Para saber de nós

50 anos da Gran Enciclopedia Gallega

Tomos da Gran Enciclopedia Gallega.

Tomos da Gran Enciclopedia Gallega. / Arquivo

Eu tomei conciencia de país coa Gran Enciclopedia Gallega (1974). Entre as mans, noviñas coma de primeiro de ano, collía un tomo calquera. Pasmábame cos meus ollos impúberes ante as fotos e letras dunha terra por descubrir: “Non digas que Galiza é pequena; Galiza é un mundo”. E ese mundo abríase ante min grazas aos meus pais. Eles dispuxeron os libros ao alcance dos fillos. Nunha casa sen apenas tradición letrada nin literaria, a biblioteca fíxose ao ritmo dos estudos dos meus irmáns.

A Gran Enciclopedia Gallega situouse nun moble do salón esquina sofá. Nesta época sen mandos a distancia, apañaba un tomo namentres engulipaba eternos anuncios pola simple preguiza de non erguerme. Prefería abrir unha páxina pra distraerme, embrullado na fantasía, nas fotos dun país lonxincuo, case exótico, para o meu cotián urbano. A enciclopedia apreixábame mesmo dende o tacto da folla satinada, distinta do libro escolar, a feitura das capas de intenso vermello polas cales pasaba a man coma quen quixer lustrar o escudo da nosa terra gravado na tapa.Paxaros, mamíferos, herbas, castelos, caricaturas, casoupas, heráldica e onomástica, barrios industriais, debuxos dos apeiros de labranza e artes mariñeiras, voutas monacais e barroquísimas fachadas, esculturas de pedra labrada e tellados de lousa, instrumentos de coiro e buxo, prendas de liño e zocas de amieiro, barcos da emigración e o neno bagullando arrentes dun pai choroso...

Coma Cunqueiro fixo ante o mapa de Fontán, eu perseguía o curso dos ríos entre vales na cartografía de cor parda chea de cotos, regueiros finísimos e cumes de altitude certa. Descubría árbores con múltiples nomes en galego, a biografía de fulano de tal ou sinónimos de peixes que na miña casa sempre estiveron presentes, pra felicidade do meu avó mariñeiro do Berbés no Ghran Sole e desgusto deste seu neto repunante de tanta espiña na boca.

Retallo dun mapa de Galicia (século XVII).

Retallo dun mapa de Galicia (século XVII). / Arquivo

Silverio Cañada foi o impulsor. Apalillou unha manchea de colaboradores sob coordinación de Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández del Riego e Basilio Losada. Unha congregación de mentes a disposición dun proxecto común dirixido por Ramón Otero Pedrayo, autor do prólogo Espranzas alboreiras coma mandato pras xeracións posteriores.Esta ambiciosa proposta educativa, sen axuda pública, fíxose posible grazas a unha masa social demandante do saber, que rondaba por editoriais na procura de libros de nós e asociacións culturais de poder mobilizador e discurso emerxente (lémbrese a heroica Asociación Cultural de Vigo, fogar común da resistencia antifeixista malia a espreita da brigadilla).

Silverio Cañada.

Silverio Cañada. / Arquivo

Unha enciclopedia en castelán. A versión galega é de 2003, con Benxamín Casal. Mais hai medio século o discurso arredor do idioma era rotundo. Tanto como a definición do castelán como “lingua colonial”. Tanto como facelo “sangue da nación”. Porque todos os tomos galvanizáronse (maior ou menor espesor) cun mirar nacionalista.

Descubrir o país

Descubrín o país entre letras e fotos. Despois visitei lugares, pronunciei en alto os topónimos (gústame cando vou ás San Lucas de Mondoñedo: Galgao, Sasdónigas, Cadramón, Zoñán...), chimpei por terras castrexas ou molleime nas augas de Ribadeu a Muros. E tras medio século, aínda tomo os exemplares, agora que xa existen mandos e centos de canles dixitais, para descubrir sempre algo novo.

Confeso certa saudade dos ollos daquel pícaro que fun, da inocencia e do maxín infantil. Pro tamén boto en falta, nesta era de extrema virtualidade, a colección por fascículos. Os domingos meu pai mercaba a primeira hora FARO DE VIGO, nun pequeneiro quiosco de barrio rexentado por dúas irmás cuspidiñas e sito na subida de Tomás Paredes, Coia. Ao erguerme almorzaba pasando as páxinas daquelas entregas que esculpían o corpo do país: Historia de Galicia; Mitos y leyendas; Guía de la naturaleza de Galicia; Geografía de Galicia; Fauna y flora... Coleccionaba en varios tomos co propósito, nunca feito, dun día encadernalos con xeito. Aquelas iniciativas contaban co apoio da Xunta ou da obra social das caixas. Hoxe nin unha nin a outra. E nas casas hai cada vez menos libros a disposición da cativada. Triste, pero reversible realidade.

Suscríbete para seguir leyendo