Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados desta semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados desta semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Fóra de xogo

‘Ubi sunt’ os reis do ‘noir’

Iago Fernández

 Actualmente é difícil que unha novela negra ofreza atractivos literarios significativos, pois o xénero admite tantas licenzas e clixés, que as posibilidades creativas son meramente combinatorias. A fórmula por excelencia consiste en situar un crime nun contexto inesperado, subliñar as particularidades humanas do protagonista e referir colateralmente asuntos polémicos. No litoral sur da costa atlántica, o contexto inesperado acostuma a se traducir nun localismo folkie descafeinado, mentres que o personaxe protagonista e os asuntos polémicos, dende a publicación de O gardián invisible, de Dolores Redondo, consenten un algo máis de elasticidade. En As vidas do río, os crimes acontecen en Pontevedra durante as celebracións da Semana Santa. O protagonista da trama vén ser un policía de dureza basáltica pero con toques de humor e tormento. E os asuntos polémicos (economía, sexo ou corrupción) amenizan o tour de rigor por distintos espazos sociais.

Teixeira Rodríguez pertence a esa subcategoría de escritores de xénero que escriben cunha prosa impersoal e rigorosa, ao estilo de Dennis Lehane ou Lorenzo Silva. Non obstante, o estilo, no caso de As vidas do río, non é o suficientemente burocrático como para soster capítulos de dez páxinas durante unha novela que se achega ás trescentas. Un dos trazos de estilo máis recorrentes é o de interromper os periodos con frases telegráficas que lle outorgan ao texto unha sorte de énfase tonal, coma: “Saíndo non esqueceu o teléfono. E pulsou o derradeiro número que o chamara” (páxina 1) ou “A outra debía ser a letrada xudicial. Non errou” (páxina 9), etcétera. O trazo, ao se empregar de xeito tan recorrente, remata por tornar un síntoma paródico. Ao mesmo tempo, o estilo e a lonxitude dalgúns capítulos priva As vidas do río dunha das principales virtudes da mellor novela negra contemporánea: unha construción dabondo áxil e certeira como para obviar a planitude e os artificios propios do xénero e se centrar no desenvolvemento dunha trama chea de puntos de xiro e momentos climáticos nos que se aventurar a un despregamento estilístico.

Na era do true-crime, cando un produto de xénero noir, literario ou audiovisual, non ofrece ningunha novidade formal nin garante unha lectura estimulante, só satisfará, en consecuencia, un público transixente ou omnívoro. Dito doutro xeito, na era do true-crime, un produto de xénero noir non pode prosperar á marxe de True Detective nin das novelas de Nesbo ou Domingo Villar. A única alternativa é pertencer ao exclusivísimo club de novelistas de xénero que destacan pola súa elevada calidade literaria, coma Umberto Eco. Pero iso xa nos parece cousa doutro tempo.

Imagen

As vidas do río

Autor: Xulio Teixeira Rodríguez

Editorial: Galaxia

PVP.: 19,47 €

Nº de páxinas: 272


Ao abeiro da palabra

Contra o caótico, a beleza

Fabio Rivas

 “A beleza é, en moitos sentidos, unha dimensión indispensable para os seres humanos (e se callar para os animais), unha necesidade universal, aínda que a resposta ante ela sexa moi diferente segundo as épocas, os grupos culturais, as categorías sociais e o individuo”.

Para a composición deste Os libros e a beleza, a antropóloga Michèle Petit (París, 1946) reuniu algúns dos seus artigos de investigación que afondan, con meticulosidade, desde a propia experiencia que proporcionan décadas de traballo e a óptica de testemuños reais e alleos a ela, nunha amálgama de materias que ben podemos agrupar empregando como hiperónimo o seu subtítulo: somos animais poéticos. Dun xeito ou doutro, Petit reitera no groso do ensaio unha reflexión que reclama os libros como lugar de refuxio, de protección contra o conflito, un abeiro que non só se limita ás persoas, senón que tamén abrangue as culturas, os espazos e, por suposto, as linguas minorizadas e a súa supervivencia. Ademais, resulta inevitable vencellar a obra con Ordine e o seu A utilidade do inútil, publicado na nosa lingua tamén por Kalandraka, xa desde o preámbulo, toda unha alegación sobre a necesidade de revolver no siso á procura dunha beleza que, desde un punto de vista económico, é improdutiva e, xa que logo, innecesaria.

Por outra parte, durante a súa lectura tamén lembrei decote, e ademais con moito agarimo, o ensaio de Marta D. Riezu, Agua y jabón. Nalgún punto do inicio, Riezu fálanos dun método co que te aproximares a futuras lecturas coa certeza de evitar o que ela denomina broza. Dálle o nome de eslavóns e consiste en ler obras que cheguen a ti a partir de recomendacións e citas dun autor ou autora que che sexa de agrado.

