Entrevista | María Martínez Allegue Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

“Sacaremos solo a concurso incluso a prezo cero para facer vivenda protexida”

“Quero desburocratizar a Xunta e os concellos para simplificar os trámites para os construtores”

“Traballo cos alcaldes para pasar de xeito áxil solo urbanizable a urbano”

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na sedede FARO.

Pedro Fernández

Irene Bascoy

Irene Bascoy

A primeira vez que María Martínez Allegue asistiu a un mitin foi para subir á tribuna e falar. Foi o pasado 3 de febreiro na praza de touros de Pontevedra ante máis de 14.000 persoas e con Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy escoitando en primeira fila. Tocáballe intervir por ser a número tres da lista do PP por Pontevedra nas eleccións autonómicas e alí mudaba de técnica a política. E niso segue. Non leva nin dous meses de conselleira, pero a exdirectora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e exxefa territorial de Infraestruturas en Pontevedra parece ter feito un máster exprés. Domina o seu negociado e xa fala coma unha política con experiencia.

–Unha Consellería nova para unha conselleira nova, e cun dos retos, por non dicir o reto, máis importante que se fixou o presidente da Xunta para esta lexislatura: a construción de vivenda pública e protexida. Impón?

–Efectivamente, impón, pero estou plenamente convencida de que podemos acadar a meta, por suposto, como sempre digo, coa colaboración dos concellos.

–Rueda marcou o obxectivo de construír 4.000 vivendas de promoción pública nesta lexislatura. O dobre do que hai agora. En 2023, construíronse en Galicia 2.357 vivendas, só 25 foron públicas. Como o vai facer, e por que antes non se podía e agora si?

–Estamos traballando duramente e xa temos moitas cousas feitas. En Vigo, por exemplo, temos un gran proxecto en Navia para 1.600 vivendas. Estamos en contacto co Concello para a reparcelación dos terreos de 156 vivendas e a nosa idea é que cando estea feita, urbanizaremos e construiremos ao mesmo tempo. En Pontevedra xa temos a licenza concedida para 74 vivendas en Valdecorvos, e o mesmo en A Coruña, Ferrol ou Lugo.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na sede de FARO

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na sede de FARO / Alba Villar

–Tamén pretenden desenvolver solo residencial para 20.000 vivendas protexidas nesta lexislatura. É posible?

–Queremos, en colaboración cos concellos, desenvolver figuras de planeamento para pasar dun modo áxil de solo urbanizable a solo urbano. Será nas grandes cidades e nas zonas de súa contorna, que é onde hai demanda de vivenda. É un procedemento que daremos a coñocer nas vindeiras semanas. A idea é dun modo áxil desenvolver solos urbanizables que permitan a construción de vivenda pública, de modo que expropiaremos cando sexa oportuno e sacarémolo a concurso a prezo accesible e incluso a prezo cero.

–Durante anos as autoridades dicían que aquí non se construía vivenda pública e protexida pola falta de interese dos promotores. Que vai mudar agora para que estean dispostos?

–O promotor ou construtor non é unha entidade benéfica, sempre ten que ter un pequeno beneficio. Para solucionar o problema da vivenda, o promotor é básico, é fundamental. Temos que axudar ao promotor e ao adquirinte ou inquilino que acceda a esa vivenda de promoción pública.

–Ve disposición nos promotores entón?

–Estamos en contactos cos promotores, construtores e cooperativistas. E coas entidades financeiras, que son outra pata fundamental. En dúas semanas, sacaremos unha convocatoria de axudas aos promotores para animalos a construír vivenda pública e protexida. Hai que ter en conta que a Lei de Vivenda estatal limita as axudas a promotores a vivendas en aluguer, co que o promotor se converte en dono e arrendador e moitos non queren. Así non se incita á promoción de vivenda protexida. As comunidades así llo dicimos á ministra.

–Alfonso Rueda, nunha entrevista en FARO, propuña que os promotores ofertasen como vivenda protexida parte dos pisos das súas promocións privadas. Será posible?

–Estamos estudiando esa opción.

–Os construtores e arquitectos tamén piden simplificar os trámites burocráticos para construír vivenda pública ou de iniciativa privada. Quéixanse de agardar ata doce meses por un papel. Que fará ao respecto?

