A estrea do TerraCeo chega con “Amor ou barbarie”

Rebeliom do Inframundo inaugura os directos na terraza do Mar de Vigo, logo de mes e medio celebrándose no interior

Actuación de Rebeliom do
Inframundo, onte, na terraza
do Auditorio Mar de Vigo.
  | // MARTA G. BREA

Actuación de Rebeliom do Inframundo, onte, na terraza do Auditorio Mar de Vigo. | // MARTA G. BREA

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Prometeron “lume”, un directo cheo de enerxía, emotivo e con toda a intención de “dalo todo” para encher a terraza de luz, namentres ao fondo da ría esmorecía o sol. E non só é que cumpriran a promesa e as altas expectativas xeradas entre o público, senón que deixaron o bo sabor de boca de ter estreado, por fin, os concertos na terraza do Mar de Vigo, logo de mes e medio celebrándose no interior por “falta de permisos municipais”.

O grupo de rap Rebeliom do Inframundo foi quen de rescatar a esencia do Festival TerraCeo cun concerto de máis de dúas horas co que puxeron fin á xira de Amor ou barbarie en Vigo, posto que onte foi a última ocasión para velos na cidade coa actuación dedicada a este último traballo.

Coas letras críticas e reivindicativas que tanto os caracterizan, a formación integrada por Nervo, Malvares de Moscoso, Frank, Movementss e Pol ofreceu no TerraCeo unha das súas mellores versións abrindo o concerto do mesmo xeito que o disco, co tema que lle dá título, Amor ou barbarie. Rebeliom do Inframundo non deu tregua nos primeiros minutos e encadenou o primeiro tema do álbum con Esparta e Lume, que levou ao público asistente a empaparse de cheo da dinámica do directo.

Tras adiar un mes o concerto e malia que Rebeliom tocaba “na casa”, onde teñen colaborado como Hard GZ, Wöyza, Iria Medraño e, recentemente, Fillas de Cassandra, por motivos de axenda tan só puido estar presente Iria Medraño para sorprender ao público sobre o escenario. Porén, tal e como avanzou Nervo nunha entrevista en FARO, a verdadeira sorpresa da xornada foi a oportunidade de ter cabida nun festival como o TerraCeo e poder enchelo dun directo “ben enérxico”, especialmente, logo de máis de mes e medio agardando polos concertos na terraza.

O festival continuará en xullo co humor de Luis Zahera e Oswaldo Digón; o jazz soul de José James; o rock’n’roll de Tarque & La Asociación del Riff, o pop psicodélico de Los Estanques e o folk de Ziggy Alberts.