirande parte dos filólogos, especializados en toponimia, coinciden en afirmar que “Moaña” procede dunha palabra prerromana, pero hai opinións contraditorias sobre o seu significado. Uns optan por “terreo encharcado” e outros por “terreo pedregoso”. Non a atopamos escrita ata o século XIII, para designar a ecclesia Sancti Martini de Moania. Por esta referencia, considérase que, nos comezos, abarcaba unha ampla superficie dos arredores do lugar no que se fundaría a igrexa de San Martiño.

Camiño milenario de entrada ao Monte do Castro do Cruceiro pola banda do sur.   | // FDV

Camiño milenario de entrada ao Monte do Castro do Cruceiro pola banda do sur. | FDV / Manuel Uxío García Barreiro*

Os indicios máis antigos de poboadores nesta zona proceden do Monte do Castro do Cruceiro, que está a carón da igrexa, separado dela por un foxo natural. Neste lugar, o investigador moañés da prehistoria, Antonio Costa Iglesias, no ano 1973, atopou superficialmente varios anacos de cerámica castrexa, lisa e decorada, e algunha tella romana (tégula). Todo este material pode ser comprobado nas fichas do Museo Arqueolóxico de Pontevedra, onde quedou depositado. O xacemento foi catalogado pola Xunta de Galicia coa clave GA 36029022 e coa adscrición cultural á Idade de Ferro.

Gabia aberta para a reparación do muro do adro alto.   | // FOTO DO INFORME DE ADRO ARQUEOLÓXICA

Gabia aberta para a reparación do muro do adro alto. | FOTO DO INFORME DE ADRO ARQUEOLÓXICA / Manuel Uxío García Barreiro*

Os achados descritos veñen a confirmar que, como ocorre noutros similares, alí viviron os castrexos que acabaron romanizados, formando co tempo un poboado galaico-romano. A partir de finais do século I, estes poboadores fóronse asentando en terreos feraces e máis chairos, onde crearon novas entidades de poboación que darían lugar, entre outros, ás vilas e casais da época medieval.

Sartego labrado na rocha.   | // FOTO DO INFORME DE ADRO ARQUEOLÓXICA

Sartego labrado na rocha. | FOTO DO INFORME DE ADRO ARQUEOLÓXICA / Manuel Uxío García Barreiro*

Debido á costume dos romanos de soterrar aos mortos, pola contra dos primitivos castrexos que non deixaron pegadas do xeito en que se desfacían deles, os galaico-romanos dos novos asentamentos adoitaron construír necrópoles en lugares próximos pero fóra dos núcleos de habitación. Estas necrópoles manteñen a súa función durante a época tardorromana por seren lugares de carácter sagrado, pero por influenza do cristianismo que se estaba a impoñer en Galicia, pouco antes da chegada dos suevos no ano 409, déuselle outro tratamento aos mortos, pois segundo as crenzas cristiás os corpos deben repousar á espera doutra vida.

Sartego antropomorfo exento, reconvertido en lavadoiro.   | // FOTO DE X.C. VILLAVERDE

Sartego antropomorfo exento, reconvertido en lavadoiro. | FOTO DE X.C. VILLAVERDE / Manuel Uxío García Barreiro*

Durante o reinado dos suevos, ante a expansión desordenada das comunidades cristiás, os bispos redactaron no ano 572 un documento, que se coñece como Parrochiale Suevum, polo que se dividía Galicia en 13 dioceses e 120 parroquias. Cada diocese estaba organizada internamente en territorios rurais, que simplificaron chamándolles parrochiae, e no seu conxunto constituían o territorio dunha sé episcopal. Entre as parroquias mencionadas neste documento aparece a parrochia de Morracio, dependente da diocese de Iria Flavia.

Van a transcorrer tres séculos sen ter novas das igrexas construídas en Galicia, ata que, no ano 868 o rei de Asturias, Alfonso III, manda rexistrar, a favor do bispo Adulfo, todas as igrexas propias da sé de Iria Flavia. Con este motivo, un tal Tructino redacta un documento no que se propón enumerar todas as igrexas do bispado de Iria, pero só aparecen 66 igrexas da parte norte da diocese, quedando excluída a parte meridional, posiblemente por estar recollida noutro documento desaparecido.

No adro alto da igrexa de San Martiño, en xuño do ano 2006, con motivo do reforzamento do muro de contención do suroeste, fíxose unha gabia interior onde apareceron restos dun cemiterio con sartegos labrados na rocha coa mesma orientación cá igrexa. A actuación estivo sometida ao control arqueolóxico da empresa Adro Arqueolóxica, por tratarse dunha intervención patrimonial. No espazo estreito da escavación quedaron á vista dous sartegos labrados na rocha, a 1,65 mts. de profundidade e outros moitos restos de ósos nos niveis superiores. A escavación chegou ata un nivel en contacto coa rocha nai, que o informe describe así nun dos seus parágrafos:

(Na zona 2 da gabia) …existe un nivel en contacto coa Rocha natural, co límite inferior con certas cavidades que nos fan pensar en posibles enterramentos … quizais nos indiquen os momentos máis antigos do enterramento, que posteriormente foron tapados con novos recheos e inhumacións, que son os que vemos en cotas máis cercanas á superficie.

Pola descrición dos niveis descubertos, dedúcese que a gabia deixou á vista o límite inferior dunha pequena ladeira que remata no outarelo onde está asentada a igrexa. Os afloramentos rochosos deberon de determinar que os primeiros enterramentos fosen escavados na rocha. Entre o material de recheo, o informe menciona unha tegula e un muiño romanos, procedentes posiblemente do castro próximo.

Aínda que o antedito informe non precisa a cronoloxía dos achados, limitándose a darlles unha adscrición medieval aos máis antigos e moderna aos restantes, a distribución dos restos polos distintos niveis, pola cadencia natural dos recheos, confirma a ocupación continuada do cemiterio desde a Alta Idade Media, polo menos desde os séculos IX-X. A posición dos sartegos máis antigos, escavados na rocha, seguindo a orientación canónica do templo, supón a presenza, a carón, dunha igrexa primitiva. A ocupación rematou no ano 1763 cando o cemiterio foi trasladado de lugar pola necesidade de alongar a cabeceira do templo, segundo se constata nunha escritura de planificación das obras contratadas co mestre de obras de O Hío, Esteban de Sobreira. A reforma foi financiada polo emigrante de O Casal, Lorenzo de Paredes.

Con motivo da clausura do primitivo cemiterio, recoñecido por Patrimonio como “Necrópole de San Martiño”, foi trasladado á horta da próxima Casa Reitoral un sartego antropomorfo exento, de cabeceira rectangular, que na actualidade aparece reconvertido en lavadoiro. Este tipo de sartegos están asociados a comunidades cristiás medievais, con datacións entre os séculos IX a XI, polo que pertencería ao ámbito do cemiterio medieval, pero carecemos de datos para saber cal puido ser o emprazamento primixenio.

*Cronista oficial de Moaña e historiador local.

Suscríbete para seguir leyendo