Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Medrar na ausencia

Unha novela que berra

Fabio Rivas

 “Que sinxelo era facer promesas a esa idade. Brotaban da miña boca como se non tivese medo a incumprilas. Co tempo descubriría que a amizade era unha bendición complexa, chea de luces e sombras. De ocos baleiros”.

En A soidade das nenas, a primeira publicación en galego da coruñesa Miriam Beizana Vigo (1990), que xa autopublicara previamente tanto novelas como relatos en castelán, atopamos unha obra que abafa desde os primeiros capítulos. E digo que abafa, en xeral, porque en canto comezamos a lectura decontado aparecen unhas mans que semellan suxeitarte e inmobilizarte contra as páxinas, mesmo que en máis de unha ocasión sintas a necesidade de pechar o libro e coller folgos antes de continuar.

Son tres as personaxes protagonistas: Emilia, MX e Celia. As dúas primeiras, narradoras de cadansúas partes da novela, ofrécennos dúas perspectivas diferentes, por paradoxo, dos mesmos acontecementos: os primeiros encontros, a súa relación, a desaparición inesperada de Celia ou a súa ruptura. En cambio, existen certos fíos que fan parecer inevitable o seu vínculo. O nexo máis evidente é a soidade, da que apenas repararán ata seren adultas, pero séguea ben preto a infancia traumática, pois a nai de Emilia está interna nun centro psiquiátrico por condutas suicidas e a das xemelgas MX e Celia foi asasinada polo pai.

A única eiva coa que damos nesta estrutura bicéfala xa é costume atopala en novelas con máis dun narrador (pásanseme pola cabeza dúas obras extraordinarias, Terras mortas, de Núria Bendicho, e Coma bestas, de Violaine Bérot): a pesar das diverxencias do discurso, tan só podemos distinguir unha voz narrativa. Aínda que, é certo, se cadra esta escolla non é fortuíta e talvez a autora estea empregando para fornecer un outro vencello entre ambas as protagonistas.

Seguindo co abafo, as máis das descricións eluden o físico e van cara aos sentimentos, ao visceral, ao que se garda dentro. Cada palabra de Emilia é un berro de auxilio dirixido a MX, unha chamada ao regreso; mentres tanto, MX parece estar buscando o motivo adecuado para afastarse, para dar un paso cada vez máis lonxe. Por outra parte, resulta moi acertado que a novela non se desenvolva dun xeito lineal. O presente vese constantemente interrompido por recordos, moitas veces dialogados e inseridos con solvencia na narración, que precipitan a creación dunha identidade para cada personaxe.

En resumo, A soidade das nenas é unha obra que non ha deixar indiferente e semella presumible que durante un tempo tanto ela como a autora darán moito que falar, pois son abondosas as razóns para que se mova de boca en boca.

Imagen

A soidade das nenas

Autor: Miriam Beizana

Editorial: Xerais

PVP.: 13,95 €

Nº de páginas: 296


Desexo de aire

Coa hiperconciencia das sensacións

Oriana Méndez

Escritora, tradutora e investigadora académica, Tamara Andrés volve á poesía neste 2024 con Para non concretarme (Positivas), onde os poemas flúen na procura da beleza esencial. Logo de Bosque vermello (Positivas, 2019), poemario que afondaba nos intersticios escuros dos procesos experienciais, nesta nova achega a poeta procura a luz e, para iso, alixeira os versos e foxe da gravidade da definición, da concreción, da literalidade, das marxes definidas e de certa ampulosidade lingüística.

Os versos de Tamara Andrés deslízanse na procura do que encontren ao seu paso, a beleza pasaxeira que non se pretende inscrita nos frontispicios dos maxestosos monumentos imperiais, senón que se constrúe en tránsito como tamén a lingua se constrúe en cambio constante. O desexo de levidade aparece ora como declaración de intencións, ora como confesión e, sen que se note, azóutanos esa violencia poética que nos prende nalgún lugar insospeitado do corpo: “alguén deixara alí un anaco de manteiga / quente / suave / esvaradía // introducín na boca a man / o antebrazo/estendín polo corpo a graxa / e sentei agardar por ti / sobre as baldosas frías”.

