IX Edición de Faro da Escola

Ramón D.Veiga: “É moi importante saber rirse, de 
todo e de nós mesmos, buscar a chispa”

“Hai tres elementos que sempre funcionan cos cativos: o humor, a pizza e falar de caca”

Ramón D. Veiga é autor da serie  de banda deseñada ‘Miñoca’ .

Ramón D. Veiga é autor da serie de banda deseñada ‘Miñoca’ . / Cedida - Chile Estudio

María Bueno

María Bueno

Con varios premios e máis dunha ducia de títulos no seu haber, Ramón D. Veiga é un dos autores que están a consagrar a fértil literatura infantil galega como referente en todo o país. Entre as súas últimas e máis exitosas obras atópase a serie de banda deseñada Miñoca’ que volta as andadas da man dun ourizo cacholán con moito que dicir. Ámbolos dous serán protagonistas de novo nas aulas no marco do ciclo de visitas de autores da IX Edición de Faro da Escola, onde D. Veiga aproveitará tamén para presentar o novo título da coleción ‘Chove: unha nova aventura de Miñoca”, a piques de publicarse. 

—A que cres que se debe o éxito de Miñoca entre os mestres?

Para os mestres pode ser unha boa ferramenta porque ten pouco texto, letra maiúscula e altas doses de humor, entón atrae os cativos. Supoño que tamén lles chamará a atención a expresividade dos personaxes.  

— Que tedes Miñoca e máis ti preparado para a visita aos nosos pequenos xornalistas? 

Ademais de falar do libro, imos facer un pequeno obradoiro de iniciación ao cómic. A partir da figura de Miñoca, imos aprender a facer que estea contenta, triste, enfadada…Cando rematemos, teremos unha páxina de cómic feita por nós mesmos. 

— A banda deseñada está de moda. 

Creo que cada vez hai máis editoriais e autores que apostan polo cómic precisamente polo que falabamos: ao ter menos texto, ofrecen unha lectura máis doada para empezar. Os personaxes de Miñoca, por exemplo, son figuras coas que os nenos poden identificarse: os nenos están hoxe enfadados e aos cinco minutos arranxan o problema, son moi sinceros e van sempre por diante. 

— Agora que o dis…: “Para ser amigos abonda cunha boa pizza carbonara”. Non hai mellor mensaxe ca esa? 

(Ri) Si, a ver, moitas veces enfadámonos e perdoámonos pola cousa máis tonta, a Miñoca pásalle igual. Ela descobre a pizza no primeiro capítulo e trama case todo o que trama para conseguila. Miñoca une tres elementos que funcionan moi ben cos cativos: a risa, a pizza e falar de caca. 

— Dirías que o humor é o que máis che define como autor?

Si. Creo que é moi importante saber rirse de todas as situacións, as veces non se pode, pero sempre hai que tratar de buscarlle a chispa, a todo e a nós mesmos. Tampouco sei se é algo innato, eu nunca fun serio, sempre fun o que intentaba facer rir á clase. 

— Por que literatura infantil?

Empecei a profesionalizarme como escritor cando naceu a miña filla e empecei a contarlle contos polas noites e a inventar historias e personaxes con ela. Non sei si é máis fácil ou máis difícil, a min é o que me sae. O que si teño claro é que os nenos e as nenas son un público máis crítico que os adultos: se non os enganchas na primeira páxina (ou incluso na portada) xa non seguen.

— Galicia parece destacar cada vez máis neste eido, a chave deste éxito?

En Galicia está a mellor literatura infantil e xuvenil de Europa; e digo de Europa por non dicir do mundo (ri). Temos autores de primeirísima categoría e, polo que pinta, imos seguir por ese camiño porque estámos vendo a xente nova que o está facendo moi ben. 

— A ilustración é outro dos elementos fundamentais. 

Claro. Eu en Miñoca sempre digo que somos dos autores: Iván R. e máis eu. Somos amigos desde hai moito tempo e entendémonos a perfección. É un 50% cada cousa. Non ten sentido separalo. Sempre tivemos claro que queríamos un debuxo sinxelo de liña. Creo que para primeiros lectores chama moito a atención, tamén porque permite que eles mesmos o poidan replicar. Cando vou aos coles, sempre me regalan ourizos e miñocas feitos por eles mesmos. 

— Pásase ben nesas visitas, non si?

A min encántame, pásoo bomba, sobre todo cando noto que os profes traballaron o libro cos nenos. Queren sabelo todo, do libro e da túa vida tamén (ri). Acabas facendo un montón de amigos pequenos que veñen e danche abrazos. É unha marabilla. Eu creo que é o mellor de escribir para nenos: o cariño. Chegas e trátante como se foras unha ‘celebrity’

Un momento da edición anterior.  Na imaxe: Jorge Campos.

Un momento da edición anterior. Na imaxe: Jorge Campos. / Faro

[object Object]

O proxecto Faro da Escola xa non sería o mesmo sen botar unhas boas risas — e levarnos unhas cantas aprendizaxes de paso polo camiño — cos nosos autores. Encontros únicos e máxicos nos que estudantes, mestres e por suposto eles: os escritores, pásano en grande compartindo un anaco de tempo ao abeiro do pracer lectura. 

Aprenden os cativos, pero tamén os autores porque máis de un e máis de dous téñennos confesado xa que sodes vós: os alumnos e alumnas dos coles, os que lles inspirades coas vosa imaxinación e a vosa creatividade para as súas obras. Coa chegada do novo ano, hai que seguir facéndoo igual de ben. 

Por todo iso estamos a quentar xa motores para unha nova edición das visitas de autores no marco da IX Edición de Faro da Escola.Non faltarán Ramón D.Veiga e a súa xa emblemática ‘Miñoca’, pero tampouco Tikimoki e ‘Pomodoro’ (recomendado para 1º, 2º e 3º de Primaria) ou Pablo Prado, con ‘Nerea, a invasión dos trastos’ (2º, 3º e 4º). María Lado, pola súa banda, levará ás aulas ‘Caramomia’, un divertido misterio a oito mans para pechar a quenda dos libros para 3º e 4º.

En 4º, 5º e 6º, Eduardo Santiago faranos soñar coa ‘A miña amiga invisible’; mentres que Paula Rivas ilustraranos coa incrible viaxe de Antía ao cerebro humano, recomendado para 5º e 6º. Tamén en 5º e 6º, tiñan que estar Iria Misa, con ‘Unha veciña de película’; e Anxo Iglesias e a súa ‘Nova dimensión’. Xavier Estévez pecha esta lista cun broche de ouro único: ‘A memoria dos pingüíns’.