Cultura e paisaxe

Dos lugares e das imaxes

Canal du Midi, de Henri Matisse (1898,  óleo sobre cartón,  Museo Thyssen-Bornemisza,  Madrid).

Canal du Midi, de Henri Matisse (1898, óleo sobre cartón, Museo Thyssen-Bornemisza, Madrid). / Arquivo

A paisaxe está de moda en todas as súas interpretacións: perceptiva, artística, funcional, de conservación, arquitectónica e cultural. Entre os numerosos eventos centrados na reflexión desta expresión do territorio, destaca O festival das Culturas da paisaxe que se celebrou en Italia no mes de maio. A cita foi en San Severo onde se reuniron, Palazzo Celestini, intelectuais e expertos do tema para reflexionar sobre o devir das culturas da paisaxe. E é que nesta diversidade cultural atopamos visións funcionais e outras máis mitificadas. Porén, independentemente desa consideración, non todo entorno é paisaxe e non todos os ollos observan paisaxe nos mesmos territorios. Porque como di Carl Sauer: “A paisaxe non é só un lugar, é tamén a súa imaxe”, e a imaxe sempre é un produto da mente.

Por iso é a subxectividade a que converte un espazo en paisaxe. E aínda que temos a tendencia a pensar só no tempo como evento subxectivo, o espazo tampoco ten unhas calidades únicas e universais. Por iso, a forma tamén é subxectividade, identidade e sensibilidade cultural. Considerando a percepción como un evento mental, resulta evidente que a paisaxe reflicte unha realidade interna e íntima, unha abstracción que se traslada dende a consciencia á percepción do externo atravesada pola nosa cultura. A paisaxe é así unha extraordinaria interacción entre o tempo e o devir das persoas e, por extensión, das comunidades.

Pero neste territorio no só se proxecta a natureza e as nosas fantasías sobre ela; tamén cadran os intereses humanos e a súa pegada, e existen serios riscos de que as ideas sobre a paisaxe sexan colonizadas polos intereses económicos dos diferentes actores. Hoxe a observación da natureza convertida en paisaxe é unha mercadoría cultural moi demandada nas sociedades desenvolvidas. Dende este lugar, a paisaxe tamén foi e é subxectividade, interpretacións do territorio ou do que podemos ou queremos ver do mesmo. Así a paisaxe sempre é construto cultural.

Relación home-paisaxe

Unha das variábeis que maior importancia ten na evolución desta subxectividade na relación home-paisaxe está no lugar que ocupamos nesta observación. Nun estudo, os investigadores ofrecían unha fotografía a dous grupos de suxeitos: un de indíxenas americanos e outro grupo de suxeitos occidentais. A cada grupo se lles pedía una descrición da foto. Os occidentais describiron a foto como “un home nunha canoa cruzando un rio”. Os nativos dese lugar describiron a imaxe a partir do rio e a vexetación do entorno, sendo o home un elemento máis da descrición da paisaxe. Pode, entón, que nos confundísemos coa natureza ata épocas non tan remotas. En realidade, a maior parte da historia da humanidade transitou a través dunha relación doce coa paisaxe, cunha intervención que non restaba protagonismo á natureza. Poboábanse as ladeiras con construccións con materiais propios do entorno, emprazábanse templos e igrexas en espazos máis elevados, separábanse os territorios con muros de pedra, construíanse muíños movidos pola forza da auga e tallábanse zonas baixas para cultivos e árbores axeitadas nos ecosistemas. As persoas adaptábanse ao territorio, e nesta adecuación creaban paisaxe. Pero estes equilibrios cambiaron radicalmente a partir do século XX.

O estudo da paisaxe é hoxe unha tarefa esencial na ordenación dos territorios. A idea de paisaxe como un ente que inclúe suxeitos coas súas aspiracións funcionais e estéticas no seu ecosistema é o resultado dunha longa evolución. A concepción da paisaxe evoluíu dende unha visión externa ao observador á unha construcción dinámica. Foi necesario investigar moitas realidades perceptivas de comprensión e formulación de sentidos. Visións estéticas como as dos artistas, onde o pensamento e a imaxinación se confunden para crearen arte da paisaxe. Pero tamén atravesamos a visión formal biolóxica e xeográfica dos xeógrafos abordando as características físicas, entre outras. Todo foi necesario para atopar unha psicoloxía ambiental que observa a materialiación dos proceso naturais e a actividade humana. Un encontro entre as dúas naturezas: a biolóxica e a cultural, en permanente intercambio. Parece que albiscamos un camiño para resolver o desencontro entre o home e a paisaxe.

Suscríbete para seguir leyendo