Cinema

IA cinema 'in progress'

A gran pantalla desde o futuro

Fotograma de About a Hero (2023), de Piotr Winiewicz.

Fotograma de About a Hero (2023), de Piotr Winiewicz. / Arquivo

Avelina R. Gil

Durante os pasados 11 ao 14 de xuño tivo lugar na cidade de Barcelona a segunda edición do primeiro festival europeo de cinema xerado con intelixencia artificial. Nesta ocasión o propósito do +RAIN Film Festival de Cine e Inteligencia Artificial -en coordinación coa Universitat Pompeu Fabra e co festival Sónar da Cidade Condal- consistía na exploración e análise de novos modos de integración da IA nos procesos de creación e narración da industria cinematográfica. O evento contou nesta ocasión coa presenza de importantes personalidades das máis prestixiosas empresas do sector (META, Hugging Face, Netflix ou Stability AI, entre outras) e coa participación de máis de 200 filmes á competición dos que resultaron gañadores 512x512 de Arthur Chopin (Francia, 2023), Fried Egg, de Rucha Thigale (Reino Unido, 2024) e Morbo, de Jonas Sanson (Brasil, 2024). Todos eles francamente recomendábeis e dispoñibeis desde o 17 de xuño na plataforma Filmin para todos aqueles interesados no porvir da imaxe.

IA cinema in progress

Fotograma de "About a hero". / Arquivo

As reflexións sobre as sociedades de control, a crítica política ou as posibilidades do inconsciente estruturaron os interesantísimos debates arredor dos cales se articularon moitas das performances e das proxeccións que tiveron lugar durante o certame. De todas elas eu destacaría o filme de Piotr Winiewicz, About a Hero (2023). A fita, baseada na adaptación dun guión escrito por un tal Kaspar -unha IA adestrada a partir das obras do cineasta W. Herzog-, narra a historia dunha procura ao máis puro estilo proustiano. Comeza cando Herzog, pouco tempo despois de que o seu amigo Dorem Clery -supostamente- se suicidase por mor da súa substitución por unha máquina na empresa onde levaba toda a vida traballando, viaxa a Getunkirchen para investigar as estrañas circunstancias dunha desfeita evitábel. El será desde o inicio o narrador e protagonista que nos guiará ao longo do relato e dos acontecementos ulteriores. Mais nin Herzog nin a historia resultarán ser ao final o que semellan nin o desenvolvemento nos conducirá até unha solución previsíbel. About a Hero configúrase como unha especie de hibridación que entremestura unha sucesión de entrevistas reais a realizadores, filósofos e científicos auténticos cunha narración ironicamente autorreflexiva en que a voz narrativa aborda nocións tales como a orixinalidade, a autenticidade, a inmortalidade ou o que fica do corazón na era da intelixencia artificial.

Vínculo cos algoritmos

Resulta escusado dicir que a experimentación con esta nova ferramente denominada IA supón todo un desafío para moitos artistas visuais que como Fran Gas (Orihuela, 1984), un dos numerosos invitados aos coloquios, consideran finiquitado o seu anterior modus operandi. “Neste momento cómpre explorar novas vías de interacción co mecanismo”, sinalaba durante unha entrevista, “xerar outro tipo de relacións que nos permitan, nesta nova experiencia, discriminar a forza e o tipo de vínculo que desexamos manter cos algoritmos”. Para este director, editor, guionista e músico a fascinación desta maneira de traballar reside no factor inesperado que resulta da interacción entre humanos e computadoras. O que el denomina o paradigm shift da arte.

O futuro do cinema devén, ao seu xeito, un labirinto de interrogantes similares aos que presentou David Cronenberg en Videodrome (1983). Non se trataba de que o que o público visionaba carecese de sentido, senón que este estaba en construción, in progress, perdido nun limbo, nun universo virtual onde os espectadores tiñan que se transformar en detectives á procura de indicios que os axudasen a comprender as súas mutacións. De pouco serven hoxe en día aquelas teorías que nos invitaban a degostar imaxes. O que nos están anticipando os novos creadores e creadoras é que o cinema do futuro deixou de ser visual para acabar sendo experimental.

IA cinema in progress

Imaxe de "About a Hero". / Arquivo

Esperando por “B”

Seguramente un título destas características podería entenderse como unha homenaxe ao Waiting for Godot beckettiano. Mais a única similitude admisíbel entre a obra do Nóbel irlandés e o que a continuación imos detallar residiría na semellanza dos protagonistas. Por unha banda estarían as personaxes (cinco vagabundos-filósofos) ideadas por Beckett e, por outra, o grupo real de estrafalarios enxeñeiros encargados de elaborar un humanoide para un filme titulado “B”.

A noticia, publicada hai catro anos, de que Hollywood preparaba a primeira rodaxe de ciencia ficción interpretada por un robot conmocionou o mundo, pero sobre todo a min. A protagonista, Erica, unha moza robótica de 23 anos de idade, erixiríase naquel momento como a primeira femia -casualidade ou destino- capaz de traballar gratis para un proxecto valorado en nada máis e nada menos que 70 millóns de dólares. “O problema reside nestes momentos na total falta de experiencias vitais da nosa androide”, aducía Sam Khoze, o multimillonario fundador de Life Productions, en 2020. O que aquel anuncio sobre a produción do filme B tiña entón de mísil publicitario, teno hoxe Erica de alucinación, de problema insolúbel, até que alguén -o seu inventor Hiroshi Ishiguro, por exemplo- logre facela rir ou decidir como muller. Será nese momento cando a súa presenza entre nós atope un lugar e un sentido para deixar de traballar gratis.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS