Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Unha vila protagonista

Excelente volta da colección Ronsel

Fabio Rivas

“Ela durmía sempre igual: en tensión, como se aquilo, o feito de durmir, non fose natural, como se esperase todos os días una mala nova, as costas negras baixo o camisón roído, as mans contraídas en xesto de captura”. Do mesmo modo en que hai un par de anos estreou (e, polo momento, concluíu) a colección Ficción Científica da Editorial Galaxia con A soidade selénica, Juan Parcero (Moaña, 1977) é tamén o encargado de devolver a vida á colección Ronsel, co obxectivo de, segundo afirma a propia Galaxia, dar cabida a novas voces e novas temáticas das nosas letras.

E Ronsel non podería regresar de mellor xeito que con Na canella infinita, unha novela vertebrada de forma coral onde o propio Aferróns, o lugar en que se desenvolve a trama, que ben pode ser o trasunto de calquera vila da costa galega, se configura como un personaxe de seu. E non como un personaxe calquera: os demais protagonistas nacen, medran e se constitúen a partir deste Aferróns, da súa brétema espesísima e atafegante, do seu ambiente propio de novela negra, do seu arume salgado da ribeira. De feito, nas intervencións do Marqués, un mozo que se dedica ao tráfico de heroína polo miúdo, achamos unha clara personificación da mesma vila.

A droga e as súas consecuencias nas xeracións máis novas, máis influenciables e vulnerables, son os eixos que moven a trama. Malia que se desenvolve na década dos 80, anos en que a heroína causou os seus meirandes estragos no país, é unha temática que, abofé, podemos trasladar a estes tempos en que os medios de comunicación confirman o aumento exponencial do consumo de droga (á vez que das variedades) entre a xente moza.

Como síntese, un grupo de tres mozos adictos encontran na praia, de casualidade, durante o estado de plenitude dun pico, un fardo de heroína. Entón comezan as preguntas: que facer con el? Utilizalo para consumo? Vendelo para gañar cartos (cos que despois adquirir máis doses)? Devolvérllelo aos seus propietarios? E coa indecisión, coa incerteza, tamén co medo a se atoparen en perigo, chegan os problemas. Os fíos que os vencellan —cadanseus motivos para entraren na droga, a propia heroína e a síndrome de abstinencia— vanse quebrando devagar e deixan paso á desconfianza, ao odio, ao horror.

Desde logo, paga a pena estarmos pendentes ás futuras achegas que Juan Parcero teña a vontade de nos ofrecer, pois da mesma forma que a un mariñeiro reconforta dar co lugar axeitado para encher a dorna de potas nun único lance, é moi grato atopar unha voz capaz de levar a cabo un exercicio de estilo tan circio e de apreixarnos, en apenas un cento de páxinas, tan forte o corazón.

Imagen

Na canella infinita

Autor: Juan Parcero

Editorial: Galaxia

PVP.: 15,60 €

Nº de páxinas: 140


Os catorce elos

Malia o xénero

Iago Fernández

O auxe da novela negra galega chegou a tal punto que, hoxe por hoxe, cidades como Santiago e, sobre todo, Vigo posúen un imaxinario criminal de seu. En tanto que fenómeno cultural, como posible incentivo para mellorar as políticas públicas vencelladas ao mundo das letras, é amplamente positivo; en tanto que fenómeno literario, supón o perigo de aprobar novelas dunha calidade máis que dubidosa. É un acerto e unha sorte, polo tanto, que A rede branca, unha nouvelle intelixentemente concibida, fose a finalista da XL edición do Premio Xerais de novela.

As diferenzas que a distinguen da maioria de novelas negras contemporáneas sobrancean ás poucas páxinas. O primeiro capítulo, en lugar de caracterizar case que cinematograficamente o protagonista ou o antagonista, cartografía a biografía e as contornas social e laboral dun personaxe. É un anuncio: en A rede branca, a trama non é unha suma de peripecias que conduce á resolución dunha intriga, senón o continente dunha realidade potencialmente complexa.

Outra das singularidades que caracteriza á nouvelle é a estrutura. Cada capítulo segue a un personaxe implicado, dun xeito ou doutro, nunha trama global de tráfico de cocaína; e, deica o final de cada capítulo, xorde o personaxe que centraliza o seguinte, sumando un total de catorce elos. A estrutura resulta forzada, pero, ao igual que a trama ou os personaxes, non é máis ca unha plataforma coa que lle outorgar contornos a un fenómeno a grande escala, o do tráfico de cocaína, cuxa representación, doutro xeito, remataría subordinada á trillada esixencia das boas historias e dos personaxes redondos.

