Arte: exposicións

Con punta seca

A obra gráfica de Manuel Colmeiro

"Autorretrato".

"Autorretrato". / Carlos L. Bernárdez

A obra gráfica de Manuel Colmeiro (Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999), non moi abundante e realizada con tiraxes reducidas, ocupa un lugar senlleiro na súa actividade, nomeadamente durante nos seus anos de exilio en Buenos Aires e nos primeiros da súa marcha a París, isto é, desde finais dos anos trinta até comezos dos anos cincuenta.

O Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Artes (Ribeira) presenta desde mañá unha mostra que recolle unha parte substancial do gravado de Colmeiro, unha exposición realizada a partir do proxecto de levar a cabo a edición dunha carpeta con 49 matrices do noso artista. A mostra que agora se presenta pretende dar a coñecer esta faceta do creador galego que mesmo inclúe obra gráfica nunca levada á estampa, o que acrecenta o valor deste significativo conxunto de traballos que iluminan aspectos centrais da estética do autor e dun momento moi concreto do exilio galego, nomeadamente en Buenos Aires.

Con punta seca

"Ofrenda". / Carlos L. Bernárdez

Os gravados de Colmeiro de inicios do seu exilio -onde se sitúan cronoloxicamente estas obras- remiten a un clasicismo que xa estaba ben presente no seu traballo da década anterior. Trátase de fórmulas plásticas que, como as do Pablo Picasso da Suite Vollard, transmiten unha consciencia da condición moderna, porque para o noso pintor o clasicismo non é unha simple volta ao pasado senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada á identidade galega. Nestas obras, como se ten sinalado, as fontes cézannianas son fundamentais, e de aí aprende o noso pintor a maneira de situar a figura na paisaxe. A esta lección vai permanecer sempre fiel e será alicerce das súas fecundas e sutís variacións formais. Como a Cézanne ou ao primeiro Matisse, a Colmeiro semella interesarlle o sentido plástico e unha certa monumentalidade que transmite a impresión de algo tanxíbel. O Colmeiro de temas clasicistas, preocupado pola análise da figura en relación coa paisaxe, segue o ronsel de artista como Cézanne e a través da natureza pon de manifesto unha orde que non é exactamente “a natureza” mais que está nela.

Na imaxe grande: Ofrenda. Nas imaxes pequenas:  Autorretrato e A cidade destruída (Buenos Aires, anos 40).

"A cidade destruída" (Buenos Aires, anos 40). / Carlos L. Bernárdez

Na década dos corenta realiza gravados en que a liña clasicista se pon ao servizo xa duns temas que serán recorrentes na súa obra e que se constitúen nunha das chaves de toda a súa produción do exilio: Galicia reconstruída desde a memoria e a muller como ideal. Figuras e espazos que teñen un ar primixenio, entre paraíso terreal bíblico e Arcadia clasicista.Neste sentido, a obra de Colmeiro participa dunha das grandes liñas temáticas que caracterizan a arte galega na diáspora, como é a ausencia da Terra, o exilio, que suxire o título de infinidade de obras de artistas e escritores galegos: Lonxe de Lorenzo Varela; Fardel de eisilado e Homenaje a la Torre de Hércules de Luís Seoane; Sempre en Galiza de Castelao e nomes de revistas como "Galicia emigrante", "Saudade". En Colmeiro a paisaxe relembrada xoga un papel fundamental, recreada desde a memoria, idealizada e situada como locus amoenus, lugar en que se funde o ideal amoroso, o recordo infantil e a vontade de resistencia.

  • Colmeiro punta seca,
    Manuel Colmeiro

    Comisario: Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.
    Local: Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Artes (Ribeira)
    Desde o 21 de abril de 2023

Nestes gravados de comezos dos anos corenta recrea a memoria da Galicia deixada atrás por medio de figuras dun clasicismo ingresco con ecos do Picasso da Suite Vollard. En xeral, transmiten unha sensación de idilio onírico no tratamento do tema, con referencias clásicas, como en Picasso, que van desde a escultura grega até a cerámica arcaica e ática. Mais non temos a sensación de estarmos perante simples citas, ben pola contra, asistimos a un mundo cheo de saudade e intensamente ligado á experiencia.

[object Object]

Rafael Dieste, nun texto escrito en 1941 e intitulado “Colmeiro: breve discurso sobre a pintura co exemplo dun pintor”, fai unha brillante análise da obra do noso artista que ilumina de xeito moi especial o tipo de obras que agora se expoñen e rescatan. Dicía Dieste que o Colmeiro pintor falaba en galego, e certamente constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante. Para Colmeiro, a lembranza é o soño coa terra distante e a constancia na repetición dos temas e paisaxes deixados atrás. A súa obra é unha maneira de reencontro, mais tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio, que Dieste explicaba afirmando que non estaba “logrado por vía diplomática ou apelando á representación proporcional de todos os valores, senón por xusta e delicada oportunidade de acento”. Durante todos estes anos de exilio, en Buenos Aires primeiro e despois en París, manterase fiel a estes presupostos, dando unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos, sempre desde a fidelidade ao seu mundo e aos seus principios esenciais. Os gravados de Colmeiro son, por tanto, moito máis do que simples complementos da súa pintura, iluminan o proceso de formación e plenitude do pintor e informan sobre a súa situación nos diferentes espazos culturais e, alén diso, documentan as súas máis profundas preocupacións en canto cidadán e en canto artista.

Suscríbete para seguir leyendo