Arte: exposicións

O lugar que procuramos

A obra de Tono Carbajo regresa a Vigo

Un visitante, na exposición de Tono Carbajo no espacio Évame Oroza.

Un visitante, na exposición de Tono Carbajo no espacio Évame Oroza. / Eli Regueira

Na viguesa Asociación Évame Oroza preséntase até finais de xullo a mostra Dende o lugar que buscamos que recolle dúas series de obras realizadas polo pintor Tono Carbajo (Vigo, 1960) ao longo dos últimos anos.

O artista vigués iniciou a súa obra nos anos oitenta, inmediatamente despois do nacemento de Atlántica e no horizonte cultural desta década decisiva para o desenvolvemento da arte galega. A súa formación produciuse, pois, nun ambiente cultural que destacou pola liberdade expresiva, a multiplicidade de liñas, conceptos e linguaxes, sen unha única tendencia dominante, aínda que en moitos creadores máis novos era notoria a pegada do expresionismo abstracto, xa que realizaban unha especie de neoexpresionismo, influencia tamén perceptíbel nas súas primeiras obras, mais que iría esvaecendo posteriormente na procura de acentos persoais, frecuentemente achegados á abstracción.Nesta mesma década, Carbajo introduce xa características na súa obra que se van conformar como auténticos referentes do seu traballo como son a utilización de obxectos encontrados, da colaxe e unha vontade de levar o concepto de instalación á obra puramente pictórica.

O lugar que procuranos

Unha das obras que integran a exposición. / Eli Regueira

Neste sentido, en Dende o lugar que buscamos Tono Carbajo presenta obras recentes nas cales, contando cun punto de partida de documentación fotográfica, fai uso de estratexias de reciclaxe que lle permiten modular e definir a súa linguaxe visual e que o artista utiliza como territorio específico da súa propia actividade.Deste xeito, para o artista o espazo fotógrafico-pictórico transfórmase nun ámbito en cuxos límites o discurso se fai a si propio, ámbito que ten unha relación co real que se establece invocando a súa propia e específica materialidade, velaí o papel que xogan por exemplo os diferentes obxectos inseridos nas obras.

O lugar que procuranos

Outra das obras de Tono Carbajo. / Eli Regueira

O lugar procurado ao que fai referencia o título cómpre entendelo en dous sentidos complementares: como espazo interior, o ligado aos desexos e ao máis íntimo; e o exterior, como o espazo en que moramos. Na procura deste duplo sentido é onde se encontran as dúas series presentes na mostra: a das “Fronteiras”, que dá testemuño da brutal realidade dos refuxiados freados pola crueldade barreiras da Europa insolidaria, e a das “Casiñas dos desexos”, que como plano contraposto presenta a vontade dun mundo alternativo, a partir tamén do uso dunha memoria cargada de sentido social, nesta ocasión utilizando en cada obra os linteis de casas de persoas desafiuzadas, coa vontade, en palabras do propio artista, de transformar un material de dor en material de esperanza e situando os “desexos” fisicamente en territorios ateigados de sentido desde a memoria individual e da experiencia partillada.

  • "Dende o lugar que buscamos”

    Artista: Tono Carbajo Local: Asociación Évame Oroza, Vigo Até finais de xullo

Tendo en conta os aspectos formais e temáticos da obra de Tono Carbajo, o resultado que nos presenta non é un simple reflexo do mundo real, nin tampouco o dunha arte de autosuficiencia, é a autonomía a premisa absoluta da súa obra, autonomía sen a que non podería existir a posibilidade crítica do feito plástico e o seu auténtico sentido no ámbito social, unha preocupación, a social, ben perceptíbel nas dúas series que presenta, mais que se plasma de forma moi intelixente sen afogar esa autonomía, sen a cal a obra nunca podería atinxir unha auténtica capacidade de comunicación e de sentido.

Nas diversas imaxes: diferentes perspectivas da exposición Dende o lugar que buscamos (Tono Carbajo), que se está a mostrar no espacio Évame Oroza.
  |  FOTOS:  @ELIREGUEIRA

Un aspecto da exposición. / Eli Regueira

Fronteiras de conflito

A virtude da obra de Tono Carbajo radica fundamentalmente no proceso que a fai posíbel e imposíbel ao tempo: unha plástica que se configura como procura e que ao tempo se fai en canto se procura, mais que deliberadamente nunca ten un punto final absoluto, porque non aspira a unha inxenua plenitude. Non estamos, xa que logo, perante fotografías ou pinturas, en sentido convencional, senón perante un discurso plástico do que posuímos algúns anacos. Anacos que conteñen cada un deles a totalidade dos outros por medio de enlaces que podemos sentir ligando os mundos das súas series en contacto, mais que tamén están nos ámbitos en diálogo de cada obra individual, que agudizan ese sentido fragmentario da percepción, adquirindo unha relevancia fundamental a análise do territorio desde a perspectiva social, con eses traballos realizados a partir de documentación fotográfica realizada en todas as fronteiras de conflito da Unión Europea mais tamén desde o que poderiamos chamar lagoas de indeterminación, que nas obras toman forma nos ocos e baleiros, absolutamente decisivos para o sentido das composicións.

As imaxes resultantes, frecuentemente insospeitadas e mesmo desacougantes, en especial no conxunto das “Fronteiras”, baséanse en asociacións só en aparencia arbitrarias en canto que non son obxectivamente lóxicas, mais que van creando o seu propio universo de sentido. Dende o lugar que buscamos é, pois, un proxecto expositivo moi logrado na súa concepción teórica e no seu resultado plástico e visual.

Suscríbete para seguir leyendo