A historia da lingua galega en cómic

A UVigo lanza un libro de banda deseñada como homenaxe ao idioma e co obxectivo de concienciar “de xeito urxente” sobre o seu emprego

Unha das ilustracións que figuran na publicación.

Unha das ilustracións que figuran na publicación. / Cedida

De ser a lingua falada por toda a poboación na Idade Media a desaparecer dos rexistros formais nos Séculos Escuros ou do renacer do Rexurdimento á persecución durante a ditadura do réxime franquista. Os fitos máis importantes da historia da lingua galega veñen de recollerse nun libro de banda deseñada que acaba de ser publicado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo como “unha homenaxe á nosa prezada lingua e unha invitación a unha urxente concienciación”.

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, destacou que a idea desta publicación é “aproximarnos, dun xeito visual e accesible, á historia da lingua galega” e, para iso, foron seleccionados unha serie de fitos que, segundo indicou Reboreda, “consideramos fundamentais na súa evolución, dende o seu nacemento ata a actualidade” e que a propia lingua, coma se fose unha persoa, vai relatando a modo de lembranza, se ben as palabras son escasasa no libro, posto que “o protagonismo desta publicación reservámolo para as imaxes que dun xeito maxistral elaborou Idoia de Luxán”, asegurou a vicerreitora.

As persoas interesadas en obter un exemplar da publicación elaborada pola UVigo poden solicitalo na Área de Normalización Lingüística, que tamén os distribuirá en eventos e actividades organizados pola institución.