Segundo premio | Colegio Andersen

O mellor: sentirse xornalistas

Colegio Andersen

Colegio Andersen / Marta G. Brea

Equipo Directivo

Este ano, por fin participamos en Faro Escola.

Que gañas tiñamos xa de ser periodistas!

Ao comezo, estabamos un pouco desubicados e desubicadas, o Scribus non parecía ser o noso aliado, pero unha vez seleccionadas os modelos, todo foi máis doado.

Chegaron entón as reunións da Redacción do noso periódico, seccións que analizar, medios a empregar, persoas que entrevistar... Pareciamos verdadeiros profesionais! Sería mentir se dicimos que todo saíu perfecto á primeira, porque non foi así. Algunha das noticias seleccionadas foise demorando no tempo, porque a saída didáctica da cal iamos obter a información adiábase un e outro día polo mal tempo. Pero tamén serviunos para entender que o traballo coa información en tempo real non sempre cumpre o calendario establecido, e que tan importante é organizarse como saber adaptarse. Novas noticias foron substituíndo as que quedaban canceladas, e pouco a pouco o periódico comezaba a tomar forma.

Moi moi interesantes, e intensos por momentos, foron os debates sobre como enfocar cada artigo e que fotos seleccionar, porque eran tantas as ideas, información e imaxes que o alumnado buscara e preparara para cada un deles que non resultaba doado eliminar a información para a que non había espazo no modelo. De feito, chamounos moito a atención que cando viamos o modelo en branco parecía que teriamos que escribir moito, e logo en seguida xa estaba todo escrito.

Falando co alumnado, as seccións máis divertidas á hora de traballalas foron as entrevistas e, o máis complicado, sen dúbida, a sección coas tiras de humor. Que difícil foi! Se xa admiraban a Luís Davila, despois de facer as viñetas pareceulles que era incrible realizar tantas e tan simpáticas.

Por último, chegou o traballo de maquetación, que grazas aos vídeos e titoriais que había na propia páxina de Faro da Escola resultou máis sinxelo do que pensabamos.

En definitiva, toda unha experiencia tanto para o profesorado como para o alumnado. Para os primeiros, o máis positivo foi o traballo de investigación en equipo do alumnado, e para o alumnado, o máis interesante foi sentirse periodistas e responsables das novas. Todos e todas, quedaron encantados e encantadas co proxecto, e con ganas de voltar a formar parte del o vindeiro curso.

Moitas grazas por permitirnos participar no proxecto!

Un saúdo, o Colexio Andersen.