Ciencias Sociais

Na xeira dos Reis Sabios

A cultura: arma de goberno e propaganda

Estatua de Afonso X, o Sabio (Biblioteca Nacional, Madrid).

Estatua de Afonso X, o Sabio (Biblioteca Nacional, Madrid). / Arquivo

Cantaba Francesc Pi de la Serra que “coido que a cultura, e que me perdoen, ten máis que ver coas ganancias que con Beethoven”. Sen a venda do produto cultural ou sen apoios, cando este non é mercantilizable, as artes en xeral e mais a investigación non sempre teñen saída. Na historia de Europa, os cambios sociais sempre foron acompañados do impulso dos monarcas que souberon enmarcalos nun imprescindible pulo cultural Así, cando Carlomagno impuxo unha caligrafía estándar para o conxunto do seu imperio, non só facilitou a comprensión do latín escrito entre as súas diversas zonas senón que esta lingua franca non quedase deturpada pola emerxencia dos diversos romances, amais de poder copiar textos clásicos.

Cando Afonso VIII de Castela fundou a universidade de Palencia e Afonso IX de Galicia-León fixo o mesmo coa de Salamanca, estaban a establecer as bases para que estes reinos formasen persoas que axudasen no goberno na nova etapa que encaraban. Estes centros, como tantos outros que promovidos por reis e príncipes os seguiron, escapaban do dominio da Igrexa para acadaren unha dimensión civil e libre de dogmatismos cristiáns. De xeito semellante, o portugués Don Denís fixo trasladar o Estudo Geral de Lisboa a Coimbra con rango universitario, e o catalán Xaime II o Xusto fundou a universidade de Lleida.

Nos reinos unificados de Castela e Galicia-León, Afonso o Sabio deu pulo a que a universidade de Salamanca se especializase en Dereito para así fornecer os seus dominios de avogados, xuíces e notarios que facilitasen a aplicación da nova lexislación establecida nas Partidas. O labor cultural deste monarca non sempre foi gratis et amore e así aproveitou as súas cantigas á Virxe para publicitar a súa aspiración ao trono imperial. En Inglaterra, Oxford colleu impulso cando Henrique II prohibiu que os estudantes ingleses fosen á Sorbona de París. A aparición de novos centros na Coroa de Aragón (Perpiñán, Osca) chocou en Barcelona coa oposición do goberno local (Consell de Cent) ata que Afonso V o Magnánimo impuxo a fundación dun centro universitario na cidade condal (valla sinalar o feito que o primeiro rei Borbón, Filipe V, pechou os centros universitarios cataláns para unificalos en Cervera en castigo polo apoio dado á causa austriacista).

Afonso V o Magnánimo.

Afonso V o Magnánimo. / Arquivo

E foi o citado monarca aragonés (1396-1453) da familia Trastámara (de quen vén de aparecer a biografía feita por Josep Brugada Alfons el Magnànim. Tres corones per a un rei) quen pasou a representar coma ninguén a protección real ás artes e ás ciencias. Xa antes de conquistar definitivamente o reino de Nápoles en 1443, o Magnánimo entrara en contacto co humanismo que se desenrolaba no seo do Renacemento. Para neutralizar a figura de monarca conquistador estranxeiro, exerceu o mecenado para que lle fixeran propaganda. Cómpre salientar o labor de Lorenzo Valla, especialmente para marcar distancias co papa Uxío IV, sempre do lado dos Anjou franceses, que tiñan como aliados os Sforza, rivais de Afonso V. Este, e desde Nápoles, dominou o Mediterráneo occidental, incluso en detrimento de Francia. Bizancio aínda era cristiá e a expansión portuguesa non pasara do Atlántico africano. A capital da Campania ingresou deste xeito na primeira división das cidades europeas grazas ao labor protector do rei caalanoaragonés, impulso que tamén se fixo extensivo ás rexións veciñas.

Afonso V convocou na corte napolitana filósofos, poetas (como os recollidos no Cancionero de Stúñiga) e artistas plásticos. Non tanto por vocación cultural (que segundo Abel Soler, un dos seus biógrafos, só exercía en primavera; en outono e inverno cazaba) senón por construír un reino moderno no espello do Renacemento. E así, recuperou o papel dos clásicos latinos, feito que lle permitía exercer á maneira de Xulio César, no campo militar, e de Augusto, no goberno.

Exerceu como un auténtico príncipe renacentista, en igualdade cos Medici florentinos, os d’Este ferrarenses, os Sforza milaneses, os Gonzaga mantuanos ou diversos papas, os valencianos Borja entre eles: man de ferro no goberno e protección de artistas e escritores para a promoción de cadansúa corte.

Valencia, porta do Renacemento

O segundo monarca catalanoaragonés dos Trastámara (tío do futuro Fernando o Católico) defendeu, incluso coas armas, os intereses da súa coroa fronte a Castela. Nesa empresa contou co apoio valenciano mentres que Barcelona o considerou un asunto de familia. Por iso Afonso V estableceu a súa corte na cidade levantina antes de facelo en Nápoles.

Na xeira dos 
Reis Sabios

Perspectiva de Valencia na Idade Media. / Arquivo

E foron valencianos moitos dos que o acompañaron na empresa italiana, que non só obtiveron o apoio profesional en tanto que cabaleiros senón tamén como artistas. Así, Ausiàs Marc –un dos mellores poetas europeos do seu tempo- loitou nas campañas do mar Tirreno e acadou o cargo de falcoeiro real. E con el, outros cabaleiros como Joanot Martorell, Jordi de Sant Jordi, Joan Roís de Corella ou Pere March.

Pola cidade do Turia chegou o humanismo renacentista á península Ibérica. O propio rei patrocinou que un poeta ao seu servizo, Andreu Febrer, traducise ao catalán a Comedia de Dante. A súa corte acolleu diversos poetas casteláns, cataláns e aragoneses e navarros que, de regreso ás súas terras, trouxeron a influencia renacentista. En fin, Valencia –axudada tamén pola guerra civil catalá entre a coroa e os labregos ou “remenses”, e a oligarquía das institucións– gozou dun século de boa economía e mellor cultura que a situou entre as cidades máis dinámicas da Europa do momento.

Suscríbete para seguir leyendo