Lipovetsky, en Da lixeireza, afirma que á lixeireza frívola propia do capitalismo tardío, á súa fuxida evitativa e acelerada (que Andrés, dalgún xeito, sinala cando di “sociedade en epilepsia continua”), opónselle a lixeireza serena dun estado de certa ataraxia en que o individuo se dá liberado de falsos desexos e medos. A paz da alma liberada dos compromisos materiais acompáñase dun certo humanismo paisaxista. Velaí tamén o universo deste Para non concretarme. A difícil tarefa de dar linguaxe ao que voa ou ao que escorrega e se transforma é, en Andrés, maxisterio poético: “nacemos coa semente dun río baixo a lingua”. En suma, unha voz propia que se constitúe na hiperconciencia das sensacións (“todo o que se despraza polo mundo/atravésame espectral”) e que nos chega a través dunha singular espiritualidade e dunha forte imaxinación simbólica.

Imagen

Para non concretarme

Autor: Tamara Andrés

Editorial: Positivas

PVP.: 12 €

Nº de páginas: 74


Da tristura e do dilema

Para interesantes lecturas

Xosé Feixó

Aira Editorial tráenos Unha mínima infelicidade, primeira novela da escritora italiana Carmen Verde, que promete lecturas moi interesantes. Neste libro, dramático e triste, moi humano, o relato introdúcenos na vida da protagonista, Annetta, que sofre unha enfermidade rara, que non a deixa medrar. Sumida na súa escuridade e no silencio, trata de entender á súa nai, Sofia Vivier, a quen responsabiliza da súa mínima felicidade vital. Tece entón o entramado dos vínculos familiares, a través de todos os recunchos onde estes se agochan: fotos, prendas, lugares, lembranzas, relacións, palabras... Porque é que ademais esa enfermidade avergoña á nai, unha muller misteriosa pechada na casa que transmite á filla a infelicidade ambiental. O pai, pola contra, é un estraño; e a chegada de Clara Bigi, que vén para dar orde á vida, desbarata todo, con imposicións moi duras e absurdas, afondando na tristura de Annete, quen acaba por cultivar esa infelicidade como un ben e non unha desgraza.

Así, a infelicidade resulta ser un lugar no mundo, na vida, descrito de forma sobria no entorno da relación maternofilial, no que a primeira, complicada, especial, difícil, desconcerta a segunda, deixando ver unha historia de amor que é necesario comprender, e que aparentemente é tóxico, pero no que é obrigado tratar de descifrar o comportamento da nai, explosiva, atractiva, preocupada polas compras e os amantes... e tamén a perspectiva da filla, entregada e xenerosa, suave e dócil, que se desvive por mostrar de amor da nai... Un mundo e unha vida difíciles... comportamentos, reaccións... non é doado escapar das dificultades que enfronta o lector, da inclinación por unha das partes, da tristura e o dilema.

Imagen

Unha mínima infelicidade

Autor: Carmen Verde

Editorial: Aira

PVP.: 19 €

Nº de páginas: 144


De boca a orella

Na tradición de noso

María Navarro

A colección Canto, conto, conta de Triqueta Editora presenta Avoa, neto e burro, un conto de Caxoto que ofrece aos lectores e ás lectoras a posibilidade de recuncar nun texto quizais escoitado porque “os contos, antes de seren libros, eran palabras no ar que circulaban de boca a orella”, quen nos dera a moitos poder ler aquelas historias que os avós contaban para entreternos, quen me dera lembrar aqueles relatos que de nena me parecían longuísimos e que sempre ao final invitaban á reflexión. A boa literatura é aquela que nos fai pensar, que sementa nos receptores o desexo de saber, de saborear as verbas; os sons espertan os sentidos, a palabra escrita, a imaxinación.

Tres son as personaxes coas que se artella o texto e un home que actúa de antagonista. A avoa representa a sabiduría; o neno, a frescura da inocencia e o burro, o mundo animal e intercambiando os roles ao final do camiño os tres chegan ao mesmo punto de partida e coa lección aprendida.

O texto rimado e a repetición de determinadas estruturas imprime unha certa unidade ao relato, asegura a transmisión e invita os lectores a que implementen a narración ao mesmo tempo que vai propiciando a reflexión nun intento de comprender por que unha escena pode suscitar diferentes opinións e facer que se cambie de parecer como lle sucede a avoa, ao neto e ao burro que, oíndo o que outros pensan do seu proceder, mudan de forma de actuar.

Pola súa parte, a proposta plástica realizada por Cinta Arribas con suxerentes imaxes e unhas cores rechamantes que atrapan a atención dende o comezo permiten unha lectura enriquecida pola cotiandade que representan e tamén pola profundidade do que insinúan. Un conxunto, texto e imaxe, equilibrado digno representante dunha tradición contista de noso.

Imagen

Avoa, neto e burro

Autor: Caxoto

Editorial: Triqueta

PVP.: 16,10 €

Nº de páginas: 48

Suscríbete para seguir leyendo