Ultrasound, thriller lo-fi

Arredor da BD inmersiva de Conor Stechschulte

Viñetas da BD 'Ultrasound' (2023).

Viñetas da BD 'Ultrasound' (2023). / FDV

Raquel López

Os días son máis curtos; e aínda que o verán é unha estación ben fermosa, xa comeza a xerarse unha débeda doente que incentiva as ganas de que chegue o verdadeiro outono, ese que todas e todos adoitabamos coñecer, ese que empurra a “recollerse” un pouco e gozar máis que nunca de tempo de calidade en casa. Ultrasound (Libros Walden, 2023) é a lectura perfecta para cando ese momento chegue.

Trátase da segunda novela gráfica do historietista norteamericano Conor Stechschulte (Pensilvania, 1985), aínda que, dada a súa complexidade, podería pensarse que o autor ten máis bibliografía detrás. Foi publicada por volumes pola afamada editorial británica Breakdown Press e recompilada posteriormente pola americana Fantagraphics para chegar ao mercado español traducida por Manuel Moreno Herranz, con rotulación manual de Abel Cuevas. Case 400 páxinas de thriller lo-fi –esa estética opresiva e deprimente moi presente no cómic americano independente– e paranoico, que lle valeron ao autor un nomeamento a Mellor Novela Gráfica nos Premios Eisner 2023. E, vale: odo o bombo publicitario está moi ben, pero de qué vai?

Durante unha noite de gran treboada, a Glen pícanselle dúas rodas do coche mentres circula por unha zona sen cobertura. Buscando auxilio, acaba na única casa que atopa, habitada por un estraño matrimonio: Arthur, un curioso home de mediana idade, e Cindy, unha muller bastante máis nova e atractiva que o seu marido. Convídano a un par de copas que acaban sendo moitas, a conversación dilátase e enrarécese; logo, a noite remata dunha forma imprevista para Glen.

O nacemento deste inesperado trío desata unha cadea de eventos que se entrelazan nunha trama vertixinosa e sorprendente na que nada é o que parece e o real se desdebuxa, tanto para os protagonistas como para a persoa lectora. Un thriller metafísico e político con aires retro que pode (ou máis ben quere) lembrar a era dourada do postmodernismo de Auster ou Foster Wallace: personaxes estraños cuxas vidas se mesturan de forma absurda pero cun aparente sentido que pode ou non selo, noción da realidade e identidade confusas, segredos e conspiracións políticas, equívocos abraiantes, luz de gas… Non de forma gratuíta, un dos reclamos da novela é que pode recordar un híbrido entre Cronenberg e Lynch.

Trátase dun reto impresionante para quen le, que debe ir decidindo que crer a través das escasas pistas que o autor vai facilitando; sendo a maior, a cor que emprega nas viñetas. Canto a iso mesmo, á gráfica, o estilo de Stechschulte é urxente e feísta, detallista segundo necesidades. O cómic está impreso en cinco cores, sobresaíndo as gamas de verde e morado, empregadas de forma mestra para guiar dalgunha forma a lectura. En fin, asomámonos a un estimulante crebacabezas de ciencia ficción e intriga contemporáneas que require un esforzo e implicación iniciais pero ao que case de certo a lectora ou lector quererá volver, total ou parcialmente, en canto remate a lectura.

Libros Walden é unha pequena editorial independente, situada en Madrid, e que foi abrollar en 2013 do selo discográfico co mesmo nome. En 2017 veu inaugurar a súa colección de narrativa e desde 2020 deu comezo a publicar así mesmo cómics.

40 anos de Can sen dono

O primeiro exemplar de Can sen dono, a mítica e histórica revista de humor galega, pioneira do humor gráfico patrio, cumpre corenta anos. Con motivo desta conmemoración, o Museo do Humor Xaquín Marín, situado en Fene, dedícalle unha exposición comisariada por Paco Oti (A Coruña, 1954), antigo colaborador da revista, que se pode visitar ata o próximo 27 de outubro.

Can sen dono publicouse entre 1983 e 1989 ao longo de vinte e tres volumes e catro edicións especiais, baixo a tutela do seu director Pepe Carreiro (Vigo, 1954) e o editor Antón Mascato (O Grove, 1957); a mostra componse polos arquivos en cru que se empregaron para maquetar e compoñer as revistas: orixinais, acetatos, recortes… así como da exposición de todas as portadas. Todo isto intercalado con correspondencia orixinal dos creadores e outros documentos bibliográficos de interese.A páxina Culturagalega.gal tamén celebra este aniversario cun extenso artigo sobre a revista e mais a compilación destas portadas nun pdf accesible a calquera persoa interesada.

Relacionado tamén, o pasado sábado 7 de outubro, o Teatro Jofre de Ferrol acolleu a gala “Humor galego feito a man”, no que se rendeu homenaxe ao debuxante, honorario do Museo do Humor e colaborador de Can sen dono, Xaquín Marín (Ferrol, 1943), pola súa traxectoria de máis de 60 anos de traballo. O evento organízao a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, quen di de Marín que “sen lugar a dúbida, é o humorista gráfico galego de referencia deste máis de medio século; o máis relevante despois de Castelao”.

Suscríbete para seguir leyendo