Música

Honrar o defunto; deleitar o ouvinte

Coas notas do 'Réquiem' de Mozart

Tom Hulce (Mozart) e F. Murray Abraham (Salieri) en 'Amadeus' (1984).

Tom Hulce (Mozart) e F. Murray Abraham (Salieri) en 'Amadeus' (1984). / Arquivo

Hai unha condición común a todos os seres vivos: a morte. E no caso dos humanos, tal circunstancia adoita ser cerimoniosa, en maior ou menor medida, a prol da memoria do finado. Xa na cultura cristiá, á que pertencemos aínda que non sexamos crentes, o tránsito ao alén ten unha especial transcendencia, moitas veces realizada cun oficio de defuntos. Cando este comezou a ter certa solemnidade, no século XV, adquiriu a forma de misa cantada ao dar paso o canto gregoriano (que executaba a monodia do Requiem aeternam) para a polifonía, nomeadamente na escola franco-flamenca: Ockeghem ou Desprez. Entre nós, as misas renacentistas de T. L. de Vitoria, C. de Morales ou F. Guerrero.

O Concilio de Trento estableceu o canon das misas; entre elas, a de defuntos. Foi sobre esta base que os compositores barrocos estruturaron os réquiems, xa con acompañamento musical e unha intención moito máis marcada de establecer un clima de temor ao alén e ao castigo coa honra a reis e persoeiros. Ou, simplemente, un oficio de defuntos para uso monástico, como sería o caso de misa de Joan Cererols. No caso de Inglaterra, sen o mandato de Trento, as composicións funerarias non foron misas senón responsos cantados, como os de H. Purcell para a raíña María (e que foron recuperados para o funeral de Isabel II).

Rachando o canon

Co Barroco, chegou a explosión das composicións funerarias cos mestres de capela de bispos e de reis. Francia, Italia, Alemaña, Austria, Portugal e, en menor medida, España e Bohemia foron berce de réquiems inesquecibles, algúns –como o de Jan D. Zelenka en C menor– dunha modernidade que rachaba as pautas estritas do canon. Esta tendencia, vinculada indefectiblemente á Igrexa e aos oficios relixiosos, tivo unha ruptura co encargo que o conde Walsegg fixo a W. A. Mozart para honrar a memoria da súa muller. Traballo que quedou inacabado pola morte do compositor se ben foi completado por dous dos seus colaboradores.

Agora temos un espléndido estudo sobre a xénese desta obra e do seu impacto na Europa dos anos seguintes, máis concretamente en España. Miguel Ángel Marín vén de publicar El 'Requiem' de Mozart (Acantilado), cunha magnífica introdución de Juan José Carreras. No caso que nos ocupa, por primeira vez se daba unha conxunción entre un músico vinculado a círculos masónicos e mais o encargo dunha misa.

Imagen

El Requiem de Mozart

Autor: Miguel Ángel Martín

Editorial: Acantilado

PVP.: 26 €

Nº de páginas: 512

Marín sitúa con documentada precisión como o Réquiem de Mozart transcendeu inmediatamente o ámbito privado do conde Walsegg para ser publicado en Leipzig: a partitura viaxou por Europa adiante pola súa calidade musical, acompañada polo mito do emisario secreto que fixo o encargo e mais a morte do compositor. Pero a súa chegada ao público non foi xa nun recinto relixioso senón principalmente en salas de concerto. Unha obra –como tantas outras de Mozart, como as súas óperas– que sobrevivían á irrupción da música romántica, con Beethovern á cabeza, e facían que por primeira vez un compositor non pasase de moda.

Daquela, era prestixioso posuír unha partitura do Réquiem de Mozart en canto significaba para o defunto –e para o propietario– arte, poder e mito. Obviamente, non sempre era posible executalo coa grandiosidade pensada polo compositor de Salzburgo e por iso en moitas catedrais fixeron versións axustadas a cadansúa posibilidade musical. Ao longo do século XIX, o Réquiem de Mozart foi a composición por excelencia para honrar relixiosos e segrares de certa relevancia, en igrexas ou fóra delas. Tamén outras composicións funerarias pasaron dos templos ás salas de concertos: os réquiem de Verdi, Berlioz, Von Soupé, Saint-Saëns ou Fauré, por exemplo. Aínda máis: con Un réquiem alemán, J. Brams deixou a letra da misa en latín para facer unha cantata oratorio con textos bíblicos na versión alemá de Lutero. E foi así ata a reforma litúrxica do papa Pío X, en 1903.

Xa no século XX e en clave laica, proseguiu a composición de obras que honrasen a memoria dos defuntos, de acordo cos estilos musicais de cada tempo: O. Balakauskas, B. Britten, H. Brough, E. Rautavaara, J. Rutter, R. Sales Arantes, P. Sorozábal,M. Theodorakis,A. Ll. Weber, P. Gulick ou Ll. Llach.

Honrar  o defunto;
deleitar o ouvinte

Fachada da catedral de Mondoñedo. / Arquivo

En Mondoñedo

Aparentemente, Galicia estivo ausente das celebracións funerarias institucionais máis alá das propias das dioceses cando falecía cadanseu bispo ou outras persoas destacadas. Habería obviamente misas e oficios de defuntos cantados, como as sete Lamentacións compostas por frei José de Vaquedano no século XVII. A primeira influencia mozartiana aparece na Misa de Réquiem de Melchor López (editada en 1987), que coñecera a obra do austríaco cando estivo en Madrid antes de residir en Compostela para exercer de mestre de capela. Esta obra, composta en 1799, foi executada ata 1903, cando a reforma litúrxica ditada no Motu proprio de Pío X a retirou.

Pero unha partitura do Réquiem de Mozart xa estivo presente na catedral de Mondoñedo, con outras obras súas como o Miserere KV85 e o Are verum corpus. Foi por doazón feita polo mestre de capela José Pacheco –que a herdara do mindoniense José María Luaces (morto en 1830)–, autor dun Oficio de Difuntos (1832) e dun Miserere e profesor de Pascual Veiga. Despois de 1875, Xoán Montes compuxo Oficio de defuntos e misa de réquiem (edición de 1992 e no repertorio do grupo lugués Solo Voces). Finalmente, a primeira execución en Galicia do Réquiem de Mozart documentada foi a que tivo lugar en Ferrolen memoria dun xeneral apelidado Ochoa en 1892.

Suscríbete para seguir leyendo