Entrevista | Ramón Nicolás Crítico literario

“As raíces do Rexurdimento están no Padre Sarmiento"

Ramón Nicolás, en Vigo.

Ramón Nicolás, en Vigo. / Eli Regueira

En Antoloxía do Rexurdimento (1853-1916), editado por Xerais, Ramón Nicolás sintetiza o espírito e mais as voces dese momento crucial, período brillante e inaugural da literatura galega, cun breve estudo introdutorio, notas biográficas actualizadas e unha coidada selección de textos literarios poéticos, narrativos, teatrais e ensaísticos.

–Varios estudosos están a poñer en cuestión a existencia dos chamados Séculos Escuros na historia da lingua e literatura galegas. En que sentido afectan estas novidosas teses non só á cronoloxía do Rexurdimento, senón ao propio concepto de Rexurdimento?

–A tese que se defende neste libro encarréirase, xustamente, nesa orientación que mencionas. Cómpre trazar unha liña continua que vai do Padre Sarmiento até os chamados “precursores do Rexurdimento” para desembocar noutras figuras máis recoñecidas como Rosalía, Pondal, Lamas ou Curros. Ao mesmo tempo, comparto a opinión de relativizar ou suspender o criterio filolóxico que afasta os textos escritos en castelán deste movemento, pois se cadra o devandito criterio non resulta operativo nin no eido cultural nin no político, malia que a lingua galega fose a maioritaria na poboación ao longo do século XIX. É indubidable que o proceso de substitución lingüística do noso idioma polo castelán vai ir acadando un velocidade de cruceiro nesta época e asentará o prexuízo que identifica a lingua galega con atraso económico e cultural. Mais tal e como me cuestionabas, insisto nesa continuación entre os denominados Séculos Escuros e o propio Rexurdimento, en especial en todo o que atinxe á actividade que se desenvolve baixo a epígrafe do “Prerrexurdimento”, que vai desde o ano 1808, comezo da guerra contra a invasión dos franceses, ata 1863, data de publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

–Se tivera que explicarlle en poucas palabras a un dos seus alumnos que foi o Rexurdimento, cal sería a súa (sintetizada) resposta?

–O Rexurdimento é un movemento que persegue a recuperación da lingua, da literatura e cultura galegas, con raíces no Padre Sarmiento e que se xera entre nós desde mediados do século XIX ata comezos do século XX, coa vontade inequívoca de recuperar a nosa identidade nacional.

Imagen

Antoloxía do Rexurdimento (1853-1916)

Autor: Ramón Nicolás

Editorial: Xerais

PVP.: 13,50 €

Nº de páginas: 144

–Que acontecementos históricos citaría para marcar o inicio e o remate do Rexurdimento?

–Alén do levantamento militar de 1846, que entendo como clave neste proceso, eu chamaría a atención sobre o chamado Sexenio Revolucionario; isto é, de 1868 a 1874, que posibilita o comezo da descentralización de maneira que iso explica que, pouco despois, en 1883, se redacte un “Proyecto de Constitución para el Estado Galaico” e que, dalgún xeito, naza o chamado Rexionalismo, que pretende superar o movemento ideolóxico anterior e afín chamado Provincialismo. Dentro do Rexionalismo adóitase sinalar a coexistencia de tres tendencias como foron a federalista, a tradicionalista e a liberal que, con todo, asumen comunmente o dereito a obter un autogoberno propio e impulsar o proxecto de rexeneración, onde destaca a figura do historiador Manuel Murguía. Como se sinala no libro, na chamada década moderada da raíña Isabel II, en 1853, aparece o primeiro libro, aínda que non monolingüe en galego, que recolle ese espírito reivindicativo e que bebe na fonte do Padre Sarmiento. Trátase de A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos que, malia adscribirse ao prerrexurdimento, xa se inclúe neste libro. Pintos, con Neira de Mosquera, establecen un claro elo coa figura do autor do Coloquio en coplas galegas. Non en van, poucos anos despois, en 1856 vai celebrarse en Conxo o célebre banquete en que confraternizan artesáns e traballadores con estudantes e diversas voces literarias que fan pública a súa intención progresista e protogaleguista. Todo iso pouco antes de que se publique o libro inaugural da nosa literatura galega moderna: Cantares gallegos de Rosalía de Castro, en 1863. Loxicamente, 1916 é a data do nacemento das Irmandades da Fala que pecha o Rexurdimento e que abraza xa abertamente o pensamento nacionalista e onde aparecerán outras dinámicas literarias.

–Houbo, no seo do Rexurdimento, algún intento de unificación da normativa escrita do idioma galego?

–Eduardo Pondal, como é sabido, a través da súa obra perseguirá, mesmo con teimosía, a construción dunha normativa culta para a lingua galega pero todo queda aí e nalgunha proposta anterior, sen concretar, que se recolle en A gaita gallega de Pintos. O certo é que se carecerá de normativa nesa época e, malia apareceren as primeiras gramáticas e dicionarios, haberá que agardar até comezos do século para que tome forma a primeira proposta, promovida polo Seminario de Estudos Galegos.

–Que papel xogou a prensa galega da época no Rexurdimento?

–Un papel undamental. Convén ter presente a existencia tanto dunha prensa que defende os nosos intereses como duns historiadores que comezan a reparar na nosa propia historia. Xorde nesta época un xornalismo propio en lingua galega como testemuñan as cabeceiras históricas de A Monteira, O Vello do Pico Sagro, A Tía Catuxa ou O Tío Marcos da Portela, mais tamén outras cabeceiras como por exemplo La Ilustración gallega y asturiana, El Heraldo gallego, Galicia: revista regional ou a Revista gallega manifestan unha defensa, cando menos na teoría, da nosa lingua, aínda que os máis dos seus contados fosen redactados en castelán.

–Que criterio aplicou para elixir os autores e os textos incluídos neste libro?

–Respecto dos autores apliquei unha visión ampla como se dixo, que supere outros moldes máis tradicionais que se adoitan perpetuar na análise deste período. Respecto da selección textual, basicamente optei por escolmar aqueles que considerei máis representativos de cada voz: isto é, que permitisen un coñecemento o máis amplo posible das súas estéticas, no caso de que as houbese, sobre todo nas grandes voces: Pintos, Rosalía, Curros, Lamas e Pondal; sen desatender outras figuras menores se se quer nin outros xéneros como a narrativa, o teatro ou mesmo o ensaio.

–Ademais das de Rosalía de Castro, que obras doutros autores recomendaría de “obrigada” lectura para quen se interese pola historia da literatura galega?

–Deste período éme difícil prescindir de ningunha voz. En realidade, todas achegan a súa dose de singularidade e, en xeral, do seu talento; algo palpable en Pintos, Curros, Pondal e Lamas. Outras figuras que aquí se recollen son tamén precisas pois, por xunto, constrúen os alicerces precisos que explican a nosa literatura do século XX e mais a presente.

Suscríbete para seguir leyendo