–Un dos meus obxectivos é, sen perder seguridade xurídica, desburocratizar todas as administracións, tanto a local como a autonómica. Estamos vendo que normativas podemos dalgún modo simplificar para eliminar ese exceso de trámites e informes sectoriais.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na sede de FARO

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na sede de FARO / Alba Villar

–Hai un problema de acceso á vivenda, pero realmente Galicia necesita construír máis casas cando hai estatísticas que falan de máis de medio millón de casas baleiras e cando as proxeccións demográficas din que cada vez imos ser menos os galegos?

–Estas estatísticas hai que tomalas con cautela porque se inclúe vivenda en estado ruinoso ou en sitios onde non hai demanda de vivenda. Tamén é certo que hai vivendas baleiras que non se poñen en alugueiro por inseguridade xurídica. Prefiren vendela ou cedela a familiares antes que arriscarse a unha okupación.

–Unha opción é a rehabilitación. Ten pedido máis fondos ao Estado. Canto máis?

–En convocatorias anteriores, a demanda superou as axudas outorgadas. Galicia ten destinados 37 millóns a axudas para elevar a eficiencia enerxética das vivendas, dos cales a Xunta puxo doce millóns. En base á demanda sen cubrir, necesitamos 140 millóns. A ministra xa nos dixo que ve complicado atender a nosa petición. De todos modos, confiamos en que eses fondos poidan incrementarse.

"Haberá axudas para o ‘coliving’ para mozos e maiores, a ver se este modelo se pode implementar en Galicia”

–O Banco de España advertía de que o 35% das familias que viven de aluguer nas cidades galegas fan un sobreesforzo para pagar a renda, pois adican máis do 40% de seu salario. No caso dos mozos, podemos falar de ata o 60% do salario, pero tamén hai homes e mulleres de máis de 40 anos con traballo estable, a quen lles custa pagar o aluguer, que ademais segue á alza. Non hai axudas para todos eles?

–O modelo intervencionista, evidentemente, fracasa. Hai que incentivar ao dono para que alugue esa vivenda baleira, hai que promover máis vivenda como estamos a facer. E hai que axudar, como xa facemos, a quen quere mercar ou alugar. Non temos unha variña máxica, pero pouco a pouco, irémolo conseguindo. Estou plenamente convencida e por iso estou aquí.

–O programa electoral do PPdeG incluía a construción de vivendas colaborativas para mozos, que compartirían espazos comúns, como a lavandaría ou cociña. Para cando a primeira?

–Na liña de axudas aos promotores, incluímos o coliving para maiores e mozos. Noutros sitios de Europa é un modelo que funciona e queremos ver se se pode implementar en Galicia. 

“A falta de vivendas en aluguer non é polos pisos turísticos, é pola lei estatal: é moi difícil desaloxar ao inquilino”

–Hai que limitar en Galicia as vivendas de uso turístico, unha modalidade de aluguer que restrinxe a oferta de alugueiro tradicional e en consecuencia eleva os prezos, sobre todo nas cidades?

–O problema que hai en Canarias ou Baleares non o temos en Galicia, nin moitísimo menos. O problema da falta de vivenda en alugueiro en Galicia non é porque as vivendas se destinen a uso turístico, senón porque o dono non quere alugar. E é pola lei estatal. É moi difícil, cando un inquilino deixa de pagar a renda, desaloxar a ese inquilino. Temos casos onde levan anos sen pagar o alugueiro. E sabemos de supostos onde non existe realmente esa emerxencia social, na que se amparan para evitar ser botados. Claro que hai que amparar a aqueles inquilinos que están en situación de emerxencia social, pero non á costa do dono. E o propietario tamén ten que estar amparado.

–Nesta situación, como animar a que os donos de vivendas baleiras as poñan en aluguer?

–Temos un convenio cos avogados para prestar asistencia xurídica gratuíta á persoa que se ve inmersa nun desafiuzamento por impago de rendas ou por execución hipotecaria, pero tamén ao dono que ve como a súa casa está okupada. Tamén temos un programa que garante ao dono do piso asistencia xurídica gratuíta durante cinco anos e un seguro de impago por rendas. Buscamos dar confianza aos propietarios para que saquen as súas vivendas ao mercado do alugueiro. A competencia en materia de desafiuzamentos é estatal e a Xunta insístelle ao Estado que a lei está a fracasar, como xa pasou noutros países de Europa.  

Suscríbete para seguir leyendo