Entrevista | Montserrat Comesaña Vila Psicolingüista da Universidade do Minho

“Canto antes empecen os nenos a aprender unha segunda lingua, mellor”

Lidera un estudo financiado por ‘la Caixa’ que evidencia que o bilingüismo non ten un impacto negativo nos escolares portugueses

La investigadora Montserrat Comesaña.

La investigadora Montserrat Comesaña. / FdV

Sandra Penelas

Sandra Penelas

A investigadora dende hai máis dunha década do Centro de Investigación en Psicoloxía (CIPsi) da Universidade do Minho é unha das expertas invitadas ao congreso internacional Variation and Language Processing (VALP6), que onte arrancou no museo MARCO organizado polo grupo Language Variation and Textual Categorisation da Universidade de Vigo. Comesaña, natural de Gondomar, presentará hoxe os resultados dun proxecto financiado pola Fundación la Caixa para evaluar o impacto do bilingüismo no nivel cognitivo dos escolares portugueses. Ata mañá venres, o congreso reúne a uns 60 expertos de 13 países.

–En que consistiu o proxecto?

–Na miña conferencia vou falar do efecto do bilingüismo a nivel cognitivo e en procesos máis xerais como a resolución de problemas ou a toma de decisións. E a segunda metade da charla estará adicada aos efectos na educación. O proxecto centrouse en nenos escolarizados en Portugal, de entre 5-6 e 10-11 anos, antes de iniciar a Secundaria. Quería ter evidencia empírica de que método bilingüe funciona mellor ou, polo menos, cal é o impacto de ensinar materias noutra lingua na adquisición de contidos e no desenvolmente léxico na primeira lingua. E o que fixemos foi comparar colexios internacionais, onde imparten todo en inglés excepto Lingua portuguesa, e colexios nacionais públicos e privados cun número variable de materias en inglés. Daban unha ou dúas, ou a equivalente a Coñecemento do medio.

–E cales foron os resultados?

–O que atopamos é que incluso aqueles nenos que van a escolas onde toda a escolarización é en inglés non sofren ningún impacto negativo sobre a primeira lingua. Teñen o mesmo tamaño de vocabulario en portugués que o resto dos nenos. Só hai diferencia no inglés, porque como teñen maior exposición son mellores nesta lingua. Non hai ningún impacto negativo, polo menos, no acceso lexico e na extensión do vocabulario desenvolvido na primeira lingua. Isto sempre considerando que a lingua de contexto fóra do colexio é o portugués. É un resultado moi bonito e interesante, por exemplo, vendo o que está pasando agora na Comunidade de Madrid onde parece que o método bilingüe non funciona. En realidade, depende do programa porque se está ben implantado non ten ningún hándicap. Polo menos, no léxico, porque faltaría por analizar en niveis máis elevados da linguaxe como as estruturas morfosintácticas. É máis, tamén observamos que os nenos que estudan todo en inglés cando se lles pregunta se coñecen palabras son máis rápidos identificando as abstractas como correctas. É dicir, que o noso estudo vai a favor de todos os que din que o bilingüismo favorece o pensamento abstracto.

–Redunda, por tanto, en sinalar os beneficios do bilingüismo.

–É importante que as políticas educativas estén apoiadas en evidencias empíricas. Tamén observamos que hai unha grande variabilidade no ranking das escolas, incluso sendo todas bilingües porque interveñen moitos factores. Por exemplo, como están implantado ese programa e se os profesores teñen a suficiente formación para poder dar clases en inglés. E os nosos resultados van na liña do observado noutras comunidades bilingües como Canadá. Xa leva máis de 30 anos con estes métodos nos que teñen mellores resultados que incluso nos de inmersión completa.

–Serían extrapolables estes datos á comunidade educativa galega?

–En Galicia hai escolas trilingües e pais preocupados por se é mellor que os nenos reciban clase en español ata que adquiran ben o idioma. Canto antes empecen os nenos a aprender unha segunda lingua, mellor. Porque o seu cerebro aínda é o suficientemente flexible para non sufrir ningún estrés ao respecto. Eles absorben ben a información. Habería que facer aquí o mesmo estudo que en Portugal e ver se os resultados se replican porque alí hai unha única lingua de contexto pero aquí fálase en galego e en español. Non se pode extrapolar directamente. Pero, en principio, os resultados son bos, polo menos, nese primeiro nivel, que é a andamiaxe da lingua, non atopamos ningún sinal de prexuízo por utilizar unha segunda lingua para a instrución formativa no colexio.

–Este proxecto é un exemplo dos estudos que os expertos poden e deberían facer antes de que os gobernos implanten políticas educativas.

–Exacto. Para evitar que cando cambian os nosos gobernantes, que poden ser máis ou menos proclives ao bilingüismo, non vaian saltando de políticas lingüísticas sen ter a suficiente bagaxe empírica que sustente os programas que implantan. Este tipo de estudos son completamente necesarios.

–Mantén algunha colaboración coa UVigo?

–Si. Na UVigo hai un bo grupo de investigación e a lingüista Carmen Parafita forma parte da equipa deste proxecto. Eu son psicolingüista e este tipo de colaboracións interdisciplinares sempre son boas.

–Que outros estudos ten en marcha?

–A miña área de investigación é o bilingüismo e, neste momento, estou vendo cales son os mecanismos que permiten ás persoas bilingües e multilingües lidiar e controlar todo o vocabulario que teñen inserido na súa cabeciña para que non cause interferencias entre linguas. E, en colaboración coa Universidade Radboud de Nijmegen (Países Baixos), estamos comprobando un modelo computacional que se axusta bastante ao comportamento dos bilingües que evaluamos.

–Son as novas tecnoloxías un bo apoio?

–Exactamente. Tratamos de ver ata que punto unha máquina pode emular o comportamento bilingüe, o que nos da moita información sobre cales son os mecanismos que están por detrás deste control para que non haxa interferencias.

Suscríbete para seguir leyendo