Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XXXI Festival Intercéltico do Morrazo · A segunda xornada

Uxía Senlle: "Neste traballo fúndese a identidade de Narf coa miña, ningún renunciou a nada "

Esta noite presenta, xunto a Narf, "Baladas da Galiza imaxinaria" no Festival Intercéltico

Fran Pérez (Narf) e Uxía Senlle. // FDV

Unha invitación a percorrer da man de Uxía e Narf as paisaxes e recunchos da Galicia máis imaxinaria é a proposición realizada para a noite de hoxe por parte da organización do Festival Intercéltico do Morrazo aos seus milleiros do asistentes. Dous referentes da lírica folk galega, Uxía Senlle e Fran Pérez (Narf), subiranse esta noite ao escenario de Moaña para presentar o seu primeiro traballo conxunto "Baladas da Galiza imaxinaria" (23:00 horas). Ao longo de doce temas, a voz de Uxía e a guitarra eléctrica de Narf fúndense para achegar o seu novo repertorio dun xeito moi intimista, unindo as súas identidades persoais e musicais pero sen renunciar á súa esencia. O traballo, xurdido nun proceso "espontáneo e nada pretencioso", recolle cancións clásicas dos dous artistas, material novo e inédito e poesía da terra, en textos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e tamén de García Lorca.

-Como xurdiu a colaboración con Fran Pérez (Narf)? Xa traballaran de maneira conxunta con anterioridade?

-Foi todo de maneira moi casual. Tiñamos un concerto colectivo en Mar de Plata, Arxentina, con Rosa Cedrón e Budiño. Despois, continuamos os dous con case vinte concertos por Latinoamérica. Compartimos o mesmo espíritu de experimentación da música, por dicilo dalgún xeito. Gustóunos a experiencia e pouco a pouco démonos de conta de que podiamos grabar un disco xuntos. Con anterioridade fixemos algunha colaboración puntual, "Baladas da Galiza imaxinaria" é o primeiro traballo propiamente dito.

-Ao vir de xéneros diferentes, aínda que con rasgos comúns, pensou que ía ser tan fácil traballar con el?

-Xurdiu dun xeito moi espontáneo, a ambos sorprendeunos ter tantas afinidades, aínda que asumimos as nosas diferencias sen ningún tipo de problema. Únenos a lusofonía e as nosas voces tamén empastan moi ben.

-Que hai de vostede e que de Narf en "Baladas da Galiza imaxinaria"?

-Fúndense as nosas identidades, ningún renunciou a nada. Neste traballo está a miña música de raíz e máis clásica, o meu universo musical. Narf tamén bebe case das mesmas fontes ca min, vimos do mesmo mundo. Aínda que a súa guitarra eléctrica é básica. Para ambos, é unha oportunidade de introducirnos noutros públicos.

-Cal é a proposta neste traballo?

-O disco son doce temas.Hai tamén temas novos e inéditos e moita poesía galega: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Castelao e incluso un texto de Federico García Lorca en galego na canción "Cantiga do neno da tenda". No directo, incluso hai un momento de pandeireta, hai moitas posibilidades para experimentar.

-Xa presentaron o traballo en Santiago de Compostela hai mes e medio. Sorprenderán con algunha novidade esta noite?

-A principal novidade é o propio traballo. Actuamos en Santiago para presentalo e tamén tivemos outros festivais. Aínda así, a xente non escoitou moito polo sur este novo disco e teñen curiosidade por saber con que se van a atopar.

-Non é a primeira vez que actúa no Festival Intercéltico do Morrazo.

-Estiven con "Na Lúa" (grupo do que foi integrante ata o ano 1991), presentando "Meu Canto" hai uns anos, con Budiño... Pódese dicir que pasei polo escenario de Moaña con distintas formacións e propostas.

-Cal é a súa opinión sobre o certame?

-Para min é moi importante asistir, ademais é a terra do meu querido Budiño. Gústame especialmente o cartel deste ano, íntegramente galego pero moi diverso. Con Pedraquetiña, Riobó, Roi Casal e nós hai propostas diferentes e diversas pero ao mesmo tempo complementarias.

Compartir el artículo

stats