A implantación do gas acetileno no século XIX, permitiríalle aos industriais mellorar a iluminación das fábricas, ata esta con grandes ventanais, e portanto, moi dependentes da luz diurna. As grandes fábricas de gas, instaladas nas cidades permitirían estender os horarios de traballo, aumentando a produtividade e portanto as gañancias. A parte negativa veu dada polo cansazo derivado da ampliación da xornada laboral e os trastornos ocasionados polo traballo nocturno.

Máis evidentes resultarían os beneficios que se produciron na máis rápida amortización da maquinaria e das instalacións, beneficiadas polo uso máis intensivo das mesmas. As mudanzas no ámbito social tamén se farían evidentes nos lugares e espazos onde a burguesía facía a sua vida pois o alumado trouxo maior seguranza de cara á prevención do delito e da inmoralidade, aspecto este que contaba co beneplácito dos eclesiásticos e puritanos civís, dando por descontado que supuxo un espaldarazo para a carreira política dos alcaldes. O impacto no mundo do ocio non foi menos relevante pois posibilitaría maior seguridade nos desprazamentos pola noite, incrementándose a vida nocturna en cafés, restaurantes, teatros, sociedades, etc. apesar da desconfianza no gas polo perigo de incendio que conlevaba.

O gas tamén incrementaría a revalorización das zonas que contaban con el pois no ámbito doméstico aumentaría o conforto coa instalación de cociñas, quencedores, estufas... e incrementaría o hábito da lectura. Claro que isto só acontecería entre as clases podentes pois a maioría da poboación, analfabeta, sufriría unha segregación por este feito, contentándose co alumado de aceite, petróleo ou os "modernos" candiles de carburo.

A fábrica do gas

Grazas ao marques de Riestra, Pontevedra con-verteríase en 1888 na primeira cidade de Galicia e das primeiras de España (antes que Madrid ou Barcelona) en contar con luz eléctrica, inaugurando no casarón do mercado a sua "Fábrica da Luz". Mentres en poucos anos, esta empresa, a Eléctrica de Pontevedra e Marín, estendería as suas liñas ata esta última vila, Cangas tería que agardar ao ano 1904 para contar con alumado de gas. No mes de outubro deste ano, o empresario catalán José Riquer solicitaría permiso para instalar na vila o suministro de gas acetileno para a iluminación, calefacción e forza motriz para as empresas, segundo convenio subscrito co Concello. A tal fin, constituiríase en xullo de 1906 a sociedade "La Iniciadora" na que participan os socios locais José Fernández Cervera, Manuel Cabanelas, Antonio Camaño, Manuel Piñeiro del Rio e Benigno Soaje que aportan 30.000 pesetas para a construción dun edificio e do tendido do gas.

O Concello era quen se encargaba de acender e apagar o alumado público (despois virían os acendedores automáticos Auer) e para iso dispuña de dous alguaciles-faroleiros que se encargaban do labor. Mais os intereses dos empresarios do gas mudarían ao pouco, pois ao se reduciren os custes de comercialización e traslado da luz eléctrica, esta nova forma de enerxía iríase impoñendo lentamente tamén nas vilas.

Agora, as compañías eléctricas xa operaban desde encoros hidráulicos e a chamada hulla branca foi sustituíndo ás primeiras centrais térmicas máis caras e suxeitas ao prezo do carbón (hulla negra). Mais a situación extrema dos concellos de Cangas e Bueu, ainda non permitía que un tendido de cable chegase a suministrar a enerxía eléctrica coa potencia motriz e de alumado necesaria, polo que a empresa eléctrica La Hulla Blanca optaría por facerse coa fábrica do gas acetileno de Cangas, reconvertíndoa nunha térmica de vapor para mover a turbina. O proceso de mudanza sería doado pois a obtención de gas xa se facía tamén mediante o proceso térmico de queima de carbón.

La Hulla Blanca

Esta empresa eléctrica naceu no ano 1908 constituída por diferentes socios, sendo accionista maioritario a Banca Hijos de Olimpio Pérez de Santiago que tamén interviña noutras empresas de gas e eléctricas de Santiago, Vigo ou na eléctrica Laforet. Co paso dos anos, estas eléctricas confluirían na Sociedad Gallega de Electricidad que xunto con outras, conformarían o que sería Fenosa na época franquista. Xa que logo, sería no ano antedito cando se comezase a suministrar electricidade en Cangas o que, ademáis do alumado para ruas e establecementos e forza motriz para as fábricas, permitiría asemade, que o empresario Manuel Cabanelas exhibise as primeiras películas no chamado Cine X para o que utilizaba o seu establecemento hostaleiro. Xa desde este mesmo ano aparecen ofertas de instalación da luz eléctrica en Bueu por parte de Narciso Nores cobrando 3.000 pts. ao ano. Mais, finalmente, sería "La Hulla Blanca", en xuño do 1910, quen instalase a electricidade, moi demandada por Massó e outras fábricas de conservas de Bueu e Beluso.

Esta central, tiña unha operatividade moi limitada, suministrando potencia eléctrica para solicitudes concretas, conveniando anualmente o alumado público cos concellos, apesar de ser a única produtora existente. A crise do carbón, derivada da Primeira Guerra europea e as restricións do procedente das minas de León e Asturias, condicionaban continuamente o suministro e a cualidade da potencia requerida, sucedéndose contínuos cortes do fluído. Unha nova toma de auga procedente do mar, solicitada no 1923 pretendía paliar estes problemas e cubrir a ampliación da rede que alcanzaba lugares como o Valado, en Bueu, e dous anos despois (verán do 1925), Menduiña, Aldán, Hio (Igrexario) e Darbo. Entanto, en Moaña, as autoridades locais rexeitaban, a comezos de xullo do 1924, a oferta de La Hulla Blanca, aducindo o alcalde, Ernesto Carballo, que se ía instalar unha "fábrica da luz" baixo o nome de "Eléctrica Moañesa" aproveitando o caudal do rio Pontillón, insuficiente a todas luces, nunca mellor dito.

(*) Mestre de Cangas