Patrimonio

Nos dominios da raíña

Polo mosteiro e museo de Arouca

Interior do mosteiro de Arouca.

Interior do mosteiro de Arouca. / Tere Gradín

Arouca conforma un fértil municipio composto por vinte parroquias cuxo omnipresente pano de fondo é a Serra da Freita, unha das “Montanhas Máxicas” de Portugal, un auténtico territorio cheo de encanto onde están –entre outros tesouros naturais– a fervenza da Mizarela ou as famosas “pedras parideiras” de Castanheira. Do seu patrimonio construído destaca especialmente o mosteiro, cuxa historia está intimamente vinculada á da beata Mafalda Sanches, efémera raíña de Castela e Portugal antes de tomar definitivamente os hábitos cistercienses. Declarado Monumento Nacional, os espazos máis notables do gran convento son a igrexa, o coro, os claustros e o refectorio. Ademais, o Museo de Arte Sacra que alberga no interior é un dos mellores no seu xénero da península.

Nos dominios da 
raíña

Unha das salas do museo. / Arquivo

Dos primeiros anos de existencia do mosteiro de Arouca apenas chegou documentación ata os nosos días. Sábese que foi fundado en torno ao século X, baixo un réxime dúplice (coexistindo unha comunidade de monxes cunha de monxas) como era bastante habitual na península na época. Máis adiante, no século XII, regularíase seguindo a orde benedictina baixo a advocación dos santos San Pedro e San Paulo ata que no ano 1210 Sancho I, segundo rei de Portugal, foi doarllo á súa filla Mafalda. Será esta a que tome a decisión de que o mosteiro adopte os preceptos do Císter en 1224. Retirada neste convento –tras o seu efémero matrimonio con Henrique I de Castela, anulado polo Papa Inocencio III debido ao parentesco e mocidade dos cónxuxes, Mafalda Sanches gañou fama de santa, especialmente despois do descubrimento posterior do estado incorrupto do seu corpo, sendo beatificada en 1793, do mesmo xeito que as súas irmás Teresa e Sancha, que xa o eran desde principios do século XVIII.

Nos dominios da 
raíña

Fachada do mosteiro. / Arquivo

En orixe, a construción foi románica, pero daquela fábrica non quedan vestixios, borrados coas remodelacións dos séculos XVII e XVIII que configuran o que hoxe en día é considerado un dos maiores conxuntos monásticos en granito de todo Portugal. O edificio mantén todas as estruturas básicas dun espazo conventual.Na igrexa chama a atención a súa ornamentación barroca, con fermosos retablos de talla dourada, obra de Carlos Gimac. No lado dereito da nave, sobre un altar, atópase a tumba de Dona Mafalda, de 1793. No espazo do coro, ademais do órgano do século XVIII, sobresae o traballo de cadeirado con 104 sitiais labrados e ornamentado con pinturas en lenzo que representan escenas da vida dos santos, da Virxe, de Cristo e da propia raíña Mafalda.A pesar da exclaustración do mosteiro tras a desamortización en 1834 e o seu posterior abandono en 1886, o seu tesouro permaneceu case intacto, o que permite conservar na actualidade un magnífico museo de arte sacra. Presenta valiosas coleccións de pintura, escultura, tapicería, mobiliario, xoiería e téxtiles instaladas nas antigas dependencias monásticas.

Nos dominios da 
raíña

Vista do claustro. / Arquivo

As obras atópanse distribuídas por diversas salas e, entre algunhas das pezas do seu vasto legado hai tallas do século XV, como unha imaxe de San Pedro en pedra de Ançã (das famosas canteiras de Cantanhede) do mestre João Afonso ou outra da Santísima Trindade, feita co mesmo material. Tamén son reseñables os relicarios en prata dourada do século XVI ou as custodias do século XVIII. Ao variado e valioso conxunto de obxectos do museo súmase a súa biblioteca da que destacan manuscritos e impresos que van dos séculos XI ao XIX. Desde cinco códices anteriores a 1235 a outros que poden datarse en torno ao século XV. Tamén se conservan tres incunables, entre eles o Breviario bracarense de 1494. O museo organiza numerosas actividades ao longo do ano e o propio concello, vinculado á historia da súa patroa, celebra cada 2 de maio as festas en honra a Santa Mafalda.

Nos dominios da 
raíña

Outra perspectiva do claustro. / Arquivo

[object Object]

Ademais do seu mosteiro, o concello fíxose famoso pola súa ponte 516 Arouca, o maior viaduto peonil suspendido do mundo. O número fai referencia á súa lonxitude, máis de medio quilómetro no aire que permiten gozar dunha maneira diferente das vistas do río Paiva. Converteuse na maior atracción dun municipio que integra o “Geopark Arouca”, un territorio auspiciado pola Unesco como Patrimonio Mundial.

Tallado en “xisto”, o xeoparque encerra paisaxes que narran máis de cincocentos millóns de anos do pasado do planeta. Outro punto ineludible na visita a estas terras serranas é a aldea de Castanheira, onde ten lugar o fenómeno das “pedras parideiras”, pequenos anacos de granito que se soltan da pedra nai, no que é un fenómeno xeolóxico excepcional. O Centro de Interpretación existente axuda a comprender –en tres dimensións– a historia da Terra e, en particular, as profundas transformacións experimentadas ao final do Paleozoico.

En Arouca están tamén os coñecidos “passadiços” do Paiva, a Frecha da Mizarela, miradoiros como o da Senhora da Mó, o do Radar Meteorolóxico ou o de São Pedro Velho. A aldea de Meitriz, clasificada como “Aldeia de Portugal”, mostra o trazado das casas tradicionais en xisto combinado co verde da vexetación circundante nun marco de acougo por onde discorren as augas do Paiva.

Suscríbete para seguir leyendo