Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emigrantes e viaxeiros de Cangas (I)

O historiador Xerardo Dasairas fai unha crónica de tres capítulos arredor da historia da emigración

Sevilla era un porto de partida hacia América // Arquivo do autor

O bacheler Pedro del Broilo posuía ademáis 20 fanegas de terras no concello de Teror e legoulle un solar á sua escrava Isabel e axudou a edificar a capela do Espíritu Santo, onde tiña un altar monumento. Posuía, ademáis, unha capelanía na igrexa de San Antón da que era mordomo, deixándolle á mesma unha cruz de pontifical cuxo valor era de 27 doblas. Era home tamén de gran cultura pois coñecía aos escritores latinos e medievais, donándolle a sua libraría de doce volumes á biblioteca da catedral. Naquela data de 1486 temos noticia de que tamén se atopa nas Palmas outro cangués de nome descoñecido, que segundo ditame da raíña Isabel La Católica, tivo que enrolarse nas naves da conquista da illa para purgar un delito que tiña cometido.

Nen sequera, após do Descubrimento de América, foron moitos, nin galegos nin cangueses, os que optaron por emprender a aventura americana pois a vila de Cangas, nacida había unhas décadas, conformábase máis ben como un punto de atracción polo su incipente pulo comercial. E no caso de Galicia, durante todo o século XVI, de 36.568 emigrantes españois a América, apenas serían 375 (o 1%) os galegos que emprenderan a viaxe alén do océano. Neste século, un dos primeiros cangueses que atopamos emigrando a América é Pero Díaz, fillo de Juan Díaz e Maria Pérez que o fai en 1527 partindo desde Sevilla cara México como criado do adiantado Francisco de Montejo que partía en expedición militar con catrocentos soldados para Cozumel e Iucatán. En 1590 marcharía Baltasar Pérez, fillo de Francisco Pérez e de Magdalena Hernández, acompañado da sua muller Juana Núñez. Neste mesmo porto sevillano e tamén durante este século ainda enmabarcaría outro cangués do que só nos consta o seu lugar de procedencia.

Desde mediados do século XVII, derivado das crises agrarias e da posterior desfeita económica provocada pola invasión de Cangas polos turcos, vai aumentar un fluxo migratorio estacional para acudir ás segas en Castela que se prolongaban logo coa cava das viñas nalgunhas zonas. Ata un 15% destes traballadores (339), o dobre que a media do resto de Galicia, procedían do Morrazo atopando xentes do Hio, Aldán, Cela..., mais o maltrato que se lle daba aos galegos e galegas nestas terras, do que xa falamos noutro artigo (FV 9-3- 2016), levaría aos segadores e cavadores a preferiren as terras andaluzas a partir de 1660. Mentres uns retornaban a casa, outros puñan rumbo cara Sevilla, cidade e provincia moi beneficiadas polo monopolio das viaxes a América e con grande actividade comercial. Aquí acudirían os galegos, non para viaxar, senón para desempeñar, igual que noutras partes, os traballos máis penosos: mozos de corda, augadores, cargadores nos peiraos... que deron pé a que os autores da época transmitisen a coñecida imaxe de pobre, ignorante e outras lindezas que figuraron nos dicionarios ata hai pouco. Ao decaer Sevilla como porto principal de América, o fluxo comercial trasladaríanse a Cádiz e co mesmo os galegos. Non lle eran extrañas estas terras aos do Morrazo pois xa desde finais do século XVI, os barcos de Cangas transportaban cara Sevilla, Cartaxena, Cádiz ou Xerez cargas de sardiñas, polbo e viño. E aproveitando estes periplos comerciais, abriríase unha emigración canguesa por mar cara estes prósperos lugares na procura dun traballo e cartos que a sua terra lles negaban.