Pois ben, Os libros e a beleza ofrécenos xenerosamente un atinado banquete de referencias bibliográficas que, as máis delas, seguindo os puntos traballados por Petit, poñen o foco no labor da literatura, e de novo da arte en xeral, como medio necesario para afrontar as situacións de adversidade, de calquera natureza e condición.

Imagen

Os libros e a beleza

Autor: Michèle Petit

Editorial: Kalandraka

PVP.: 15,20 €

Nº de páxinas: 216


O fracaso dun matrimonio

Intensos diálogos

Estro Montaña

Hugin e Munin vén de publicar A traizón de Amalie Skram, traducida pola sueca con pasaporte español e exprofesora da Universidade de Vigo Marta Dahlgren e por Alejandro Tobar. Trátase dunha novela na que hai elementos que comparte a autora (Bergen, 1846) con Ory, a protagonista feminina, xa que ambas casaron novas cun capitán de barco bastante máis vello ca elas. E coinciden as dúas en viviren un matrimonio complicado no que as infidelidades ocupan un lugar central. Adolphe Riber e Ory casan cunhas esperanzas moi distintas nesa unión e, a medida que transcorre o tempo, as discusións medran ata acadaren momentos de gran virulencia. O lector asiste a reunións sociais e á vida nun barco no que se producen escenas de gran tensión, nas que agroma unha violencia dialéctica importante e na que non faltan comportamentos agresivos sorprendentes. Os admiradores de Alberto Moravia atoparán aquí un fracaso semellante ao que se produce entre a Emilia e mais o Ricardo de O desprezo.

A traizón é unha novela áxil, con diálogos intensos e situacións inesperadas, que representa o distinto rol que no sistema do século XIX nunha cidade situada no corazón dos fiordos desempeñaban as clases sociais e os sexos. Os reproches, a incomprensión, a desconfianza, lembran a aquel grande axitador escénico que foi o Ibsen de Casa de bonecas. Obra pesimista, marcada por un naturalismo rupturista, describe a vida a bordo dun mercante noruegués con detalle e coñecemento.

A tradución ao galego deste relato é a primeira que se fai nunha lingua peninsular, o que nos permite coñecer unha autora de escaso éxito no seu tempo, pero considerada hoxe no país de orixe un referente do feminismo e da renovación literaria no final do século XIX.

Imagen

A traizón

Autor: Amalie Skram

Editorial: Hugin e Munin

PVP.: 15,50 €

Nº de páxinas: 160


Grolos de vida

Das músicas de Manuel María

María Navarro

Os Carunchos celebran trinta anos de ruta e alegría con Unha gorxa chea de paxaros, un libro-disco no que cantan a Manuel María que, en palabras de Xurxo Souto, son “trece grolos de auga fresca, para nos dar máis vida” que veñen a amosar non só a actualidade dos seus versos senón tamén a reafirmar a idea de Celso Emilio Ferreiro de que a poesía naceu para ser cantada. Ao comezo e a modo de prólogo “Unha viaxe polas músicas de Manuel María” asinado por Xurxo Souto convértese nun canto ledo e animado ao mesmo tempo que constata que o seu labor ten sido unha forma de resistencia cultural que preserva a identidade do pobo galego e que con arraigo no pasado ten evolucionado co tempo porque o que é xenuíno, fiel ás raíces e comprometido coa visión artística, cultural e social nunca esmorece.

Que dicir dos poemas de Manuel María? Que son frescos, sentidos, sinxelos, emotivos. Son expresión artística que provén do corazón e que resoan con autenticidade nos receptores, de aí a súa popularidade e acollida por parte de grupos, colectivos e cantantes de dentro e de fóra do País que non dubidaron en tomar os versos e creacións do poeta da Casa de Hortas para compoñer o seu repertorio musical como agora o fan Luís, Pablo, Isaac, Alberto e Juan.

Ao remate dos poemas, e a modo de epílogo, Xaneco Tubío toma a palabra co obxectivo de parabenizar a traxectoria musical do grupo e no texto que titula ‘Sempre están aí’ percorre dunha forma singular os espazos, os momentos significativos, os fitos e os autores que musicaron ao chairense, sempre á procura da esenza da nosa tradición e levados pola querenza á lingua e á cultura de noso.

Unha referencia á discografía de Os Carunchos e uns agradecementos a aqueles que dalgunha maneira formaron e forman parte do seu proxecto musical e vital pechan o volume que Edicións Xerais de Galicia vén de publicar para disfrute de lectores e de ouvintes.

Imagen

Unha gorxa chea de paxaros

Autor: VV.AA.

Editorial: Xerais

PVP.: 18,95 €

Nº de páxinas: 72

Suscríbete para seguir leyendo