A rede branca, estilística e discursivamente, posúe as mesmas, enormes limitacións da maioría de produtos subxenéricos. A súa maior virtude é renunciar ás aparencias fósiles da novela negra para reflictir unha realidade complexa, tal como facían, precisamente, os país do xénero, Chandler e Hammet, e como seguen a facer, entre outros, Ellroy ou Peace.

Imagen

A rede branca

Autor: Paco Morgan

Editorial: Xerais

PVP.: 13,77 €

Nº de páxinas: 160


Abrindo a cebola

Á procura da biografía colectiva

Pilar Ponte

Cando quen le, abre o libro pola primeira páxina da nova entrega literaria do bergondés Xabier López López (1974) xa nota nas primeiras liñas que esta non vai ser unha novela ao uso. Se cadra, nin sequera podemos falar dunha novela e estamos ante unha contranovela cando abrimos este “libro tirando a estraño”.

Xa nas primeiras liñas o propio autor amosa a característica principal desta entrega: o pretexto para escribir, o tema literario central, vai quedando oculto segundo imos avanzando na lectura, como se de capas dunha cebola se tratase. A necesidade de ir á vida dos seus antergos para poder construír a súa propia biografía desembocará en múltiples relatos de historias, mais tamén penetra no mundo do ensaio, nos textos científicos e mesmo no campo xornalístico.

Avanzamos rápido por un discurso lixeiro conducidos por ese autor-narrador en primeira persoa que dialoga con nós, que mediante o recurso da paréntese nos fai os seus confidentes e nos pon ao tanto de todos os datos do proceso creador converténdonos nos seus cómplices.

Así, da falsa impresión de que esta sexa a historia do seu avó Andrés e a avoa Velela, o primeiro marcha a Venezuela traballar e formará unha nova familia e a segunda queda na casa pelando cebolas (outra vez as cebolas!), sairán moitas outras pólas que mesmo nos retrotraerán a 1779, cando os Adams (o presidente dos EUA e mais o fillo) cruzaron a ponte do Porco. Esa multiplicidade de historias e formatos, onde asoman o humor, o sarcasmo, mais tamén a reflexión e a busca de testemuñas que avalen a investigación xornalística conforman o que en realidade é unha biografía colectiva do pobo das Mariñas “en loita” co que serían esa biografía particular do autor e a da súa familia.

Imagen

Contrabiografía

Autor: Xabier López López

Editorial: Galaxia

PVP.: 20 €

Nº de páxinas: 220


Equilibrio de forma e contido

Para unha participación activa

María Navarro

Diríase que o sapo protagonista da historia é pouco agradecido ou, peor aínda, é perverso, porque se lle achegane colegas coa intención de acompañalo e a súa resposta non é outra ca facelos desaparecer, e así todos os días o bufónido comeza cada tarde coma outra calquera e remátaa da mesma forma ata que cae na trampa que lle tende o saltón.

Amplas ilustracións, repeticións de imaxes, textos breves e frases únicas, suxerentes trazos e coloridas esceas enchen as páxinas do volume publicado por Maite Mutuberria na colección Demademora de Kalandraka Editora para que os primeiros lectores poidan seguir atentamente o relato que leva os animais a comportárense tomando como modelo os humanos e nese momento o mundo animal vese invadido por clixés negativos que nada teñen que ver co seu universo e que contemplado desde a perspectiva dun neno pode interpretarse como que hai seres vivos bos e malos cando esta clasificación non se axusta á realidade. É certo que a literatura, como manifestación cultural humana, non ten ignorado a presenza dos animais no entorno que rodea a escritores e lectores, de feito poboan o imaxinario dun individuo ou do colectivo, pero convén facerlle ver á cativada que o antropomorfismo ou humanización esaxerada dos animais pode ser unha forma pouco recomendable de tratalos.

En Tarde de sapo dáse unha combinación equilibrada entre forma e contido, entre a narración explícita e o subtexto; o tratamento de temas relacionados coa supervivencia, unido ao ton metafórico que rodea o relato, ten a capacidade de xerar unha resoancia emocional no receptor que fai da lectura unha experiencia rica e multifacética. Logo a concepción global de palabra e imaxe encárgase de que o lector participe activamente no proceso de interpretación.

Imagen

Tarde de sapo

Autor: Maite Mutuberria

Editorial: Kalandraka

PVP.: 14 €

Nº de páxinas: 44

Suscríbete para seguir leyendo