Biografía de Lorenzo de Paredes (I)

Cabeceira barroca da igrexa románica de San Martiño, construída no século XVIII cos cartos enviados por Lorenzo de Paredes tras o seu pasamento.   | // M. UXÍO

Cabeceira barroca da igrexa románica de San Martiño, construída no século XVIII cos cartos enviados por Lorenzo de Paredes tras o seu pasamento. | // M. UXÍO / Manuel Uxío García Barreiro*

Manuel Uxío García Barreiro*

Entre as inscricións que aínda se poden ler na igrexa de San Martiño de Moaña, destacan dúas; a primeira, do século XII, gravada no tímpano da portada principal, sinala que o nobre da comarca de Ribadavia, Fernando Arias, mandouna facer (textualmente: ARIAS FECI) e, a segunda, do ano 1870 situada no ático do retablo da capela lateral dereita dedicada á Virxe do Rosario, describe que dito retablo correu pola conta de Lorenzo de Paredes (literalmente: SUMPTIBUS DMINI. LAURENTII DE PAREDES).

Despois de investigar no arquivo parroquial de San Martiño de Moaña, no histórico de Pontevedra e no da Universidade de Cauca, en Popayán – Colombia, pola primeira vez pódese coñecer a senlleira biografía de Lorenzo de Paredes Vázquez, o máis importante mecenas da antiga freguesía moañesa; biografía que comeza o 29 de decembro de 1691 co casamento, na igrexa de San Martiño, de Pedro Paredes e Dominga Vázquez e o posterior nacemento de catro fillos: Andrés, Domingo, Lorenzo e Juan.

Na data do 25 de setembro de 1708, Dominga quedou viúva, pasando necesidades dabondo para sacar adiante os fillos polo que, dous deles, morreron solteiros. Diante de tal situación, os que continuaron con vida, Domingo e Lorenzo, emigraron ao Porto de Santa María, na provincia de Cádiz, deixándoa soia na súa casa terreña do lugar moañés de O Casal.

Desde terras andaluzas, Lorenzo, mercou leiras e montes en Moaña para cederllos a súa nai, co obxecto de que os traballase ela e a súa sobriña, María Benita García, filla da irmá María, que a coidaba. Dominga outorgou testamento o 17 de abril de 1735, ano en que o fillo, Domingo, continuaba residindo en Andalucia, casado, sen fillos e, Lorenzo, xa se atopaba en Popayan, na actual Colombia.

O máis destacado da manda testamentaria represéntao as débedas contraídas pola probe viúva, a pesar das pequenas ganancias que lle supuxeron as colleitas propias e, as complementarias dos terreos que lle mercara Lorenzo. Tales débedas consistían nos 126 reais en pan e diñeiro que lle prestara José Gestido; no que tivese anotado o párroco de Meira, D. Pascual Pardo pois, ela non se lembraba da cantidade exacta; nos dous anos de rendas forais que deixara de pagar ao Sr. da Casa e Granxa do Foxón, en Tirán; nos catro reais que recibira do seu sobriño, Manuel Vázquez e, nos 14 ½ que se lle debían pagar ao escribán que asinou o testamento. As devanditas cantidades tiña que aboalas o albacea testamenteiro logo do seu pasamento e posterior venda dalgúns terreos da súa propiedade.

Dominga morreu na data do un de xullo de 1735, cando tiña arredor de 65 anos; estaba con ela a devandita sobriña, herdeira da vivenda mortuoria no caso de que non volvera a Moaña algún dos dous fillos. Seu enterro tivo lugar ao día seguinte no interior da Igrexa de San Martiño.

No que concirne á intensa vida que levou Lorenzo, cumpre ter en conta que, despois de vivir no Porto de Santa María, onde quedou seu irmán Domingo coa súa dona, embarcouse no porto de Cádiz, rumbo “ás Américas”, asentándose na cidade de Popayán da actual Colombia onde, con data seis de xuño de 1760 outorgou un extenso testamento depositado, na actualidade, no “Archivo Histórico de la Universidad de Cauca” de onde se conseguiu unha copia dixitalizada.

