A obriga de coñecer as raíces

Manuel Aldao, homenaxeado na Semana da Cultura Mariñeira, na súa biblioteca.   | // GONZALO NÚÑEZ.

Manuel Aldao, homenaxeado na Semana da Cultura Mariñeira, na súa biblioteca. | // GONZALO NÚÑEZ. / carmen garcía

A historia da vila de Bueu ten como protagonista fundamental ao mar, eixo vertebrador da súa economía e da súa sociedade durante anos. Tal foi a súa importancia, que o mar deixou pegadas de grande valor na tradición e na cultura bueuesa. Un dos grandes coñecedores deste legado é Manuel Aldao Portas, homenaxeado este ano xunto a Manuel González “Purro” na segunda edición da Semana da Cultura Mariñeira.

A elección de Manuel Aldao, veciño da vila de 84 anos, deriva do seu intenso traballo como etnógrafo local. Baixo o seu nome figuran diferentes investigacións como “Índice histórico de Bueu” ou “Arte e pedra no Morrazo”. Aldao, moi agradecido ante un recoñecemento que non agardaba, relata que a orixe dos seus traballos débese a que “sentía unha débeda con todos eses elementos que foran intrínsecos a miña vida”. Ese mesmo sentimento empuxouno a publicar “Muíños de auga na Península do Morrazo”, investigación premiada en 1982 pola Deputación de Pontevedra. O xerme desta obra provén da infancia de Aldao, na casa dos seus avós no campo e onde cultivou un grande interese polos muíños. “Tiña esa débeda porque cando escribín a obra, hai corenta anos, os muíños estaban completamente abandonados, non había restauracións como agora”, confesa.

A relación de Manuel co mar pódese dividir en dous planos: no profesional e no etnográfico. “Eu non son mariñeiro, non son o típico que vive do mar”, contesta Aldao cando se lle pregunta polo seu pasado mariñeiro. Porén, o peixe formou parte do seu traballo diario na fábrica de Massó durante nada máis e nada menos que corenta anos.Alí foi testemuña directa da importancia que tivo a industria conserveira para a sociedade bueuesa. Este feito levouno a xogar un papel moi importante na posterior inauguración do Museo Massó.

Manuel Aldao ante a súa colección de conservas da fábrica de Massó.

Manuel Aldao ante a súa colección de conservas da fábrica de Massó. / Gonzalo Núñez.

Como investigador, a obra de Aldao relacionada co mar centrouse no estudo do bote polbeiro. “É unha embarcación singular que nunha etapa chegou a desaparecer, o único que quedaba rematou queimado nunha fogueira de San Xoán e quixen recuperalo”, relata o bueués. No documento “O bote polbeiro de Bueu”, o etnógrafo describe as características fundamentais dos navíos. Precisamente, a publicación serviu de axuda ao antropólogo sueco Staffan Mörling, honrado na anterior edición da Semana da Cultura Mariñeira. Agora, ás portas de ser homenaxeado, Aldao alégrase do nacemento de iniciativas deste tipo. “É importante que a xente nova entenda a procedencia marítima da vila, temos a obriga de coñecer as nosas raíces e como se desenvolveu un pobo”, recalca.

A gala de homenaxe terá lugar o domingo ás 11.30 horas na Banda do Río. O acto estará guiado por Xurxo Souto e contará coa música en directo de Susana Seivane. Este evento conmemorativo enmárcase dentro do proxecto “O ronsel de Manolo Purro e Manolo Aldao”. O obxectivo desta iniciativa, que pretende celebrarse todos os anos, é dar a coñecer a historia dalgún home ou muller que estivera vencellado ao mar.

Manuel González “Purro”. | // G.N.

Manuel González “Purro”. | // G.N. / carmen garcía

Manuel González “Purro”, o derradeiro carpinteiro de ribeira do estaleiro da Banda do Río

O outro homenaxeado deste domingo será Manuel González Ferradás, máis coñecido como “Purro”. O bueués dedicou a súa vida á construción de embarcacións tradicionais na carpintería de ribeira da Banda do Río. Tamén cultivou unha importante relación co sector bateeiro. Coas súas mans, Purro deu forma á propia cultura mariñeira da vila. Actualmente, aos seus 83 anos, segue practicando o oficio e colabora activamente coa asociación “Os Galos” na construción de embarcacións ao longo do ano. Ante a súa elección para a homenaxe, Purro séntese agradecido por este recoñecemento e un pouco abrumado polo seu continuo protagonismo na vila. Tanto a historia de Purro como a de Aldao quedarán recollidas nun documental e nun catálogo fotográfico. O obxectivo é testemuñar o pasado para que as xeracións máis novas poidan coñecelo.O material tamén será empregado para dotar de contidos ao propio estaleiro da Banda do Río, onde Purro desenvolveu o seu traballo. A estrea final do documental está prevista para as próximas festas patronais de San Martiño, no mes de novembro.

Suscríbete para seguir leyendo