Teatro

O caso Ibáñez

Historia dunha infamia

Un momento na representación de "As máscaras de Ibáñez. O Marqués de Sargadelos que nunca foi".

Un momento na representación de "As máscaras de Ibáñez. O Marqués de Sargadelos que nunca foi". / Arquivo

Manuel F. Vieites

A peripecia vital de Antonio Raimundo Ibáñez Gastón de Isaba y Llano Valdés, máis coñecido como o Marqués de Sargadelos, título que non chegou a ostentar, debería ser obxecto de estudo nos centros educativos, agora que por todas partes aparecen trebellos de todo tipo orientados a fortalecer a dependencia das persoas coutando a súa autonomía. Foi a súa unha vida chea de luces e sombras, da que moito se pode aprender, especialmente no eido de valores e principios éticos asentados na defensa do ben común; ou da simple ilustración, un ideario de igualdade e fraternidade que agora se condena con palabras grosas e ferintes, curiosamente en nome da “liberdade”. E para iso nada mellor que este texto que presentamos, As máscaras de Ibáñez. O Marques de Sargadelos que nunca foi, editado por Invasoras e do que son autores Xabier Fernández e Antón Lamapereira, profesores de Ensino Medio en Historia e Filosofía, agora xubilados. Eles dous tamén son os responsables da súa posta na escena, como actor e director, nun espectáculo do grupo amador Avelaíña Teatro.

O caso Ibáñez

Antón Lamapereira. / Arquivo

O texto configúrase como unha historia de vida presentando certos fitos fundamentais na existencia dunha persoa que se considera o primeiro impulsor da industrialización en Galicia, tarefa que desenvolve na Mariña de Lugo, onde ademais de promover o comercio marítimo, impulsa a creación dunha importante siderurxia, a fabricación de louza ou a elaboración de liño téxtil. Como afirmaba o xornalista Daniel Salgado, con el comeza a revolución industrial nesta terra, por moito que fose unha revolución impedida e frustrada. Contén 20 escenas de extensión variable, concibida cada unha como un monólogo explicativo no que Ibáñez reconstrúe episodios decisivos na súa traxectoria. Faino desde o momento en que nace na aldea de Ferreirela, en 1749, ata o día da súa morte, acaecida un dous de febreiro de 1809 no lugar de Dompiñor, en Ribadeo, a mans dunha turba encirrada polo poder local, que bateu nel sen parar, mentres berraban todo tipo de insultos, como traidor, felón ou ilustrado. En ocasións, canda a súa fala, emerxen no pano do fondo outros textos, como unha glosa de Xosé Ramón Barreiro que subliña a relevancia da súa figura, única en todos os sentidos.

Hai un desexo claro de ofrecer unha mirada obxectiva das achegas dunha persoa moi controvertida e que pode suscitar xuízos encontrados, pero os autores queren darlle ao personaxe histórico a posibilidade de contar unha versión propia dos feitos. Para iso consultaron fontes diversas, non tanto para atopar a verdade histórica, que tamén, senón para crear un relato plausible e coas arestas necesarias para destacar claroscuros na executoria pública de Ibáñez. O texto sitúa o personaxe no primeiro plano, optando os autores por unha invisibilidade que se agradece moito, pois a veces ocorre xusto o contrario e os supostos suxeitos do relato non son máis que escusas.

A peza articúlase seguindo o modelo do teatro documental, agora tan valorado e reclamado, e vaise construíndo nun diálogo do personaxe co lector, ou co público nun espazo teatral, no que Ibáñez vai enfiando a súa historia para finalmente reclamar a súa obra e a súa honra, para reivindicarse, mesmo aceptando ser un déspota, distante e autoritario. E mentres fala con nós, imos vendo que na súa traxectoria como persoa ou empresario houbo luces, e moitas.

A peza vén sendo unha historia de vida, pero pode explicarse igualmente como un estudo de caso se consideramos os motivos e razóns que fixeron que un dos emprendedores máis notables de finais do século XVIII acabase sendo asasinado por unha turba cega de rancor e odio, e as causas polas que o tal fato de bestas se constituíu e fixo o que fixo. Un texto magnífico que se deixa ler moi ben e que ademais dá moito en que pensar. Exemplos do pasado para construír o presente nun momento en que tantas e tantas bandeiras piden sangue.

Independencia?

Diferentes vilas de España e Galicia celebran a vitoria das tropas nacionais na chamada Guerra da Independencia. E certamente houbo vitorias contra os franceses e unha reconquista plena da soberanía nacional, e como consecuencia un duro retorno aos usos e costumes do antigo réxime, moi especialmente cando Fernando VII volve ocupar o seu sitio, desde o que non tardará en liquidar o movemento de renovación que agroma en Cádiz e que trouxo a Constitución de 1812, abolida ao pouco tempo. Unha Constitución modélica naquela altura en Europa e que tan pouca xente lembra e reivindica. Un episodio aberrante da nosa historia que se oculta con persistencia.

A chamada independencia supuxo a volta ás vellas dependencias, e Galicia, como España, volverá ser un país dominado e asoballado pola milicia, o clero, e unha nobreza que, a diferencia do que pensaba Otero Pedrayo no seu lamento perenne polo seu ocaso, só quería vivir das rendas e, en consecuencia, do duro traballo alleo. Foron e son as mesmas forzas que acabaron coa vida de Ibáñez, mentres poñían en causa o seu patriotismo. Así comezou unha longa noite de pedra, como tan ben pintou Francisco de Goya, outro afrancesado. Outra lección coa que moito se pode aprender no momento presente.

Suscríbete para seguir leyendo