Deste xeito abriuse a sepultura onde enterraron á nai de Lorenzo de Paredes, na igrexa de San Martiño.   | // M. UXÍO

Deste xeito abriuse a sepultura onde enterraron á nai de Lorenzo de Paredes, na igrexa de San Martiño. | // M. UXÍO / Manuel Uxío García Barreiro*

Nun primeiro lugar, a través del, manifesta que era, natural del Reyno de Galicia, de los Reynos de España del lugar de la feligresía de San Martín de Moaña, e que cría firmemente nos misterios que ensina a Igrexa católica, baixo cuxa fe viviu e pretende morrer, tomando como intercesora a varios santos, en especial á Virxe do Rosario; de seguido, describe un total de 31 cláusulas, comezando por encomendar súa alma a Deus e mandar o corpo á terra da que foi formado, sinalando que fose enterrado na catedral ou igrexa da cidade onde tivese lugar o seu pasamento.

Continúa co encargo de que asistan varios cregos ao seu enterro e honras e, a maiores, digan 250 misas pola súa alma a un patacón (moeda de prata equivalente a un peso ou 20 reais), cada unha. Resalta logo que: soy soltero y no tengo hijo natural ninguno declarado, a fin de que conste; ademais, que tampouco dispuña de herdeiros forzosos porque morreran seus pais e avós.

Comezan logo as cláusulas tendentes a repartir o seu meirande patrimonio que comezan polo presbítero, D. Francisco Montenegro, descendente da liñaxe pontevedresa dos Montenegro, ao que lle concede mil patacóns, equivalentes a 20.000 reais, para que haga de ellos lo que le tengo comunicado.

Manda despois que os seus albaceas testamenteiros funden unha capelanía de misas perpetuas de ocho mil patacones (160.000 reais), na catedral de Popayan, ... por mi alma, las de mis padres, parientes y antepasados, por las Benditas Almas del Purgatorio, por el Alma de D. José Montenegro, de sus descendientes, Padres y Parientes ...

Nomea logo por patrón de dita capelanía ao antedito crego, D. Francisco, irmán do finado D. José Montenegro, e aos seus descendentes, ... guardando como orden y preferencia de mayor a menor y de varón a hembra ... Deseguido, dá instrucións para o nomeamento de capeláns, distribucións das misas, cobros dos réditos, etc., coa obriga de amosarlle, cada dous anos, ... a la dignidad más antigua desta Santa Iglesia Catedral de estar dichas las Misas. Remata a ampla cláusula sobre unha capelanía tan rica con, ... la pensión ambos Capellanes de ir a rezar al Coro de esta Sta. Iglesia todos los días a mañana y tarde con los SS del Venerable Deán y Cabildo y que no se le pueda dar (ilexible) sin esta pensión.

Lémbrase despois de varias institucións relixiosas de Popaian, mandando repartir bastante diñeiro para axudar a erguer unha igrexa no colexio dos xesuítas e dotala de varias imaxes; doarlle un belén ao Convento da Encarnación e algunhas pequenas doazóns a particulares.

“ARIAS FECI”, inscrición do século XII que honra ao nobre que mandou facer a igrexa de San Martiño.   | // VILLAVERDE

“ARIAS FECI”, inscrición do século XII que honra ao nobre que mandou facer a igrexa de San Martiño. | // VILLAVERDE / Manuel Uxío García Barreiro*

Nas seguintes cláusulas detalla, polo miúdo, como se deben repartir os 5.000 pesos (100.000 reais) que os seus albaceas tiñan que mandar para Moaña:

-1.500 aos seus familiares, no caso que morrese seu irmán Domingo.

- 300 ao cura de Tirán para poñer unha lámpada de prata na igrexa ou, calquera outra alfaia.

-200 a Benito Giráldez Martínez ou herdeiros.

-3.000 á Confraría de Nª Sª do Rosario da freguesía de San Martiño de Moaña, “de donde soy natural para que se los entreguen al Mayordomo de dicha Cofradía para que este los emplee en la obra más menesterosa del culto y decencia de Nª. Sª”.

5.000 pesos en total.

*Investigador da historia local de Moaña.

Suscríbete para seguir leyendo