Escena

Teatro Estudio de Ferrol

Historias para seren lembradas

Os membros do Teatro Estudio (1964).

Os membros do Teatro Estudio (1964). / Arquivo

Manuel F.Vieites

Na historiografía teatral galega adoitase prestar especial atención ao feito na fala da terra, e contamos cunha importante tradición, cousa que non acontece no caso do teatro de expresión castelá. E nesta lingua fíxose moito, pero tamén se escribiron numerosas pezas, como as que estreaba en Pontevedra desde mediados do século dezanove Don Emilio Álvarez Giménez, autor de Mari Castaña. Unha revolta popular (1884). Máis recentemente houbo persoas que destacaron por dinamizar a vida teatral dalgunhas cidades, como Segundo Alvarado Feijoo-Montenegro en Ourense, José Redondo Santos na Coruña, ou Rodolfo López Veiga en Santiago de Compostela, desde finais dos anos cincuenta e nos sesenta e setenta, facendo espectáculos nas dúas linguas. É difícil explicar a xénese do teatro de expresión galega que abrolla en Ribadavia sen termos en conta o traballo dalgunhas agrupacións que promoveron vocacións e aprendizaxes en persoas que logo optarían por facer do galego o vehículo principal de expresión escénica. Un caso paradigmático é o do Liceo Brigantino, agrupación recreativa fundada en 1877 na Coruña, e cun notable cadro de declamación, o que en 1882 escenifica A fonte do Xuramento e inicia a xeira do teatro rexionalista en galego.

Non se pode afirmar que na escena galega de expresión castelá só houbese traballos de pouca calidade, asentados en textos aínda peores, como se fose unha coidada escolla do drama máis conservador e trasnoitado que coubese imaxinar. Non cabe aceptar tal visión, que agocha un prexuízo moi estendido e que ignora as achegas de Valle-Inclán, García-Lorca ou Gómez de la Serna. Así, desde o Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana, Antón Naveira Goday dirixe nos anos cincuenta e sesenta na cidade da Coruña diversos espectáculos con textos de Valle-Inclán ou Ionesco. Nesa mesma liña hai que situar as notables achegas da agrupación escénica que presentamos.

Teatro Estudio de Ferrol é o titulo dun volume editado por Invasoras do que é autor Francisco Oti Ríos, que presenta a actividade dunha das iniciativas de teatro amador máis interesantes dos anos sesenta do pasado século en toda Galicia. Na dirección artística destacou Alfredo Osset Casteleiro, empregado civil da Mariña que, despois desa experiencia nos sesenta, se instala en Madrid en 1970 para dedicarse profesionalmente ao teatro, de primeiras no Teatro Español. Nos espectáculos que dirixe en Ferrol participaron unha manchea de persoas, algunhas das cales tamén lograron o soño de converter vocación en profesión, como Luma Gómez ou Elina Luaces. Así naceu a denominada “canteira ferrolá”, que segue activa, grazas a novas entidades e institucións.

Teatro Estudio de Ferrol

Cartel da homenaxe ao Teatro Estudio ferrolán. / Arquivo

O estudo supón unha mirada moi completa e pormenorizada á traxectoria do TEF, sen esquecer situala no contexto, polo que tamén se ofrece unha panorámica do teatro na comarca naquela altura. Contén unha síntese precisa de cada espectáculo, incluíndo os elencos, amais de crónicas e críticas publicadas na prensa da época, ou fotografías que malia non seren de gran calidade, dan unha idea das pautas de escenificación ou no deseño escénico. Amais dunha entrevista con Osset publicada en 2004, moi iluminadora, conta o volume cun prólogo de Vicente Araguas e un epilogo de Eduardo Alonso, que serven para calibrar a importancia da experiencia na súa dimensión máis vivencial, en tanto supoñía unha aprendizaxe de vida en tempos nos que da vida tan pouco se sabía e dicía.

Dos moitos aspectos a destacar na traxectoria do TEF salientamos un repertorio que entre 1962 e 1969 inclúe pezas de Graham Greene, Tennessee Williams, Eugene O’Neill, John Millington Synge, Edward Albee, Albert Camus, Valle-Inclán, Bertolt Brecht, Fernando Arrabal, Eugène Ionesco, Jean Anoulih, Thorton Wilder ou Esquilo. O teatro feito en castelán tamén servía para espallar outras ideas e outras formas de entender a vida, tan necesarias naquela altura. Este magnífico estudio de Paco Oti, desvela e revela historias esquecidas e ben exemplares. Porque todo e teatro, bo, malo ou peor, pero teatro.

Teatro Estudio de Ferrol

Fachada do Teatro Jofre, en Ferrol. / Arquivo

A cidade (in)visible

Laura Tato Fontaína publicou varios ensaios sobre o teatro galego en Ferrol, cidade na que tanto fixeron Eduardo Sánchez Miño, Manuel Sánchez Hermida, Eugenio Charlón Arias ou Xaime Quintanilla, onde tamén destacaba o Coro Toxos e Frores, que contaba cun cadro escénico moi activo. Pola súa banda, Eva Ocampo realizou unha interesante investigación na que fai un minucioso inventario da actividade escénica na cidade entre 1878 e 1815, poñendo ademais de relevo a importancia do Teatro Jofre, un dos templos escénicos máis importantes de Galicia.

A cidade, espazo por onde circulaban as ideas con extrema celeridade, debido á existencia dunha importante comunidade de persoas chegadas doutras xeografías que configuraban unha intelligentsia cultural atípica e dispar, sempre mantivo un considerable pulo teatral, tamén nos anos anteriores e posteriores á chegada da democracia. Un bo exemplo foi o Festival Internacional de Teatro Xeración Nós, no que Francisco Oti desempeñou un papel moi relevante na organización. Ferrol agocha aínda moitas historias que cómpre ir construíndo e divulgando, pois a memoria axuda a comprender tantas cousas e permite proxectar moitas máis. Tamén para facer visible a cidade máis esquecida de cantas hai no país.

Suscríbete para seguir leyendo