“Monstro delicado: come chocolate”

Roberto Sobrado, militante e sólido

El músico Roberto Sobrado.

El músico Roberto Sobrado. / FdV

V. Neira

Hai músicos neste país de noso que medran ano tras ano, e disco tras disco, dun xeito tan chamativo como vén selo asemade de exponencial a súa querencia por darlle as costas a absolutamente todo canto teña que ver con modas ou estéticas apegadas ao que digan, e dicten, as tendencias do momento. Así coñecemos, e desde hai xa un bo monllo de anos, un cantautor do Carballiño de nome Roberto Sobrado. Daquela facíao cunha guitarra ás costas e sachando no rego da canción de autor, ou se queredes máis de libro, e cargado con todas esas referencias claras que a todos nos virían á cachola de contado. Pero o tempo vai pasando e da súa etiqueta de cantautor igual nada máis resta xa que el mesmo: efectivamente, canta o que escribe. Así foise “rockerizando”, por dicilo dalgún xeito, e facéndose acompañar, cada vez máis, por músicos con instrumentos eléctricos até chegarmos, entón, ao seu recentísimo novo disco "Monstro delicado".

Pois é o caso, entón, de que Sobrado vén axeitar outra volta de parafuso no seu persoal xeito de entender unha carreira musical. E faino ao abeiro dunha banda de rock que defende cancións nas que pasan tantas cousas que a etiqueta fai combustión entre pingas de blues, de pop e incluso de electrónica. Mais faino así mesmo todo coa poética vital do cantautor, agarrando desde o pescozo e contando cousas desas que tamén dan que pensar. "O Monstro delicado" de Sobrado vístese, daquela, con nove cancións que se fan gozosas nas súas sonoridades e no seu concepto despistado e desprovisto de liñas marcadas. Cancións que falan, e contan, esas cousas que o Sobrado quere contar, importándolle ben pouco o que nós pensemos ou valoremos. Pezas dinámicas, por momentos con moita retranca e moito aquel pero tamén con esas pequenas maldades que ás veces até nos pode doer pensar nelas.

"E así é, claro, un facedor de cancións que continúa o seu camiño, alleo a todo ese ruído que a popularidade proporciona"

“Encantariame ter millóns de escoitas nas plataformas, ter un número un e tocar en todos os festivais pero non nos imos enganar xa que eu estou agochado na trincheira, sempre estiven nela e ben a gusto que estou aínda” díxonos o outro día nunha conversa mentres lle falabamos do disco, da vida e da música. E así é, claro, un facedor de cancións que continúa o seu camiño, alleo a todo ese ruído que a popularidade proporciona mais, iso si, con todo o éxito acadado no feito creativo de seguir a facer moi bos discos e moi boas cancións. Xa que logo, "O Monstro delicado" vén resultar iso mesmo: nove moi boas cancións que gozaremos todos aqueles que caiamos no seu mundo sen máis pretensións que deixarnos aloumiñar por unha das voces máis particulares, teimudas e francas da nosa escena.

Préstanos escoitalo e máis nos presta aínda sobre todo sabermos que sempre está aí, percorrendo ese camiño da canción, sólido, militante e cargado de honestidade. Porque, ao cabo, o “monstro non é tan delicado”, tampouco é exactamente unha banda de rock nin un cantautor. É Roberto Sobrado, un tipo do Carballiño, facedor de cancións.

40 anos de "Born in the USA"

Born in the USAvén de 40 anos. Tratábase do sétimo disco do rockeiro de New Jersey, e por aquela altura dos oitenta non se contaba con el para devir un dos referentes do mainstreen máis global e comercial e cun éxito tan contundente. Springsteen viña de asinar catro xoias seguidas: o excelente e vitamínico Born to Run (1975); o cremoso, mellor e mellor cantado da súa carreira, Darkness on the Edge of Town (1978); o vital e intenso The River (1980) e o fantástico, espido e intimista Nebraska (1982). E aquí chegou con aquela colección de cancións que, se ben non perdían case nada da firma máis auténtica do xefe, si que se enredaban nunha sorte de melodías e retrousos tan rutilantes e pegañentos que de súpeto puxeron o músico a botar por fóra en estadios de todo o mundo. Coa bandeira americana de fondo, a gorra de beisbol vermella metida nun dos petos traseiros do vaqueiro e unha postura que deu para varias e ben diferentes interpretacións, aquela portada fíxose tan universal como a maioría das pezas ás que daba abeiro. Por momentos achegado ao pop, con balas tan certeiras como a delicada e inesquecible Dancing in the dark, e por momentos rouco e obstinado, cunha E Street Band épica e luminosa. Con cancións tan fantásticas como I´m on fire, Glory days ou a tremenda “I´m Goin’ Down, o Boss colleu dunha man o éxito como compositor e da outra o suceso popular, cousas que case sempre maridan mal ou fatal. O disco tamén nos mostraba un Bruce máis politicamente comprometido e unha porta aberta á súa maneira futura de entender o rock dende aquela. Hai veces que na música tamén podemos aplicar aquilo de que se algo lle presta a corenta millóns de persoas, podemos concluir que non poden estar todas equivocadas. Born in the USAé un discazo para calquera que lle botara unha escoita nestes últimos 40 anos: para o máis duro, para o máis avelaíño e incluso para o máis punki da clase.

Suscríbete para seguir leyendo