A Daniel Ríos e seus fillos Andrés e Carmela Ríos Agulla

Un dos lugares máis coñecidos polo admirable e sacrificado traballo dos canteiros é sen dúbida o concello de Ponte de Lima, no veciño país de Portugal. Hoxe en día son moitas as familias que neste lugar subsisten do emprego relacionado co granito.

Son varios os apelidos portugueses que hoxe perduran entre a veciñanza do Morrazo como descendentes que son de traballadores lusos que en distintas épocas se trasladaron a traballar por estas terras. Apelidos como: Souza, Alves, Fernandes, Mendoça, Gregorio, Mendes, Carbalho, Lima e outros, deixaron aquí a súa pegada. Con tal causa divulgaremos un anaco de historia, ocuparémonos de tres canteiros que proceden dun concello que presume dunha longa tradición de pedreiros como é Ponte de Lima. Sabemos da dificultade de recuperar e obter información de persoas falecidas e aínda máis cando estas proceden dun lugar alleo ao noso, neste caso do estranxeiro. Coa debida cautela e coa axuda imprescindible da familia dos protagonistas, fomos quen de xuntar información que nos achegan á vida de tres mestres canteiros que a primeiros do s. XX viñeron traballar ata O Hío e aquí ficaron para crear unha familia e deixar a súa semente espallada por diferentes lugares. Estámonos a referir a Albino José Alves, Daniel Antonio Fernandes e Domingo Antonio Mendoça.

Albino José naceu o 24 de outubro de 1882 no lugar da Escusa, na fregresía de Santa Maria de Cabraçao no dito concello limiano. Esta aldea hoxe está despoboada e abandonada. Foi bautizado na igrexa parroquial de Cabraçao o 2 de novembro dese mesmo ano, sendo os padriños Albino José Alves e Rosa Alfonso. Seus pais eran José Bernardo Alves e María Clara de Matos. Seus avós paternos foron José Alves e María de Acevedo. Neto por liña materna de Severino Antonio de Matos e de Ana Rosa Joaquina Martíns. Albino ficou orfo de pai con trece anos, pois este finou o 20 de xaneiro de 1896. Sabemos da existencia dun irmán seu chamado José Bernardo, segundo nos notificou unha neta deste que atopamos no lugar da Escusa, pero quédanos por indagar cantos irmáns eran.

Segundo o libro de recrutamento do 1902, Albino é destinado na unidade activa de Artillería Nº 5. Máis tarde, a súa profesión de canteiro lévao a traballar no Morrazo a primeiros do século XX. Declara no consulado portugués en Vigo que a súa residencia é na aldea de Vilariño (O Hío) dende o 7 de novembro de 1907, aínda que non desbotamos que a súa presenza aquí sexa algo anterior.

A inauguración do cemiterio municipal do Hío no ano 1908 dá continuidade laboral ao canteiro. Namora de Josefa Iglesias, veciña do amentado lugar de Vilariño. O 4 de maio de 1910 solicita e obtén o certificado de solteiría ante Geraldo de Abreu Vasconcellos, párroco de Cabraçao. Do mesmo xeito ten que comparecer súa nai, no estado xa de viúva, para dar o seu consentemento materno para que Albino poida casar coa persoa que sexa do seu agrado e faga vida propia. Para poder desposar tamén presenta o certificado criminal impoluto de castigos.

Unha vez establecido o seu domicilio, o seu apelido castelanízase e convértese en Álvarez no lugar de Alves. Casou con Josefa Iglesias Herbello o 16 de xullo de 1910. Segundo a información oral facilitada por familiares, pensan que tiveron oito fillos, dos cales dous finaron, entre eles Albino José que o fixo en 1940 á idade de vinte e dous anos. Os que sobreviviron foron: Juan, María, Jesús, Josefa, Celia e Bernardino. Estes casaron con: Carmen Dacosta, Venancio González, María Martínez, Juan López, José Iglesias Mariño e con María respectivamente. A súa familia atópase espallada polas parroquias canguesas, e tamén polas cidades de Cádiz e Barcelona.

Somos coñecedores de varias obras feitas por este canteiro. Os panteóns que Albino fixo no cemiterio do Hío entre os anos 1912 e 1916 son dunha labra extraordinaria e peculiar, adobiados con fermosos acios de uvas. O 17 de xuño de 1921 declara ante o rexedor da súa parroquia natal declarando ter fillos menores ao seu cargo procreados durante a súa estadía no noso país.

No arquivo municipal do Concello de Cangas atopamos algunhas obras levadas a cabo por este mestre canteiro das que salientamos unha oseira no citado cemiterio do Hío. Tamén reparou e construíu camiños, pontillóns, casas, hórreos e fontes. Todos os seus fillos varóns seguiron a profesión de canteiro. Albino finou en xullo de 1964 á idade de 82 anos.

Outro mestre canteiro afincado na aldea de Vilariño foi Daniel Antonio Fernandes, fillo de Jacinta Fernandes, natural de Santa Maria de Cabraçao e cuñado do anteriormente citado Albino. Todo indica Albino incitou a Daniel para traballar no Hío, pois está rexistrado nesta parroquia dende o 8 de novembro de 1910. Naceu o 11 de marzo de 1888 e casou o 1 de maio de 1912 con Carmen Iglesias Herbello. Tiveron dezaoito fillos dos que tan só viven tres: Victoria que acaba de cumprir 90 anos, Jesús e María Jesús. Daniel, de corta estatura (1,57 m), tiña un abraiante coñecemento do granito. Participou na construción de varias vivendas e arranxos de camiños veciñais, como por exemplo a casa da Moimenta, no Igrexario do Hío e o camiño de Liméns ao dito Igrexario. Home bromista e festexeiro semella reflectirse na persoa do seu bisneto Daniel Ríos "Kunani".

Da parroquia de São Julião de Moreira, procede a figura de Domingo Antonio Mendoça de Jesús. Era fillo de Antonio e Rosa María, veciños da parroquia de Santa Maria de Cabraçao. Casou á idade de 23 anos con Carmen Acuña Piñeiro o 12 de abril de 1915, polo que deducimos que naceu no 1892/93. Nunha primeiro momento morou na aldea de Pinténs, onde edificou unha vivenda no lugar denominado Carballo da Xareira. Alí, en plena guerra civil, sabemos que lle morreu un fillo de sete anos chamado José. Tiveron catro fillos máis: Carmen, Benjamín,Erundina e outra muller que fixo a súa vida no vello Portugal. Pasou a residir a Vilariño. Traballou na construción de numerosas casas, fontes e camiños do Hío e outras parroquias. A información oral destaca o seu natural bromista e festeiro.

[O autor agradece fondamente á colaboración das familias]

*Veciño do Hío