Entrevista | Manuel Esteban Escritor

“Confeso que lle teño medo á intelixencia artificial”

Manuel Esteban, estes días en Vigo.

Manuel Esteban, estes días en Vigo. / Eli Regueira

Conectados ao gran computador central da compañía Escher, millares de seres humanos experimentan mútiples vidas, indistinguibles da vida real. Pero no xogo de Escher algúns xogadores conseguen chegar máis alá das apariencias... Eis o punto de partida da nova novela do escritor vigués, publicada por Xerais.

–Hai uns anos, cando estaba a publicar Vde. a súa segunda, ou terceira, novela, declaraba que “aínda non lle quedaba ben axustado o traxe de escritor”. O xogo de Escher é xa a súa quinta entrega. Supoño que ese “traxe de escritor” xa lle queda a medida...

–A esta altura aínda non sei moi ben que é ser escritor. Estou seguro de que cada lector agocha un escritor no seu interior. Se estamos a falar de publicar os textos que un escribe, e que eses textos atopen acubillo entre lectores e críticos entón, si, claro, xa son ese escritor. Pero, no fondo, sigo a sentirme como aquel neno lector que só escribía para ensaiar o mundo, para xogar.

Imagen

O xogo de Escher

Autor: Manuel Esteban

Editorial: Xerais

PVP.: 17,50 €

Nº de páginas: 104

–O certo é que aínda segue exercendo a súa profesión.Porén, publica Vde. unha novela cada ano ou cada dous anos. De onde saca o tempo?

–Son profesor e pai de dous fillos. Pola noite, cando a casa queda tranquila e todos dormen, é cando atopo a ocasión de poñer ese traxe de escritor. Supoño que é unha forma de evasión, como a televisión ou os videoxogos. No fondo, escribir para min é unha necesidade, así que o tempo sae de todo o demais, do que non necesito.

– En O xogo de Escher dá un novo xiro na súa traxectoria literaria, como tamén o foi a súa novela anterior, O Setestrelo. Desta volta, preséntanos unha distopía de ciencia ficción. Como xurdiu esta historia ou, como adoita dicir, este “xogo” que Vde. propón no libro?

–Vivimos tempos estraños. A liña que separa unha fotografía dunha imaxe xerada artificialmente acaba de borrarse case por completo. Xa non somos quen de distinguir entre un vídeo real e un deepfake. Entre un texto xerado por un humano ou por unha máquina. Acabamos de atravesar, ou estamos a facelo, esa singularidade que Turing, o pai da informática moderna, propuxo hai anos: o intre no que un ser humano non sexa quen de saber se está a falar cunha máquina ou con outro ser humano. A idea para o libro resultou, entón, inevitable por obvia: e se a realidade enteira, isto que chamamos vida, chega a volverse indistinguible da ficción? E se xa estamos nese punto pero non o sabemos, precisamente porque non somos quen de distinguilo?

–A diferenza da utopía, na distopía digamos que hai unha probabilidade de que o que se conta se convirta en realidade, para ben ou para mal. Deulle por imaxinar que faría se fose un xogador de O xogo de Escher?

–Non exactamente. Pero si que me deu por pensar que non temos maneira de saber se estamos nun xogo indistinguible da realidade ou non. E a conclusión á que cheguei foi que, en realidade, tanto ten: cando a vida é indistinguible dun xogo, entón a vida é un xogo. Pero é que cando un xogo é indistinguible da vida, entón o xogo é a vida mesma.

–Hainos que opinan que, en moitas ocasións, contense máis verdade nunha novela fantástica que noutras que pretenden ser realistas. Está Vde. de acordo? Tamén se podería aplicar a O xogo de Escher?

–O que permite a narrativa fantástica, ou distópica, é forzar os paradigmas. Levalos a extremos nos que a realidade non adoita probalos. Desde ese punto de vista, O xogo de Escher permite, por exemplo, deixar o lector espido fronte ao sentido da vida. Baixo a premisa de que non podemos distinguir a realidade dunha partida, o lector vese atrapado nun xogo de espellos, de perspectivas imposibles, no que non pode estar certo de nada e do que non hai maneira de saír. Eu non propoño ningunha solución a ese dilema. É o lector o que debe tirar as súas propias conclusións.

–Na presentación do libro en Ribeira, Fran Alonso, director de Xerais, dicía que apreciaba nesta novela influxos literarios, pero tamén influxos cinematográficos e incluso de series de televisión. Que autores e que obras foron as súas referencias para escribir O xogo de Escher?

–O meu xogo bebe, efectivamente, de moitas fontes. Poderíamos dicir que é unha adaptación moderna do mito de Er. Tamén son recoñecibles influxos de clásicos como Calderón de la Barca, porque, no fondo, os seres humanos levamos toda a vida facéndonos esta mesma pregunta: e se todo isto que chamamos vida non é máis que un soño? Se nos aproximamos a referentes máis actuais, hai unha inspiración evidente en Matrix, pero tamén no xogo de Ender (co que estabelezo unha brinca no propio título), Avatar, Black Mirror ou Ready Player One.

–O protagonista (non humano) desta novela é ese grande computador ao que están conectados milleiros de seres humanos. Isto sóame a un dos temas dos que máis se fala na actualidade, o da intelixencia artificial. Cal é a súa visión da IA? Tenlle medo, cre que cambiará totalmente as vidas da xente, do mundo, das relacións sociais…?

–A miña opinión, non experta, é que si. Que a intelixencia artificial vai supoñer unha revolución aínda máis transformadora que a que supuxo a revolución industrial ou a aparición de internet. E por suposto que lle teño medo. Se cadra non nun sentido apocalíptico, pero si porque, como calquera ferramenta poderosa, pode ser obxecto de usos espurios e fonte de desigualdades.

–Gañar o Premio Xerais non é asunto menor, e Vde. fíxoo coa súa primeira novela, A ira dos mansos. Dende aquela, de que xeito mudou a súa mirada sobre a literatura?

–Escribir é un acto de solipsismo que, en realidade, ten pouco que ver con iso que se chama literatura. A categoría é externa e allea a min. Non sei moi ben se o que eu escribo é literatura ou entretemento. Se pertenzo ao sistema literario ou son un outsider. Todas esas cuestións deben ser analizadas por outros. A miña ollada padece a miopía propia de quen está diante do folio, simplemente escribindo.

–Que foi do seu inspector Carlos Manso? Xubilouse ou pode aparecer en calquera momento (ou en calquera próxima novela)?

–Boa parte do meu público lector, co que me sinto en débeda, non deixa de preguntarme por Manso. Necesitei distanciarme un tempo porque se trata dun personaxe torturado e rosmón, difícil de xestionar como escritor, e tamén porque me apetecía facer outras cousas, pero o certo é que non podo abandonalo. Manso quere volver. Os lectores queren que volva. Son forzas moi poderosas a conspiraren contra este pequeno escritor.

Suscríbete para seguir leyendo