Sobre brañas enchoupadas

Arredor da Ponte do río Tamuxe

Vista aérea da ponte na actualidade.

Vista aérea da ponte na actualidade. / Alberte Reboreda

Alberte Reboreda

O río Tamuxe, do indoeuropeo Tam- (correr ou fluír de auga) segundo Cabeza Quiles (2008), deu nome ao barrio da Ponte Tamuxe ou do Porto Vello, na parroquia de San Miguel de Tabagón (O Rosal). En documentos antigos tamén se atopa a denominación Tamuga (s. X e XVIII), Tamugia (s. XIII), Tamuxa (XVIII) e Tamuge (s. XIX). “Támega, Tamuxe, Tameiga, tal coma brañas enchoupadas”, escribe Méndez Ferrín (1994) en alusión á morraceira baldía que lle fai as beiras ao río. Asemade, algúns historiadores cren que a orixe desta ponte do Baixo Miño, situada na calzada coñecida como Per loca marítima, data de época romana. Así, Ferreira Priegue (1988) sitúa esta construción “en la vía de La Guardia a Tuy” sobre a vía romana que unía Fornelos e Belesar por Burgueira. Segundo a lenda e a tradición oral, a Ponte Tamuxe e O Porto Vello gardan relación coa baixada e o embarque dos minerais que os romanos, no século IV, explotaron nas minas de ouro das Bornas, nas parroquias de San Xoán e San Miguel de Tabagón. O río Tamuxe é o último afluente do río Miño polo Norte antes da súa desembocadura, o mesmo “que desciende de la parroquia de Burgueyra y montes que la dominan por medio de las de Loureza y Rosal, y termina su curso en el Miño luego que atrabiesa el puente de su nombre”, en palabras de Pascual Madoz (1849).

Ferreira Priegue (op. cit) sinala tamén a existencia dun camiño medieval á altura de Pías “donde se cruza el río Tamuje por un puente. El actual es moderno, pero hubo uno anterior, documentado en el año 1451”. En realidade, a primeira cita histórica desta ponte atopámola nun pergamiño de venda de herdades ao mosteiro de Oia, datado en 1282, que se conserva no AHN. Este documento é once anos anterior a outro que coñeceu Ávila y La Cueva (1852), e que menciona cando escribe sobre a parroquia de San Miguel de Tabagón: “Hallase aquí el Puente de Tamuge, llamado ya así en el año de 1293 según escritura del Monasterio de Oya”.

A ponte sobre o Tamuxe foi reconstruída durante o reinado de Isabel II. Así, en xaneiro do ano 1844 a Deputación de Pontevedra publica o prego de condicións para a erección da mesma polo distrito da vila da Guarda, cun orzamento que ascendía a 184.131 reais. A súa construción levouna a cabo durante o ano seguinte o contratista de Goián, José Fernández. No mes de novembro de 1845 ordénase tamén a construción dun “medallón” sobre “el 2º arco y encima del pretil que mira al río Miño” que ha de acoller esta inscrición: REINANDO DOÑA ISABEL II / SE CONSTRUYÓ ESTA OBRA / EN BENEFICIO DE LOS PUEBLOS / AÑO DE 1845. O autor do proxecto é o enxeñeiro José Barea. A ponte actual, que entrou en servizo a mediados do s. XIX, substituíu a un viaduto anterior que xa permitía salvar o río neste punto. Da súa existencia dan fe diferentes crónicas como a que refire as tormentas acaecidas no ano 1821: “y con más especialidad cargó este diluvio sobre las parroquias del Rosal, Loureza, Burgueyra, Pinzás y Valle de Tebra, llebando las aguas el puente de la Tamuge, otros dos más arriba, el de Forcadela y otros, diferentes molinos y casas, pereciendo varias personas entre la inundación y causando estragos incalculables”.

A cartografía histórica é outra fonte documental que tamén acredita a existencia desta ponte en San Miguel de Tabagón. É o caso do Mapa do Reino de Galicia de Tomás López de 1784, ou do Mapa do Bispado de Tui de Rosendo Amoedo de 1766, que sitúa este viaduto formando parte do Camiño Real que unía as vilas da Guarda e Tui. Con todo, o único debuxo da ponte anterior á actual é un datado en 1733 que afirma que a PUENTE DE LA TAMVGA forma parte da ESTRADA REAL QUE SIGUE PARA LA CIVDAD DETVI I CORRE RECTA. Naquela altura o viaduto contaba tres arcos desiguais (o central meirande) e estaba protexida por unha torre erguida na banda do Porto Vello. Esta mesma torre foi vista polo Padre Sarmiento, que atravesou a ponte no ano 1745, momento no que anota: “Gándaras de Salcido. Río, riachuela y puente de Tamuxa y a lo último del puente está un castillo muy antiguo, que creeré haber sido de romanos.”

Sobre
brañas
enchoupadas

A ponte no ano 1733 (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid) . / Alberte Reboreda

A construción da ponte actual a mediados do s.XIX non evitou que os temporais seguisen danando esta infraestrutura. Así o pon de manifesto unha crónica publicada no Diario de Pontevedra en febreiro de 1899: “Nos dicen que el puente que hay sobre el rio Tamuge (...) ha sido arruinado por el impetuoso desbordamiento de las aguas del río, hallándose por esta causa interrumpida la carretera que vá de esta ciudad á La Guardia”.

De estilo neoclásico, o viaduto conta cun taboleiro de 50 m de lonxitude x 5 m de anchura soportado por tres arcos de medio punto rebaixados. Cada un deles apóiase nuns tallamares de planta rectangular de ángulos redondeados que cortan a corrente, facilitando o discorrer das augas. Labrada integramente en cantaría de boa calidade (opus quadratum), a ponte posúe, ademais, catro apartadoiros pareados situados nos accesos para o resgardo dos peóns.

Interese militar

Esta zona fluvial do Tamuxe, entre o lugar de Pampillón, ao norte da ponte, e o Porto Vello, ao sur, foi unha localización estratéxica durante as guerras contra Portugal durante o século XVII. Segundo Domínguez Fontela (1997), nas proximidades da ponte levantouse un pequeno estaleiro para a construción de barcos que foi incendiado polos portugueses en 1644 despois de apoderárense de 35 embarcacións alí construídas.

Cronistas como José María Queipo de Llano (1835) ou Simão J. Da Luz Soriano (1871) tamén sitúan nesta infraestrutura unha importante operación militar comandada polo xeneral Thomiers con motivo da invasión da península Ibérica a cargo de Napoleón en 1808. “A flotilha, que se compunha de uns 25 barcos, partiu pelas dez horas da noite de 15 para 16 de fevereiro do sitio da Ponte da Tamuge, na occasião de maré cheia, sendo o punto escolhido para o desembarque, que buscavam effeiturar na margem esquerda do Minho e terras de Portugal, a praia do Camarido”, xunto á vila de Caminha. Os portugueses, beneficiados pola maré, foron quen de repeler o ataque, obrigando os 300 soldados galos a volveren ao lugar de embarque.

Suscríbete para seguir leyendo