A Diego Piñeiro Abalde, por unha verdadeira amizade

Nerga, parroquia de San Andrés do Hío, perdura o apelido Abalde, aínda que hoxe esta saga xa se atopa espallada por outras parroquias próximas. Lembramos agora ao primixenio desta descendencia, home moi estimado na aldea, a Prudencio Abalde Conde, nado na parroquia de san Andrés de Comesaña o 29 de xuño de 1901. Non sabemos con certeza a razón, mais nas actas do seu nacemento do Rexistro Civil de Vigo e no seu expediente militar do A.G.M.G aparece inscrito como Evencio, non como Prudencio que así o fai na partida de bautismo e na de matrimonio. Nos tratarémolo como Prudencio, pois así era coñecido na familia. Era fillo de Antonio e de Rosalía, neto paterno de Ramón Abalde García, oriúndo de santa María de Castrelos, e de Francisca Comesaña Hermida, da mesma parroquia de Comesaña. Seus avós maternos foron José Conde Rodríguez, natural de Partovia (O Carballiño, Ourense) e Isabel Alonso Comesaña, da citada parroquia viguesa.

En 1922 Prudencio, de profesión canteiro, foi incluído no alistamento de recrutas de Vigo con ocasión da Guerra contra Marrocos. Os datos da súa fisionomía dan conta da súa robustez, pois medía 1,86 metros e tiña un perímetro torácico de 90 centímetros, segundo o seu expediente militar. Toma ingreso como recruta o 1 de agosto de 1922 e presentouse para concentración (sic) o 25 de xaneiro de 1923, sendo destinado o 30 do mesmo ao Batallón de Cazadores de las Navas nº 10. Continuando a lectura do seu historial deducimos que foi condecorado, pois no mesmo podemos ler: "...al mando de su Teniente Coronel don Adolfo García Cantorné... donde quedó de iguales servicios hasta el 25 de Febrero que con el Batallón al mando del mismo Jefe salió con dirección a Alcararquivir y quedó de los mismos servicios. Se le concedió la Medalla Militar de Marruecos con el pasador "Larache" según propuesta aprobada por el Excmo. Señor Comandante General de Ceuta...".

O 1 de xullo de 1925 pasará a formar parte do Batallón de Cazadores de África nº 20 ata finalizar o ano. Por levar tres anos de servizo militar activo foi dado de baixa no citado batallón e foi destinado en segunda situación de servizo ao Regimiento de Infantería de Murcia nº 37 (sic), fixando seu domicilio en Vigo, na Rúa Estación nº 17. (A.G.M.G.)

Unha vez na situación de reserva traballa como pedreiro, e acude a rachar pedra co seu irmán Severo e un sobriño chamado Elisardo e con outros persoeiros do mesmo gremio aos cantís e penedos de Nerga. Alí, no lugar da Igrexiña e no Outeiro da Vela, abren as rochas para seren levadas en balandros ata Vigo para utilizalas como recheo e muros de contención dos peiraos de Bouzas e Vigo.

Durante a xornada laboral acostumaban ir xantar a unha taberna de Nerga que posuían Juan Portela e Adelaida Otero, pais dunha moza chamada Amable. Casou con esta muller na igrexa parroquial do Hío o 11 de febreiro de 1928. Estiveron domiciliados na parroquia de Comesaña, distrito de Bouzas, e alí naceu a súa primeira filla, Isabel, nada o 7 de decembro de 1928. A información oral recollida apúntanos que finou a rapaza con moi pouca idade.

Poucos anos antes da Guerra Civil, trasladáronse a vivir en Nerga, onde tiveron a seguinte prole: Tomás (1930), María del Carmen (1932), Adelaida (1936) e Juan Abalde Portela (1938), todos eles octoxenarios. Mudou a súa profesión de pedreiro pola de mariñeiro. Traballou parte da súa vida na pesca de baixura nun barco da ardora de nome "Virutas". Finou o 25 de xaneiro de 1976. Foi persoa moi recoñecida en Nerga, pola súa boa vontade e veciñanza.

*Investigador e veciño do Hío