Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Serafín, o poeta carterista

Este veciño tiña gran facilidade para compoñer versos, con moito sentido crítico, e para sisar carteiras alleas

Unha imaxe na coñecida taberna do Buriño, no ano 1961, rodeado de xente e cunha pequena

Corre o ano de 1907 cando o 25 de marzo nace en Cangas Serafín Graña Rúa. Vive na antiga rúa Aurora, que dende 1932 coñecemos como de Benigno Soaxe, no número 25. Asiste algo á escola e aprende a ler e máis a escribir.

Serafín non ten traballo coñecido e vive grazas ás xentes da ribeira, que lle dan algo de peixe, e da axuda solidaria prestada por Manolo do Bar Rincón auténtico refuxio vital para Serafín. Come máis ben pouco mais beber, bebe algo máis naquelas xerriñas brancas con bico, as "palomitas", que hoxe quedan como recordo para turistas.

Os outros pequenos gastos do vivir cotiá procúraos nos lugares onde se atopan os diñeiros dos demais: nas carteiras mal coidadas dos cidadáns de Vigo onde "traballa" e onde vai facéndose popular polas arteiradas que comete.

Serafín ten unha grande capacidade para improvisar versos sobre calquera tema e en calquera circunstancia ou acontecemento. Ten comentado Pepe Poeta, que "Serafín, o das coplas, compón versos cunha facilidade extraordinaria e sempre con sentido crítico". Tamén o fai coa súa propia vida, nestes versos auténtica autobiografía deixa resumida o seu xeito de vivir: Ai Serafín, ai Serafín/ levas mala vida / vas a ter mal fin./ Non tes quen te queira/ nin muller nin fillos/ tanta borracheira/ non tes calzoncillos".

"Traballa" polo Berbés mariñeiro e en ocasións ruando co seu arghán, coa súa saqueta de tea, recibe algún agasallo en especies de amigos e coñecidos. Nunha ocasión déronlle unha pescada e Serafín fíxose cargo do exemplar. De alí a pouco é acusado por un veciño de terlle roubado un billete de 1.000 pesetas, cantidade moi importante daquela. Conducido pola policía á comisaría de Tomás Alonso, foi cacheado a conciencia pero o billete verde non apareceu. Serafín agarrado firmemente á pescada sae vitorioso do cacheo. Os policías non se decatan de abrirlle a boca á pescadiña. Alí agochara o billete ben dobradiño. Noutra ocasión, resulta que Serafín conseguira un billete de 20 pesos que agachou dentro dun cacho de pan para que a súa irmá non llo collese para os gastos da casa. Camiño da taberna O Porrón, un can que andaba rúando, bótalle a boca ao pan e escapa. Arturo ofrécelle outro cacho pero Serafín sabedor do que leva corre a todo filispín para recuperar o billete.

Moi manitas coas carteiras dos demais, endexamais rouba en Cangas. Polas festas do Cristo sempre se producían pequenos roubos de carteiristas que viñan de fora facer o agosto. Serafín colle o costume de marchares da vila para que non o acusen de delitos que non comete. Todos dan por certo que Serafín aquí nunca colle nada.

Naqueles anos en que a xente usaba carrancáns, está Serafín falando co párroco no adro da igrexa cando pasa unha señora que entremeténdose na conversa, pregunta: Serafín, e ti cantos anos tes? E o poeta con retranca retruca: - Señora, se me pregunta en castellano que cantos anos teño, contesto que uno sólo e se me preguntou en galego direille que non teño ningún año porque non teño ovellas. Así que váiase e non interrompa.

Conta outra anécdota o pintor Camilo Camaño. Con ocasión da visita que o Gobernador Civil da provincia xira ao concello entrevístase co alcalde no consistorio na rúa Real. Ao chegar a hora do xantar, baixan e atopan a Serafín na fonte do Cabalo collendo auga no seu particular balde de envase de folladelata. O alcalde diríxese a el, en presenza do sr. Gobernador e dille: -Pillín, pillín. Este é un pillín. Leva moi mala vida. O Gobernador saúdao e, de alí a un pouco, despídense e van comer a Casa Filgueira. Serafín marcha para a súa casa bastante enfurruñado pola presentación que o alcalde fixera del diante de xente forasteira. Pasa unha hora. As autoridades están acabando o xantar e ate eles se achega o noso Serafín: - "Sr. Gobernador tome o bolígrafo e a carteira que son súas. ¡Ah! Voume presentar. Chámome Serafín Graña Rúa". E dando media volta marchou por onde viñera.

Andando o século Cangas segue medrando ampliando espazos urbanísticos, fanse novos aterrados colléndolle terreos ao mar. No ano 1965 prodúcese o derrubo da capela do Hospital e no seu lugar levántase un potente edificio. O alcalde naquela altura Antonio Camiña Bastos inténtao impedir, no que puido, a demolición. "Corren moi malos rumores/ polo pueblo en xeneral:/ que queren tirar, señores,/ coa Capela do Hospital./ A mellor obra de arte/ que temos na población, /como chegue a derrubarse/ hai unha revolución".

Serafín faise eco dos temas que preocupan aos mariñeiros, a problemática creada pola petición de legalizar o "can" para pescar a ameixa, pola chegada da Democracia, as protestas dos veciños pola suba dos prezos das lanchas que remata cunha folga na vila, os novos aterrados ou a subida dos prezos do Vitrasa en Vigo.

Hai que miralo na "cola do gas", na de Levita, con esa cara de listo, de pillo, riseiro e ditoso, rodeado de nenos, os seus amigos. De pelo negro liso, testa despexada, ollos vivaces, nariz curvo e afiado, boca grande de caixa de correos, camisa branca e traxe negro, feito un balchón, descoidado, cunha correa de cinto que mal lle amarra os pantalóns e deixa á camisa saír cara a fóra.

O seu sino foi malvivir por rúas e tabernas, consciente da vida que tiña. Tanto que noutro poema, "As bruxas de Cangas", cando unha vella lle di que pola vida que leva "has ir dereito a quentarte ó inferno", responde: xa fai tempo no inferno/ que estou metido nel/ anque o meu é máis moderno/ aínda é peor que aquel".

Na céntrica rúa de Benigno Soaxe que o viu nacer falece Serafín, rodeado de gatos, un 11 de decembro de 1983, á idade de 76 anos.

Compartir el artículo

stats