Arte: exposicións

Arqueoloxía do presente

As portas de Ignacio Pérez-Jofre

Unha muller, na mostra de  Ignacio Pérez-Jofre  no espazo  SVT-Sirvent (Vigo).

Unha muller, na mostra de Ignacio Pérez-Jofre no espazo SVT-Sirvent (Vigo). / Elías Regueira

Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) presenta no espazo de arte SVT, SIRVENT (Gran Vía 129, Vigo) o seu novo traballo que incide nas súas investigación ao redor do obxecto atopado e do arquivo, desde a vontade de afondar nas calidades plásticas do material de reboutallo procurado e achado no contexto urbano. O proceso inicial de traballo do proxecto parte, como noutras series anteriores do artista –penso na mostra No chan presentada en 2021 na Fundación Laxeiro–, da recollida do lixo que se pode encontrar nas rúas de calquera cidade, como táboas ou cartóns, neste caso concreto portas. Con este material Ignacio Pérez-Jofre orienta o labor creativo desde a perspectiva de desenvolver unha arqueoloxía do presente, produto dunha atenta análise, identificación e avaliación do material achado e posterior manipulación.

Arqueoloxía
do presente

Unha das obras da mostra. / Elías Regueira

A finalidade destas operacións está orientada na pretensión de permitir afondar na nosa visión, gañar a nosa atención para “ver” como os obxectos de refugallo son subceptíbeis dunha análise que os dote dun sentido novo, absolutamente reformulado despois do acto de recollida. O artista traballa tentando contrastar o exceso de información e coñecemento visual que nos abafa para percibir con ollos distintos, sensíbeis de novo ao impacto do obxecto atopado, o que nos leva como espectadores a pasar máis tempo a observar dun xeito novo para lograr unha intensificación da recepción.

  • "Abrir una puerta”

    Artista: Ignacio Pérez-Jofre Comisario: Ángel Cerviño Local: SVT- Sirvent, Gran Vía 129, Vigo. Até o 20 de setembro

Todas as pezas teñen en común o material de reciclaxe e, sendo moi recoñecíbeis, posúen algo que permite iluminar recantos menos claros da nosa percepción e reflexionar sobre o noso mundo visual. Son traballos produto dunha concepción táctil e ao mesmo tempo moi retiniana, mais tamén son froito de ollos que xa pasaron pola extrema profusión de imaxes da nosa contemporaneidade, porque no mundo actual xa non estamos en condicións de poder posuír un ollo naif e iso é o que leva a traballar a partir de restos, de desproveitos, para facer pensar ao espectador sobre o que ve ou acredita ver, ou sobre o sentido do mundo obxectual que a cidade fornece.

Mais a carón deste aspecto, se cadra máis conceptual, salienta tamén a capacidade de elaboración, unha capacidade formal, física e táctil que fai que o seu traballo con esas portas abandonadas teña varios niveis de lectura que pode ir desde o social ao puramente plástico ou visual, pasando por unha lectura máis conceptual, sen esquecer o tratamento lúdico que as diferentes texturas ofrecen. Son, como indica o artista, portas desventradas, abertas de forma pouco habitual, que mostran o interior oco. O que se procura é a nosa atención, a nosa inicial complicidade, para que esta situación posibilite a reflexión e permita chegar a unha visión cómplice quizais para así poder enxergar con maior liberdade.

O paso do tempo como suxeito

A serie Abrir una puerta sitúanos, tamén, nun duplo ámbito mesmo no sentido físico do concepto: espazo galerístico e espazo aberto ao urbano. Este aspecto axústase moi ben á visión que todos podemos proxectar sobre os espazos comúns que nos rodean, abertos a todos os ámbitos da nosa sociabilidade e a distintas posibilidades de reformulación, de revisión, de intensa flexibilidade, que a actividade da creación artística e a construción permiten. Un feito que, desde o punto de vista creativo, favorece novas lecturas, dentro das que o artista se mergulla para seguir estratexias artísticas contemporáneas. Ignacio Pérez-Jofre utilizan algunhas delas: o rexistro e o uso dos procesos temporais de desgaste como alicerces do discurso estético e da reflexión, para conseguir daquela unha auténtica obra aberta, rica en suxestións. As pezas conseguen transmitir un sentido esencial, por un procedemento puramente depurativo, desprendida a figuración do superfluo, do seu carácter anecdótico, ficando o vigor plástico e comunicativo, xogando o tempo un papel activo e decisivo para a concepción das obras. Enténdase “o esencial” no sentido de “o que fica”, o que de seu ten valor. Nese sentido, todo ten un recendo arqueolóxico, dunha arqueoloxía da nosa condición, da nosa sorte e do noso presente.

O resultado son obras que describen o acto de virar sobre o gonzos das portas, froito de axustes ben precisos que posibilitan unha percepción visual e en certo sentido unha evocación rítmica dentro do seu estatismo, mesmo coas pegadas deixadas nas portas entre táboas opostas. Alén diso, a visión resultante conforma composicións fortemente estilizadas e diferenciadas fundamentalmente polas texturas e tonalidades, nas cales dominan as liñas, as retículas e as tramas, formas que están dotadas dun rigor e unha harmonía que semellan herdados da tradición cartográfica e que non evitan, nin o pretenden, a conflitividade que a relación entre o espazo, o tempo e o ámbito natural e social, ten no mundo en que moramos.

Suscríbete para seguir leyendo