O emigrante Cabral Alemparte

A finais deste século, en 1680, entre a escasa emigración galega, habían partir para México, Juan Cabral Alemparte e Mariana Mariño de Lobera do pazo de Entrambos Rios en Coiro. A estes fidalgos debeulles ir ben pois en 1699 xa envía unha lámpada de prata para a Colexiata e que en previsión dun ataque inglés á vila en 1702 fora posta "a salvo" en Redondela. Mais os racioneiros da colexial canguesa errarían co lugar pois durante a batalla de Rande, esta sería roubada polos ingleses, cuestión que o indiano de Coiro resolvería mandando despois outra igual. Contodo, unha das zonas que máis acusaría a emigración sería a parroquia do Hío e entre 1658 e 1719, segundo unha relación con nomes e apelidos que anota Alfonso Fernández, serían sobre 84 os veciños que de xeito estacionario ou fixo, emigraron a destinos andaluces, case coincidentes cos datos "oficiais" que contrastamos. Desde estas datas tamén partirían desde Cádiz, porto que sustituira a Sevilla no trafego a América, veciños doutras parroquias como testemuña o feito de que en 1728 Domingo Pérez de Darbo xa envía desde a cidade de México 100 pesos de prata destinados a un novo manto para a Virxe. Ao non considerarse necesario este investimento, os cartos destinaríanse a diversas obras na igrexa para as que enviaría logo outros 50 pesos máis. Durante este século XVIII (crises agrarias das décadas de 1710 e 1740) e no seguinte, vai producirse tamén unha emigración forzosa dos mozos a causa das levas obrigatorias para a Armada ou para os exércitos da fronteira portuguesa ou coloniais, optando moitos por fuxiren a Portugal ou América. Contodo, cara 1741 eran bastantes os mozos do Morrazo servindo na Armada Real e así o constatan os que faleceron en diversos enfrentamentos navais na guerra con Francia, moitos deles do Hio e doutros lugares do Morrazo. Os que non eran "levados" emigraban por mar cara Cádiz (a maioría no Porto de Santa María), Xerez da Fronteira, Sevilla e Córdoba, preferentemente.

Os desaxustes entre o exceso de poboación e a falta de recursos produtivos estaría detrás da nova xeira migratoria de mediados deste século XVIII focalizada na crise da pesca, a alta demografía, a falta de industrias e o escaso rendemento da terra, afectada polo sistema de reparto da herdanza. A chegada dos fomentadores cataláns nestas datas, viría paliar, ainda que moi lentamente, a escaseza de traballo. Porén, o tratado de libre comercio coas colonias tamén incentivaría a emigración, chegando no Morrazo ao 30%, cuxos veciños preferían instalarse en México (Veracruz), Nueva España, Santa Fe (Bogotá), Lima, Manila e no Rio da Prata (Bos Aires) que había ser logo un dos principais puntos de destino.

Frei Andrés del Campo

No Arquivo de Indias atópase unha reseña correspondente a don Andrés del Campo y Galicia, nacido antes da metade do século XVIII en Santa Olalla de Meira, arcebispado de Santiago. Non conseguimos os antecedentes xenealóxicos deste personaxe pero no ámbito do Couto de Meira localízase en 1705 o apelido De Galicia na persoa dunha criada (María) do xuiz local e setenta anos despois na de Francisco de Galicia. En canto ao apelido Campo, este aparece na persoa dun rendista de Meira chamado Luis sen que poidamos establecer o vínculo co noso frade emigrante.

Un pobo con igrexa

Na relación de méritos adxunta, recóllese como habendo pasado (marchado) don Andrés a Lima, estudou alí latinidade e recibiu as primeiras ordes clericais. Despois, cara a 1763, trasladaríase a Santa Cruz de la Sierra como familiar do bispo don Juan Domingo González de Reguera e aquí ordenaríase sacerdote, facendo oposicións a curatos en 1780, sendo proposto en segundo lugar para os de Pumata, Arani e a reitoral de Santa Cruz onde exercería. O 30 de maio de 1781 foi nomeado polo bispo para o curato da exmisión jesuítica de San Ignacio de Chiquitos, e vigairo foráneo daquela provincia. En 1782 tería que abandonar estes cargos debido a unha enfermidade pero ainda así conseguiu mellorar a igrexa parroquial. En 1786 reclamaríao de novo como familiar o bispo de Santa Cruz e ao ano seguinte foille dado un beneficio na catedral desta cidade. Con informes favorables do bispo e mais do intendente de Cochabamba, don Andrés do Campo propúxolle á Audiencia de Charcas que "reducise" (integrar nun reduto protexido) unha tribo de "gentiles" (pagnos) yuracarés, próximos á Misión dos Santos Desposorios de Buenavista, ofrecéndose a erixir, á súa conta e sen gasto da Real Facenda, un pobo con igrexa e casa parroquial. A Audiencia libraríalle as correspondentes órdes ao bispo e ao intendente para que o axudasen, e o xuíz subdelegado dos partidos de Portachuelo, Buenavista e Santa Rosa iría visitar a nova redución que foi nomeada como San Carlos de Buenavista.

No informe do xuiz recóllese que "Achei xa nivelada a praza, o sitio da igrexa, a casa parroquial e outras oficinas; o plan do pobo está disposto coa mellor orde, varias casas feitas e vivindo nelas algunhas familias, moita madeira pronta para as erguer casas e nun almacén grande toda a necesaria para unha igrexa de tres naves de cincuenta varas de longo co ancho e alto correspondentes; labrada con moita minuciosidade por dez e seis carpinteiros, que a fixeron conducir de trinta leguas de distancia. Todo ás súas expensas". Pouco máis podemos engadir deste veciño de Meira pois o relatorio só apunta que en 1790 entraría a formar parte do cabildo catedralicio de Santa Cruz.

(*) Mestre e historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats