No ano 1984, un elenco de poetas galegos reuníase en Cangas para homenaxear ó poeta popular Serafín Graña Rúa. Aquel encontro organizado polo xornalista Xosé Currás e o artista Camilo Camaño foi histórico e, algunhas voces din que "irrepetible" ó contar con figuras como Manuel Rivas, Antón Avilés de Taramancos, Darío Xohán Cabana, Salvador García Bodaño, Bernardino Graña, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Xosé Manuel Millán, entre outros.

Serafín volta á nosa lembranza ó celebrarse hoxe os 22 anos do seu pasamento xa que morría o 11 de decembro de 1983 á idade de 76 anos. Para as novas xeracións, é un personaxe ignorado pero para os máis vellos supón o recordo dun grupo de poetas populares como Pepe Poeta, Cecilio Rial ou Pepe Pereira que plasmaron nos seus versos o seu sentir e o sentir dun pobo durante décadas.

Nembargantes, Serafín tivo o seu aquel, cunha vida á súa maneira sen traballo coñecido, bebendo máis da conta e procurando diñeiro da xente despistada á que lle sacaba a carteira. "O seu sino foi malvivir polas rúas e tabernas e `traballar´ o necesario para ir tirando, en Vigo", lembran desde a Asociación Cultural A CEPA onde preparan a edición dun libro sobre a súa vida e a súa obra para o vindeiro ano.

Lembran tamén desde o colectivo como Pepe Poeta describía a Serafín destacando que "compoñía versos cunha facilidade extraordinaria, sempre, con sentido crítico". Os máis vellos aínda lembran as súas coplas para a comparsa de "Os de casi sempre". Aínda o ven no Bar Rincón ou na cola do gas. Pero nas imaxes preferidas está rodeado de nenos e de gatos polos que sentía auténtica devoción.

Anécdotas ó seu redor, hai milleiros. Unha do artista Camilo Camaño, que será plasmada no libro de A CEPA, conta como un día estaba na fonte do Cabalo "recollendo auga no seu particular balde de folladelata". Nese intre, baixan do antigo consistorio da rúa Real o alcalde e mailo gobernador civil. O rexidor diríxese a el calificándoo de "pillín" para marchar co gobernardor a xantar. Serafín fica doído e unha hora despois acode ó restaurante onde estaban as autoridades. Alí, toma a revancha e di "Señor gobernador tome o bolígrafo e a carteira que son súas. Ah! Voume presentar. Chámome Serafín Graña Rúa".