Música

Dona das artes, dona da música

Conversas con Rosa Fernández García

A musicóloga Rosa Fernández García.

A musicóloga Rosa Fernández García. / Román Padín Otero

Román Padín Otero

Resulta apaixonante coñecer a vida, dedicada á música, da ponferradina Rosa Fernández García, catedrática no Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela. De mociña estudou piano en Ponferrada e ía a León para facer os exames da carreira no Conservatorio Superior. Facía esas probas por libre coa supervisión da pianista Mari Carmen Mata quen, segundo recorda a propia Rosa, era recoñecida polo suceso que tiñan os estudantes que acudían ás probas, preparados por ela. Naqueles anos a nosa protagonista apreciaba moito a música de Mozart e Verdi ao tempo que xa ía construíndo asemade a gran fascinación da súa vida que é a música contemporánea. Ademais ela subliña a súa querencia por Richard Wagner.

Estudou a carreira en Oviedo onde se licenciou en Musicoloxía. Logo a investigación levouna a Barcelona onde fixo unha tese sobre o compositor de música contemporánea Joan Guinjoan. Despois de pasar pola capital catalá e por Madrid para facer investigacións, gañou unha praza de catedrática de instituto en Galicia. Daquela empezou o idilio de Rosa coa súa segunda terra.

Tras unha estadía en Lugo, puido trasladarse a Santiago –hai xa varios lustros– e dedicarse a puxar pola paixón das novas xeracións nos eidos da música clásica, en xeral, e a lírica en particular. Ela conta con honra como os seus alumnos viaxan aos teatros franceses e italianos en viaxes de fin de estudos para veren representacións de ópera e concertos.

As marabillosas sorpresas intelectuais con Rosa aparecen cando afonda na explicación da importancia dos compositores contemporáneos como Cristóbal Halffter ou Carmelo Bernaola, dos que asevera a necesidade de seren programados, de facer con eles musicoloxía na praxes para evitar os baleiros culturais e mais os esquecementos creativos. Salienta tamén a enorme aportación de Teresa Berganza na interpretación literal das partituras. E subliña a necesidade de protexer a música dos nosos días, o latexo dos nosos contemporáneos.

Escena galega

Nun intre da conversa cita o aforismo “a cidade farate libre”, pensando certamente na ágora onde xorden as dialécticas e onde se atopan os grandes centros culturais e musicais que evocan asemade os seus anos de estudo e visitas ás bibliotecas e arquivos de teatros. Dende La Scala de Milán até a Ópera Garnier en París, todo iso ten evidente presenza no seu discurso. Xa canto a escena galega, salienta a importancia internacional de Diego García, o director de orquestra nado en Escarabote e que traballa na actualidade nos mellores teatros do mundo. Salienta asemade o compositor Eduardo Soutullo quen ven de gañar o premio nacional de música no 2023.

Nunha das súas múltiples estadías alén das fronteiras galegas e españolas, Rosa foi titular da praza de música no Colexio Español de Andorra. Este dato é destacable pois o seu próximo proxecto está vencellado a esta institución dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores e do Ministerio de Cultura que manteñen colexios españois en Londres, París, Roma, Andorra e Lisboa.

E Lisboa vai ser, xustamente, o seguinte proxecto de Rosa, pois vén de gañar a praza de profesora de música no Colexio Español Giner de los Ríos da capital portuguesa, o cal lle permitirá non soamente poñer en práctica o seu coñecemento de portugués, que é preceptivo para a posición. Tamén prepara xa colaboracións coa Fundacón Gulbenkian onde Joana Carneiro apoia arriscados proxectos musicais e de investigación. En fin, este e próximo outono impartirá no Teatro Real de Madrid un curso sobre Protagonistas de ópera, as compositoras e as directoras de escena.

Rosa Fernández é académica correspondente da Real Academia de Belas Artes de Barcelona onde entrou cun discurso sobre os compositores de música contemporánea. Desa experiencia como académica salienta sobre todo o poder ecuménico das artes e a axuda do protocolo institucional para a preservación e mellora do mundo das ideas e do universo da razón.

 A musicóloga Rosa Fernández García.  Na imaxe pequena,  sala da Real Academia  de Belas Artes  de San Fernando.  |  FOTOS:  R.P.O. / ARQUIVO

Sala da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. / Arquivo

Académica correspondente

Este ano 2024, Rosa Fernández foi nomeada académica correspondente na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Desta volta non houbo discurso de entrada pero si un acto institucional no que recibiu un documento acreditativo, e puido compartir mesa e mantel no Casino de Madrid cos outros académicos e académicas.

A musicóloga centra o seu traballo e salienta as investigacións de varias estudosas como Belén Pérez Castillo, Begoña Lolo e María Encina Cortizo, das que admira a súa capacidade innovadora e compresión da escena de hoxe. Nunha nova actividade, Rosa é a consultora da programación da Real Filharmonía de Galicia: situación que que permite, ademais de escoitar unha excelente selección musical arredor dun leitmotiv, dar a coñecer as composicións de moitas compositoras e compositores esquecidos. As tempadas coordinadas por Sabela García Fonte son, sen dúbida, da preferencia de Rosa, quen tamén colabora coa Sinfónica de Galicia.

Esa actividade de escribir os programas de man e consultar sobre as programacións chámase en Alemaña dramaturgo. Pois dramaturxia da boa é o que nos aporta a cultura infinita desta dona das artes, traballadora infatigable para facer un mundo mellor por medio da música.

Suscríbete para seguir leyendo