Tercer premio | CPI Cova Terreña

Descubrir a ollada do alumno sobre o seu contexto máis próximo

CEIP Cova Terreña

CEIP Cova Terreña

Equipo Directivo

O lema do CPI Cova Terreña para o curso 2023/2024 foi “o mar que nos une”, facendo referencia á cultura mariñeira que tanto importa na vila de Baiona, pero tamén ao mar que permite viaxar e coñecer outros mundos. Así ocorreu co intercambio que realizou o alumnado de terceiro da ESO en Pornic ou coa viaxe de fin de curso que as persoas de cuarto fixeron en Roma. Este lema converteuse na columna vertebral a partir da cal se artellou o proxecto de Faro da Escola e, por iso, moitos dos artigos quixeron dar a coñecer o potencial económico, físico, biolóxico, turístico e ata literario da costa baionesa. Máis alá da temática marítima, Faro da Escola tamén se presentou como un medio idóneo para compartir con toda a comunidade educativa o día a día no Cova Terreña ao facer visible as imprescindibles tarefas que persoal non-docente realiza a diario, mostrando a experiencia da auxiliar de conversa Anjika, presentando algúns dos proxectos realizados no centro ou introducindo temas sobre educación que atinxen a familias, alumnado e profesores/as.

No xornal do Cova Terreña tamén se relata a grata visita que o autor Anxo Iglesias fixo ao centro ou a charla (con entrevista incluída) que Tikimoki lle ofreceu ao alumnado do primeiro ciclo de primaria.

Dado que o Cova Terreña é un CPI, resultou fundamental que o xornal integrase todos os ciclos educativos, desde Infantil ata o último ano da ESO, pasando por diferentes cursos de Primaria. A variedade de idades, tamén deu lugar a diferentes formas de traballar. Por exemplo, para o alumnado máis novo, foi fundamental que aparecese a súa propia caligrafía e o resultado directo das súas tarefas, como se pode ver na sección de Cartas á Directora, no traballo visual con poemas de Rosalía ou na entrevista a Tikimoki. A medida que avanzaban os cursos, o alumnado foi adquirindo maior autonomía á hora de traballar, tanto no tratamento dos temas e redacción do texto, como no proceso de maquetación con Scribus. Algúns grupos decidiron escribir nun documento compartido de forma conxunta, mentres que outras clases crearon unha redacción e repartiron as tarefas de creación do artigo entre os seus membros: investigar, escribir, revisar, ilustrar e maquetar. A parte que máis captou a atención do alumnado foi a de sentirse como auténticos/as xornalistas e poder realizar entrevistas ou investigacións sobre o tema a tratar. O máis complexo (pero tamén satisfactorio) foi, sen dúbida, ir en busca da palabra certa para cada ocasión.

Faro da Escola foi unha aprendizaxe integral e transversal, que permitiu descubrir a ollada do alumnado sobre o seu contexto máis próximo. Este proxecto creou un achegamento real e produtivo ao eido xornalístico mediante a posta en marcha dun voceiro escolar. No desenvolvemento do Faro da Escola houbo elementos que funcionaron mellor e outros que habería que revisar de cara á futuros anos, como os prazos de entrega ou o número de artigos creados, co obxectivo de evitar reducir contido para axustarse ás 32 páxinas.

Non obstante, todo o proceso foi unha aprendizaxe en si mesma e o xornal creado mostra o que viviu e escribiu o alumnado do Cova Terreña no curso de 2023/24.