Entrevista | Beto Luaces Escritor

“A novela negra asumiu o rol que tiña a novela social”

O escritor vigués Beto Luaces.

O escritor vigués Beto Luaces. / Eli Regueira

Vicvs xa vai pasar de triloxía a tetraloxía coa publicación, este mes de xullo, da súa cuarta entrega, Un lugar elevado (Bolanda), acontecemento au que hai que engadir a edición en castelán da primeira das entregas desta serie do escritor vigués, titulada Un lugar do común (sempre co Vicvs diante, claro).

–Vai ter Vde. un mes de xullo moi intenso. Por unha banda, publica en galego a cuarta entrega de Vicvs e, por outra, tamén sae en castelán a primeira novela da serie. Imaxinaba esta situación cando comezou a escribir Vicvs. Un lugar do común?

–Certo, vén por diante un mes de xullo intenso coa promoción, Feiras do Libro, a presentación oficial... Dicía o noso admirado Domingo Villar, a quen dedico o último libro, que as escritoras e os escritores botamos un feixe de tempo no anonimato máis absoluto cando estamos a escribir e, de súpeto, cando o teu libro xa está publicado, pasas a unha grande exposición pública. Cómpre estar preparado, física e emocionalmente para iso, mais a min gústame ese contacto público, tamén co lectorado. E todo isto era impensable para min cando en 2012 comecei a escribir o primeiro libro de Vicvs.

–Por curiosidade, esta Un lugar elevado vai ser a última entrega ou aínda prepara máis Vicvs?

–O curioso é que aínda non está nas librerías a cuarta entrega de Vicvs e hai lectores que xa me están a preguntar pola quinta entrega. E eu sempre digo o mesmo: para que haxa un novo libro da serie ten que xurdir no meu maxín a nova trama, que eu perciba que hai demanda por esa nova trama, que a dea escrito e... finalmente, que a editorial considere ese texto publicable. Se se dan todas esas variables, haberá quinta entrega de Vicvs. Eu agradezo esa fidelidade do meu lectorado, sen eles, nada disto sería posible.

–Novamente bota man do seu detective Manuel Peixoto. Vai facer como Andrea Camilleri, cuxo comisario Montalbano cumpría anos e facíase vello como o autor ou vai optar por mantelo cunha idade estable?

–Admiro moito a Andrea Camilleri e a túa comparanza é algo que me honra. E o meu detective tamén vai cumprindo anos, como non podía ser doutro xeito. De feito, cada entrega de Vicvs ocorre nun lapso de tempo diferenciado, e todas comezan na Noiteboa da familia Barreiro en Candeán; polo tanto, cada trama atinxe un ano distinto.

–Chegada esta cuarta entrega, coido que xa se pode facer unha descripción completa de Peixoto. Cal sería a que o autor faría a estas alturas da súa criatura?

–As persoas que van lendo as entregas de maneira ordenada poden apreciar a evolución do Peixoto. O meu detective é un vigués que xa fixo o medio século de vida, unha vida que na meirande parte do seu periplo foi algo desordenada (divorcio, alcoholismo... os clixés típicos destes personaxes de novela negra), pero, eu, ao metelo no texto, funo humanizando devagar e ordenei a súa existencia ata que chegou a ser un ghicho vigués moi normaliño. A súa fortaleza para levar adiante os casos vén do seu pasado de policía local, de maneira que coñece moi ben o lado escuro da cidade. O seu meirande defecto é que non ten ningún método para investigar, el improvisa e... os casos, mal que ben, acaban por se resolver, aínda que iso traia consigo un desgaste físico e emocional notable.

–Esta serie chámase Vicvs pero tamén podería chamarse Suído. Por que esa teima súa de unir Vigo e a serra do Suído nas tramas das novelas?

–Esa unión xurdiu de maneira natural. Os que saben deste mundo literario din que sempre vai ser mellor que escribas do que coñezas. Pois ben, eu resido en Vigo e coñezo a cidade, e tamén coñezo a serra do Suído pola miña familia paterna; polo tanto, era obvia esa unión, e existe unha relación moi potente entre a cidade de Vigo e a serra do Suído polo trafego, en ambos os sentidos, dos seus moradores. Ademais, a utilización destes dous territorios, tan distintos, permíteme acadar un claro contraste nas tramas. Eu quería confrontar o mundo urbano co mundo rural, a ría coa montaña, o presente co pasado...

–Hai autores que afirman que a novela negra é a mellor maneira de describir a sociedade que rodea o autor. Tamén o é para Vde.?

–Sen dúbida. O mes pasado convidáronme a participar na SELIC (Semana do Libro de Compostela. Sección Criminal) e no coloquio anterior ao meu dixeron que a novela social desapareceu do mapa literario e ese rol, nos últimos tempos, asumiuno a novela negra. Concordo con esa idea. A novela negra sempre estivo aí, mesmo cando aínda non se denominaba dese xeito. Tramas negras sempre houbo, e sempre houbo quen quixese investigar e descubrir o lado escuro do ser humano, a maldade e a podremia das sociedades e o lado ruín da vida humana, e penso que iso vai continuar durante moito tempo. Iso si, a novela negra está nunha evolución constante e, de non ser así, desaparecería como xénero literario.

"Estaría encantado de que os meus textos pasasen ao mundo audiovisual, fose en cine ou en televisión"

–E por que coida que a novela negra atrae tantos lectores? Porque no se trata dunha moda, senón que probabelmente sexa o xénero máis lido da historia da literatura?

–Polo que dicía antes, o ser humano é curioso e se detecta algo raro, quere saber a causa desa rareza, desa anomalía social. A novela negra favorece descubrir o que aconteceu, e sobre todo, por que aconteceu.

–Á marxe dos escenarios galegos, qu entende Vde.que teñen en común os escritores galegos de novela negra?

–Quen escribimos novela negra en Galicia somos seres humanos que estamos dentro da cultura popular que enraizou en Galicia, e, polo tanto, iso ten que se reflectir nos nosos libros. Somos o produto da sociedade do noso país e os nosos personaxes son coma nós o somos, e todos os tópicos que queiras relacionar con Galicia van estar nos nosos textos. E de todos eses tópicos, eu resaltaría a retranca a nosa relación coa morte, ese diálogo, esa conexión co alén que sempre existiu e que non deixa de estar presente no noso xeito de estar no mundo.

–Agora que sae a versión en castelán da primeira entrega, amplíase o abano de posibilidades de que algunha produtora lle propoña facer unha película ou unha serie. Supoño que sería unha “proposta que non podería rexeitar”, non si?

–Desde logo que non podería rexeitar unha oferta semellante. De certo que estaría encantado de que os meus textos pasasen ao mundo audiovisual. Ver as rúas de Vigo novamente nunha pantalla, sería bonito. E sobre todo, a serra do Suído, que é a primeira vez que forma parte dunhas tramas literarias, e sería marabilloso ver esas montañas nunha pantalla de cine ou de televisión.

Suscríbete para seguir leyendo